A paz é camiño de esperanza e resurrección
( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial)
Cantos
Mirada agradecida
O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e compartir coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é esperanza porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron. Deste xeito pouco a pouco foron vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser hoxe semente de alegría e esperanza co noso testemuño alí onde esteamos.
Corazón misericordioso
Palabra proclamada
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Os irmáns eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un. Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO
Louvado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte
e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,
a unha herdanza que non se corrompe
nin se afea
nin murcha,
predestinada por Deus para vós;
gracias á fe que vós tedes,
estades protexidos polo poder de Deus
en vistas á salvación
que está para se manifestar, no intre final.
Por iso brincades de alegría, anque agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume e considérase merecente de louvanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, porque conseguíste-lo froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
Paz convosco.
Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
Vímo-lo Señor.
Pero el contestoulles:
Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
¡Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel. Palabra do Señor.
Palabra enraizada
Pascua é paso ledo que fai latexar os corazóns de cantos a queremos vivir como unha experiencia de cambio, renovación e renacemento. Xesús non resucitou para que nós o lembremos ou fagamos unha parodia do que alí pasou naquel tempo. Non. Xesús resucita para que nós o sintamos ao noso lado, connosco, acompasando os nosos pasos, alentando os proxectos, reafirmando as ilusións, acompañando as dúbidas. Os discípulos pasaron de pecharse na casa atenazados polo medo, a dar testemuño do que sentían e vivían: quixeron compartir o seu gozo. O que lles foi cambiando a vida, non para chorar o pasado, senón para alentar o seu presente e albiscar un futuro de plenitude e festa, ao estilo de Xesús. Por iso sentimos que non estamos sos, que El camiña ao noso lado, que non facemos un remedo de algo que xa foi pero non é. Non, Pascua é sentir que seguimos as súas pegadas sabendo que El nos acompaña. Por iso, o mesmo que os cristiáns da primeira hora, tamén nós queremos esforzarnos por seremos:
Oración compartida
Porque Deus non é un Deus morto, dicimos na alegría pascual: ALELUIA, O SEÑOR RESUCITOU.
Grazas, Señor, porque a túa resurrección ábrenos a todas e todos nós camiños de novidade, alegría e paz. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Silencio alborozado
A presenza de Xesús Resucitado trouxo, aos discípulos, ledicia desbordante, unha emoción tan especial que agora as palabras transformáronse en paz, vida, ledicia e certeza. Volveu para cumprir o que lles prometera, unha vida renovada para quen o vira e para os que cremos sen ver.
Entón a nosa vida adquire sentido e a palabra compartir vólvese parte da nosa existencia, compártese a fe, o alimento e a esperanza en Deus, porque El é bo sempre. Estamos a vivir unha alegría en diferentes lugares que confirman que volveu da morte. É a ledicia que estoupa polo feito máis grande e incomprensible da humanidade: a resurrección. Por iso gozamos desta graza singular, a cada quen desbórdalle a alegría do Resucitado, converténdose en fonte de vida, ledicia e paz para os demais. E, sobre todo, de fe! (Rafael Salomón. La sencillez del amor. Vidanuevadigital)
Comentarios