Ir al contenido principal

xoves Santo 2023

ESQUEMA 

 

1)         CANTO DE ENTRADA 

2)        PERSOAS CONVIDADAS Á MESA DA FRATERNIDADE 

3)        RECOÑECENDO A NECESIDADE DO PERDÓN 

4)       GLORIA 

5)        ORACIÓN COLECTA 

6)       PROCLAMANDO A FORZA DA PALABRA 

1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14 2ª Lectura: 1 Co 11,23.26. 

Evanxeo: Xn 13,1-15 

 

7)        PARA FACELA VIDA DE FRATERNIDADE 

8)        CREDO 

9)       POÑENDO O CORAZÓN NA ORACIÓN COMPARTIDA 

10)   OFERTORIO 

11)      NOSO PAI 

12)    PAZ 

13)    COMUÑÓN 

14)   TRASLADO AO MONUMENTO 

15)    FACÉNDOCHE OCO ENTRE NÓS  

16)   ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS  

A FESTA DO AMOR EXPANDIDO

 

CANTO GOZOSO

 

ENTRADA: Onda Ti Noso Pai (Nº 121) 

GLORIA (Nº 14) 

LECTURAS: O amor é o meirande (Nº120) 

OFERTORIO: Ti es o Pan do ceo (Nº 54) 

SANTO (Nº 39) 

COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento (Nº 117) 

 

PERSOAS CONVIDADAS Á MESA DA FRATERNIDADE 

 

A celebración de hoxe invítanos a poñer os ollos na mesa do altar. Mesa de reunión e encontro, mesa de presenza no pan compartido, mesa de solidariedade vivida e despregada en amor compartido. 

Xoves Santo é festa de sinxeleza compartida e de entrega humilde e xenerosa ao servizo de quen nos precise. Canto celebramos esta tarde vai poñendo rostro de servizo e entrega para facer a vida das demais persoas o máis humana, por iso dicimos que é o día da fraternidade sen fronteiras nin lindes. Da fraternidade que une e comparte. 

Dispoñámonos a rezar e agradecer esta mensaxe que fai da nosa vida presenza viva de Deus entre nós.  

 

RECOÑECENDO A NECESIDADE DO PERDÓN 

 

      Por non saber descubrir o teu rostro en quen temos ao noso redor; SEÑOR, QUE FAGAMOS DO TEU AMOR FRATERNIDADE.

      Porque esquecemos que a solidariedade pide saber tender a man a quen a precise; CRISTO, QUE FAGAMOS DO TEU AMOR FRATERNIDADE. 

      Polas veces nas que lle damos as costas á colaboración e participación na comunidade; SEÑOR, QUE FAGAMOS DO TEU AMOR FRATERNIDADE. 

 

GLORIA 

(Cantado (Nº 14)) 

 

PROCLAMANDO A FORZA DA PALABRA 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO 

ÉXODO 

 

O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:  

- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.  

Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.  

Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.  

 

Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.  

 

PALABRA DO SEÑOR 

 

CANTO: O amor é o meirande (nº 120)

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA 

CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS 

Irmáns e irmás:  

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".  

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte.  

 

PALABRA DO SEÑOR 

CANTO: Xesús é Señor (Nº 16)

 

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR 

XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN 

 

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin. 

E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:  

-  Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min?  

Xesús respondeulle:  

-  O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.  

Pedro replicoulle:  

-  Ti non me lavarás os pés a min endexamais.  

Xesús respondeulle:  

-  Se non te lavo, non terás parte comigo.  

Exclamou Simón Pedro:  

-  Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.  

Dille Xesús:  

-  Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.  Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".  

Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:  

-¿Comprendedes o que fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.  

 

PALABRA DO SEÑOR 

 

PARA FACELA VIDA DE FRATERNIDADE 

 

      Un dos xestos que lle dá visibilidade á celebración de Xoves Santo, tal e como vimos de escoitar no evanxeo, é o do lavatorio dos pés. Con el quérese expresar o esforzo, convertido en tarefa, de desprendernos das nosas soberbias, dos nosos egos, do noso crernos con superioridade moral para ver o mundo desde arriba, e xulgar aos demais como se fosen inferiores. Os textos que temos proclamado esta tarde reinciden nesta idea de servizo e xenerosidade para coas demais persoas, o que  nos obriga a que a nosa oración deixe de ser pura rutina para facerse concreción e rostro de persoas e situacións polas que estas pasan cada día. Empobrecidas, migrantes, enfermas, maiores, mulleres maltratadas, persoas atrapadas polo alcol, paradas de longa duración... convértense así en rostro desta sinxeleza e humildade coa que Xesús nos invita a chegarnos e a tender a man sen buscar mérito nin rédito social. Só sabendo que non estamos nada máis que a recoñecer en quen está a pasar por estas situación a imaxe e semellanza do Deus que nos crea iguais en dignidade e dereitos. 

 

      Como ben nos lembraba Paulo, este compromiso de esixencia ética da nosa vida non é unha moda ou unha tradición de Semana Santa, senón a concreción do xesto realizado por Xesús na Ultima Cea. Tampouco nós estivemos alí, pero do mesmo xeito que Paulo o recibiu e transmitiu, tamén nós o temos recibido e temos a urxencia de transmitilo coa vida e coa palabra ás xeracións que veñen tras de nós. Facelo é compromiso e tarefa constante que converte a nosa vida en testemuño; un testemuño que se desprega no recoñecemento da outra persoa como igual, irmá e única -como cada un e cada unha de nós-, presenza viva e, moitas veces lacerante, do Deus a quen rezamos e cuxa fe confesamos sempre que rezamos o credo. 

 

      Tarefa tal non pode ser máis que servizo dunha Igrexa que está no mundo remando na mesma dirección de quen sente que as persoas nin somos números, nin obxectos, nin cousas útiles, senón dignidade compartida no Deus que sempre é amor e solidariedade despregada no bo facer humanizador e liberador. Isto úrxenos a todas as persoas bautizadas, pero dun xeito especial, moi especial, a aquelas que decidiron que a súa vida fose un servizo e unha entrega ao dispor de quen o precisase. Hoxe curas, bispos, papa, relixiosos e relixiosas vénse cuestionados pola fondura dunha esixencia que os compromete e os converte no medio do mundo en espello de Deus. Serán, seremos, capaces de selo?. 

 

POÑENDO O CORAZÓN NA ORACIÓN COMPARTIDA 

 

Na servicialidade dunha presenza expresada no pan compartido da Eucaristía que quedou, para sempre, entre nós, compartimos a oración comunitaria e dicimos :  

 

SEÑOR, QUE SAIBAMOS SERVIR E ACOMPAÑAR 

 

1. Por unha Igrexa servizal, humilde, sinxela e sempre acolledora, OREMOS. 

2. Por unas comunidades parroquiais que non se deixan empobrecer pola rutina, os costumes ou a falta de ilusión, OREMOS. 

3. Polas persoas que conforman as diferentes Cáritas parroquiais, para que sigan dando testemuño de xenerosidade e acompañamento das persoas que se sintan soas, enfermas, empobrecidas ou precisadas de escoita, OREMOS. 

4. Para que os curas, os bispos, as relixiosas e relixiosos, nunca se crean con superioridade moral de ser perfectos e mellores que os demais, OREMOS. 

 

 

Señor, neste día de presenza viva no pan e na vida, poñemos baixo o teu amparo e alento a nosa oración comunitaria. P.X.N.S. 

 

FACÉNDOCHE OCO ENTRE NÓS 

 

Pai, que sexamos unha comunidade que se purifica e se renova: 

      Que aprendamos do pasado a ser persoas humildes e con esperanza; 

      Que saibamos escoitar mellor e nos deixemos interpelar pola dura realidade da exclusión, o maltrato, a invisibilidade e a pobreza na que viven a maioría das persoas; 

      Que nos deixemos evanxelizar pola xente empobrecida e que nos fagamos persoas pobres; 

      Que apoiemos todos os movementos a favor do servizo e a solidariedade e axudemos a que xermolen outros novos; 

      Que sexamos relación de acollida sen dar as costas a quen nos precise; 

      Que aprendamos dos sinais dos tempos a converter o evanxeo en vida; 

Que nos deixemos acompañar pola a forza do Espírito desde o amor humilde, sinxelo e sempre misericordioso ao estilo de Xesús. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...