Ir al contenido principal

3 domingo Pascua 2023

NO CAMIÑO DA VIDA VAI CON NÓS O RESUCITADO

 

CANTO GOZOSO

 

⬁ ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
⬁ LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
⬁ OFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
⬁ COMUÑÓN: Quédate Señor connosco (Nº 63)

MIRADA AGRADECIDA

Estamos celebrando a resurrección de Cristo e o camiño que ela nos abre: un camiño de vida, de renovación, de superación, de esperanza... un camiño novo. Porque Cristo resucitou, todo é posible; porque Cristo resucitou, convídasenos a soñar o imposible; porque Cristo resucitou somos invitadas e invitados a desbotar da nosa vida os medos e a desesperanza.

Por iso estamos aquí nesta mañá o primeiro día da semanaxuntas e xuntos como comunidade de ...................... para compartir o Pan e a Palabra de Vida.

Abramos o corazón e deixémonos sorprender!.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

∗ Porque coma os dous de Emaús non somos quen de recoñecerte nas persoas que camiñan con nós; SEÑOR, ACOMPAÑA OS NOSOS PASOS.
∗ Porque coma aos dous de Emaús cústanos comprender que somos persoas limitadas e fráxiles, e que precisamos dos demais, CRISTO, ACOMPAÑA OS NOSOS PASOS.
∗ Porque coma os dous de Emaús deixámonos levar pola desesperanza e polo derrotismo; SEÑOR, ACOMPAÑA OS NOSOS PASOS.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:

Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras. Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio. Xa David di del:

Eu vía decote o Señor diante miña,

xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;

por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,

e mesmo a miña carne acougará esperanzada;

porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos

nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.

Déchesme a coñecer camiños de vida,

encherasme de gozo coa túa presenza.

Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós. Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO

Aínda que lle podedes chamar Pai ó que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar. Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha. El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS 

Dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:

¿De que ides falando polo camiño?

Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:

¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?

El preguntou:

¿De que, logo?

Eles contestaron:

Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.

Entón díxolles:

¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

E comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

Ao entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:

Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.

Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:

¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?

E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:

É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.

Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

✓ Tempo para rexurdir: A primeira lectura deste tempo pascual pertence ao libro dos Feitos dos Apóstolos, escrito polo evanxelista Lucas coa intención de mostrar a vida daquelas persoas cristiás da primeira fornada. No fragmento de hoxe podemos ler: Déchesme a coñecer camiños de vida, encherasme de gozo coa túa presenza. Esta sentencia recolle sinxela e profundamente o que para cada unha e cada un de nós significa a Pascua. Porque Pascua é xustamente iso: unha toma de conciencia de que se nos dan a coñecer camiños de vida. Por iso Pascua é tempo para rexurdir, para saír do longo inverno, da longa noite de pedra na que moitas veces nos atopamos. Queda prohibido, xa que logo, deixarnos levar na rutina, pois convídasenos a explorar novos camiños, a ser capaces de mirar cos ollos de Deus o mundo e ás persoas que nel vivimos.
✓ Tempo para agradecer: Se así o faremos caeremos na conta de que temos moito que agradecer, como nos lembra a carta de Pedro. Temos que agradecer a vida que se nos regala, a familia que nos quere e nos atura, as amizades que nos regalan o seu tempo e o seu sorriso, o traballo que nos permite realizarnos como persoas, a natureza que se pon ao noso dispor.... e a fe, pois como cantamos moitas veces: no colo da miña nai escoitei que morreras por min e aínda é hoxe o día que creo en TiUnha fe que nos dá a certeza de saber que Deus camiña ao noso lado.
✓ Tempo para abrir os ollos: Para que non nos ocorra coma aos de Emaús, que fixeron un treito do camiño na compaña de Xesús; pero non foron quen de recoñecelo.Atopámonos cada día co rostro de Xesús ao cruzarnos con moitas persoas; pero non somos capaces de recoñecelo. Por que será? Porque coma eles, tampouco nós cremos o testemuño dos que si saben descubrilo e percibilo ao seu lado? Porque, a diferenza dos sinxelos e pequenos, pensamos que o imos recoñecer en templos maxestosos ou en celebracións con moito fume e boato? Porque, si, é verdade: El está no pan da Eucaristía; pero ese pan é o que temos que recoñecer cando nos achegamos a un veciño que non está ben, a un enfermo que está solo ou a unha persoa que despois de tentalo moitas veces, volve fracasar de novo. Aí, ao redor da mesa da vida, a mesa que non ten nin porta nin tellado; aí nas persoas, é onde temos que recoñecer a Xesús. Partamos con El, con elas o pan.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

A Xesús, que acompaña o noso camiñar e parte para nós o seu pan, dicímoslle con esperanza e convencemento:

GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO

• Pola Igrexa, para que saiba ser sempre no noso mundo testemuño do Resucitado para todas aquelas persoas que buscan, coma os discípulos de Emaús, un sentido para o seu esforzo, para a súa loita, para a súa dor e para os seus fracasos na procura dun mundo máis xusto e humano, OREMOS.

GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO

• Polas nosas comunidades, para que sexan lugares de encontro co Resucitado na Palabra, na fracción do pan e no compromiso coas persoas pobres, OREMOS.

• Por cada un e cada unha de nós, para que descubramos que a fe é o motor que pon sal, ilusión, ganas e ilusión na nosa vida, e así nunca caiamos na doada tentación de deixar o camiño inacabado, sen ganas para novos proxectos, OREMOS.

GRAZAS POR QUEDARES CONNOSCO

Acolle, Señor, a oración que acabamos de compartir como comunidade reunida no teu nome. PXNS. Amén.

 

MIRADA ESPERANZADA

 

Tamén nós imos pola vida coma os discípulos de Emaús:

pensando que a vida non ten sentido, crendo que todo é negro,

incapaces de ver cos nosos ollos a claridade do día e as estrelas da noite;

coa tentación de crer que a dor é máis forte cá vida;

dicindo que isto non ten saída, que non hai quen o amañe;

facéndonos demasiadas ilusións.

Señor, non poderías saír hoxe ao camiño e pasear connosco?,

non poderías levantar a nosa esperanza,

quedar a comer e quentar o noso corazón frío;

non poderías facer algo para descubrir a túa presenza?

Non poderías repetir aquela escena de Emaús na nosa vida?.

Non poderías, Señor, non poderías…?

Si, sabemos que podes…

Quizá é que hoxe estamos, coma daquela,

cos ollos mergullados na cegueira e nubrados de tristura 

diante da dor que nos rodea.

Pero si, sabemos que podes….

Por iso, unha vez iluminados, mantémonos á túa espera.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...