Escoitar e xaxuar. Coresma, tempo de conversión
SINAL DE CORESMA
Colocamos a terceira pedra por riba do altar.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)LECTURAS: A auga do Señor (Nº 125)
OFERTORIO: Oh, Señor, escólleme (Nº 62)
COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
ESPERTANDO Á RÚAH
De portas vai hoxe a Palabra de Deus. Portas que se nos invita a atravesar; portas que van poñendo límites e respecto no trato ás persoas; portas que, unha vez atravesadas, fan posible o diálogo, a escoita, a conversa, o recoñecemento do meu e da miña interlocutora como igual. No diálogo de Xesús coa muller samaritana escoitarémolo. El rompe barreiras e supera os medos ao que dirán, porque para El o importante é o que a muller saia do sempre foi así no enfrontamento entre xudeus e samaritanos. Xesús quere, e consegue, traspasar esa porta á beira do pozo, e acaba conseguindo que a muller tamén o faga. Porque aos ollos de Deus non hai diferenzas entre unhas e outras persoas; as diferenzas ímolas creando nós cos prexuízos, coas distancias, coa violencia, co maltrato.Como sabemos a cor da coresma é o violeta, cor de conversión, de cambio, de renovación e transformación persoal. E cada un dos domingos váisenos invitando a traspasar a porta violeta da nosa vida que supón deixar atrás, e sen ningún tipo de remorso, todas aquelas actitudes e comportamentos que van a contrapé do proxecto de Xesús. Un proxecto que nos fai iguais, que rexeita o desprezo por mor do xénero, da maneira de vivir o amor e os afectos, do xeito de entender a vida ou da cor de pel que poidamos ter. Deste xeito a cor violeta convértese para tódalas persoas crentes nunha cor de esperanza, de novidade para encarar o futuro desde o presente. Un presente que non supón silencio diante do menosprezo das persoas nin desigualdade nun mundo no que, dicindo que somos iguais, acaba por marcar diferenzas de desigualdade.
Que hoxe, no día internacional da muller, no día no que a cor morada volve ser sinal de conversión, cambio e renovación, no día no que pedimos, desde o evanxeo, como veremos no diálogo de Xesús coa muller samaritana, que fagamos do diálogo encontro e escoita sempre igualitaria, saibamos tamén todas e todos nós atravesar a porta violeta que deixe atrás prexuízos, violencia, discriminación e desigualdade.
E que mellor que esta mañá para comezar a facelo!
SUPERANDO A DISTRACCIÓN
- Porque somos máis de pechar portas que de abrilas; SEÑOR, QUE LLE ABRAMOS A PORTA Á TÚA MISERICORDIA.
- Porque moitas veces o morado non é da conversión, senón dos moratóns; CRISTO, QUE LLE ABRAMOS A PORTA Á TÚA MISERICORDIA.
- Porque os nosos desacougos prodúcenos mananciais secos e cheos de tristura; SEÑOR, QUE LLE ABRAMOS A PORTA Á TÚA MISERICORDIA.
PALABRA OFRECIDA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
SALMO RESPONSORIAL
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz
Vide, cantémoslle ó Señor,aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presencia con louvanza,
aclamémolo con cancións.
Vide, adorémolo postrados,
axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.
El é o noso Deus
e nós somos o seu pobo,
o rabaño que guía a súa man.
¡Se escoitasedes hoxe a súa voz!
Non endurezades o corazón, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
cando vosos pais me tentaron,
provocáronme aínda que viran os meus feitos.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacobe a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacobe. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
Dáme de beber.
Preguntoulle entón a muller samaritana:
¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
Replicoulle a muller:
Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacobe, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
A muller suplicou:
Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora é xa agora en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar tódalas cousas.
Díxolle Xesús:
Son eu, o que está falando contigo.
Moitos samaritanos daquela vila creron nel
Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE
Hoxe é 8 de marzo, día internacional da muller. Que ben nos acae que este día coincida co terceiro domingo da coresma, no que no evanxeo irrompe con forza a muller samaritana para discutir de teoloxía con Xesús á beira do pozo. Que razón tiña Xoán Paulo II cando na sua Carta apostólica Mulieris dignitatem dicía que Xesús é o auténtico promotor da dignidade da muller, o que ás veces provocaba e provoca estupor, sorpresa e mesmo chegaba ate o límite do escándalo. Mágoa que todo ese traballo feito por Xesús se perdese! Mágoa que a porta violeta da dignidade e do respecto que el abriu se volvese pechar no nome dun deus patriarcal e misóxino que nada ten que ver co Deus Pai-Nai que nos mostra Xesús. O diálogo coa samaritana é toda unha lección de que o respecto á dignidade que Deus pon no noso corazón é a única liña vermella que non podemos traspasar. Non podemos, xa que logo, fabricar fronteiras artificiais que fan fa uns (os homes) superiores e a outras (as mulleres), inferiores. Non foi iso o que nos ensinou Xesús, que certamente podemos afirmar sen medo a equivocarnos que era feminista. Por que nós seguimos ancorados nun patriarcado que nos reseca?
Por iso somos convidadas e convidados a debuxar coas nosas palabras e, sobre todo, co noso testemuño, a porta violeta da igualdade. Esa porta que é esperanza, esa porta que é liberación, esa porta que é frescor que calma a nosa sede de igualdade. Porque a nós tamén pode ocorrernos, como lle ocorría á samaritana, que non entendamos que para curar esta sede precisamos decatarnos de que a temos, pois só así tentaremos buscar como saciala. A educación que recibimos moitos e sobre todo moitas de nós é unha educación que perpetúa os roles de xénero: as mulleres reducidas ao ámbito doméstico e os homes ao mundo exterior. Todas e todos nós, aínda que nos custe recoñecelo, deixámonos levar moitas veces polas diferentes máscaras coas que se disfraza o machismo e a desigualdade: cando consideramos ás mulleres como seres fráxiles, cando nos nosos comentarios as tildamos de inestables e inseguras, cando coas nosas expresións estamos presupoñendo rancios tópicos (o cotilleo só é cousa de mulleres, dicimos moitas veces), cando quedamos no superficial, no papel de agasallo, na beleza física; e non somos capaces de afondar e entablar un diálogo de igual a igual... Si, certamente o 8M é unha boa ocasión para celebrar que home e muller somos creadas e creados a imaxe de Deus e temos a mesma dignidade. E iso, só iso, é o feminismo. Que o morado da Coresma nos axude a traspasar a porta violeta da igualdade e do respecto.
PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN
QUE NOS ESFORCEMOS POR ATRAVESAR A PORTA VIOLETA
- Que tamén nós, Señor, saibamos ser Igrexa que se esforce por atravesar a porta violeta, deixando de ser unha Igrexa patriarcal e piramidal para converternos nunha Igrexa feminista e sinodal, OREMOS
- Que tamén nós, Señor, nos esforcemos por ser comunidades que acollen a todas as persoas feridas pola dor e a fraxilidade na vida, que buscan en nós a auga que as refresque, OREMOS.
- Que tamén nós, Señor, saibamos atravesar a porta violeta que deixe atrás prexuízos, violencia, discriminación e desigualdade. OREMOS.
FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO
como fixeches coa samaritana aquela
faralo comigo tamén.
Quero verme contigo,
quero falar de vagariño contigo,
quero contarche eu a miña vida toda,
sen deixar que nada apouse e podreza
no fondo do meu corazón.
Quero que a túa luz
ilumine as tebras da miña vida
sen cegarme nin destruírme;
quero que a túa esperanza
reanime os meus pes cansos;
que a túa auga viva
mate e cure para sempre a miña sede interminable.
M. Regal
Co Evanxeo pola man, páx. 90
Comentarios