Ir al contenido principal

Domingo de Ramos 2026

 ENTRE O CEO E A TERRA  

DOMINGO DE RAMOS  

ESQUEMA  



FÓRA DO TEMPLO


SAÚDO
POR QUE ESTAMOS AQUÍ?
PROCLAMACIÓN DA PALABRA
Is 50,4-7
Mt. 21, 1-1
ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS
CANTO PROCESIONAL: Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)


DENTRO DO TEMPLO

ORACION COLECTA
ACOLLAMOS A SÚA PALABRA
DEIXÁNDONOS REMOER POLA FORZA DA PALABRA
PROFESAMOS A FE QUE NOS UNE
SENTÍNDONOS COMUNIDADE PARTICIPATIVA E SOLIDARIA
COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
SEGUIMOS CAMIÑANDO NA BUSCA DA PLENITUDE
BENDICIÓN

E o señor púxose ao camiño  

Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.

Saúdo de quen preside/dirixe

Estamos fóra da Igrexa, onde Xesús non cansaba de dicir que tiñamos que dar razón da nosa esperanza, no medio da xente, sen pecharnos dentro dos templos. Seguindo esta invitación, hoxe queremos poñernos no camiño que nos levará da entrada en Xerusalén -leda, acolledora e festiva- ao triunfo da resurrección, a gran festa da esperanza das persoas seguidoras de Xesús.
Que os ramos e palmas que hoxe levamos nas nosas mans sexan sinal de que neste camiño a natureza que Deus puxo ao noso dispor vai ser respectada, coidada e protexida. Que as nosas palmas e ramos nos axuden a tomar conciencia do noso compromiso por conservar a casa común, onde ningunha persoa é estraña, a casa onde convivimos acollendo e non expulsando, aprendendo a entender estilos, formas e maneiras que enriquecen e evitan vivir da nostalxia do que foi e xa nunca volverá ser.
Camiñemos logo nesta invitación de unir e remar nunha mesma dirección: a dirección que sempre leva a Xesús.

POR QUE ESTAMOS AQUÍ?  

Imos logo comezar este camiño tan rico en símbolos e a través do que mostramos que a invitación que Xesús lle fixo aos apóstolos, convértenos agora a nós nas persoas continuadoras daquela misión que nos chama a ser: ser sementadores e sementadoras de entendemento, igualdade, xenerosidade e fraternidade. Deus non fai distingos; para El homes e mulleres somos iguais e temos unha única misión: dar razón de esperanza coa nosa vida, acollendo a súa misericordia no sacramento do perdón, gozando da súa presenza como pan que alimenta a vida na Eucaristía ata vivir a tristura do fracaso e desespero no Venres Santo. Poñámonos logo en camiño para chegar á meta.

pROCLAMACIÓN DA PALABRA    

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA  DE ISAÍAS 

O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá. El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo. O Señor Iavé abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas. Pero o Señor axudarame, por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO EVANXEO SEGUNDO LUCAS 

E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles: - Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ó Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta: Dicídelle á filla de Sión: Velaí o teu Rei que vén onda ti, humilde e montado nunha burra, nun burro, fillo de animal de carga.
Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
- ¡Hosanna ó Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna nas alturas!
E ó entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
- ¿Quen é este?
A xente respondía:
- Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.
PALABRA DO SEÑOR

ACOLLENDO A Bendición DE DEUS  

Señor, imos comezar este camiño que nos leva a gozar da vida coa  bendición destes ramos e palmas que hoxe traemos as persoas que participamos desta celebración.  

Sabendo que Ti tamén queres acompañarnos nesta andaina,  pedímosche que a túa bendición se faga presente entre nós, de xeito  que poidamos ser testemuñas de unión e colaboración para facer desta  comunidade berce de solidariedade, entendemento e diálogo.  

Bendí + estes ramos e palmas, cos que mostramos que comezamos o  

camiño que nos leva a participar comunitariamente de Semana Santa de vida e resurrección. P. X.N.S. Amén. 

(Ao remate da bendición, comezamos a procesión cara á igrexa cantando) 

CANTO PROCESIONAL: Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)


Camiñarei na presenza do Señor,
camiñarei na presenza do Señor.

1. Amo ao Señor porque escoita a miña voz suplicante, porque achega a min o seu oído, no día que o invoco. Amo ao Señor, porque escoita a miña voz. 
2. Envolvíanme lazos de morte, atopeime en apuro e aflición, invoquei o nome do Señor, Señor, salva a miña.
3. Amo ao Señor porque escoita a miña voz

ORACIÓN COLECTA  

Fai crecer, Señor, a fe das persoas que esperamos en Ti e escoita as  oracións das que a ti acudimos; para que ao erguer hoxe os ramos e as  palmas en honor de Cristo vitorioso, permanezamos nel dando froito  abundante de boas obras. P.X.N.S. Amén. 

  

ACOLLAMOS A súa PALABRA  

PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO  SEGUNDO MATEU

Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou: - ¿Es ti o rei dos xudeus?
Xesús contestou:
- Ti o dis.
E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mailos senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
- ¿Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.
Resulta que pola festa tiña o costume de ceiba-lo preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás. Pilato dirixiuse ó pobo reunido:
- ¿A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir: - Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
Pero os sumos sacerdotes e mailos anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
- ¿A quen queredes que vos libere?
Eles dixeron:
- A Barrabás.
Díxolles Pilato:
- ¿E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
E responderon todos:
- ¡Que o crucifiquen!
El replicou:
- Pero, ¿que mal fixo?
Pero eles berraban máis forte dicindo:
- ¡Que o crucifiquen!
Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo: - Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
Todo o pobo respondeu dicindo:
- Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.
Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
- ¡Saúde, rei dos xudeus!
Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús. Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. Despois sentaron alí a ter conta del.
Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza e dicindo: - ¡Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus. Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
- ¡Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! ¡É o rei de Israel! ¡Que baixe agora da cruz e creremos nel! Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".
Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:
- Elí, Elí ¿lemá sabactaní?
Isto é: Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonaches? E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban: - Este chama a Elías.
Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. Pero os demais dicían: - Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma. Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos. O centurión e mailos que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
- Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.
PALABRA DO SEÑOR

(ou máis breve) 

PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO  SEGUNDO MATEU

Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. Despois sentaron alí a ter conta del.
Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza e dicindo: - ¡Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus. Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
- ¡Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! ¡É o rei de Israel! ¡Que baixe agora da cruz e creremos nel! Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".
Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:
- Elí, Elí ¿lemá sabactaní?
Isto é: Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonaches? E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban: - Este chama a Elías.
Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. Pero os demais dicían: - Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma. Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos. O centurión e mailos que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
- Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.
PALABRA DO SEÑOR

Deixándonos remoer pola forza da Palabra

• A celebración de hoxe é longa, e por si sola vainos falando, sen precisar moita explicación. A paixón que acabamos de escoitar lémbranos que comezamos hoxe esta primeira etapa do camiño que nos levará á Pascua. Se algunha vez tedes feito o Camiño de Santiago, desde calquera dos traxectos, entenderedes ben o que estou a dicir. Cando un comeza está moi contento e cheo de expectativas, mesmo comeza a camiñar sen ritmo e con moita présa, como se o mundo non tivera mañá. Este sería o Domingo de Ramos.

• A medida que se vai avanzando, van chegando novas realidades. O camiño faise máis duro e difícil e precísase a axuda de que vai ao noso lado. Descubrimos que precisamos alimentarnos ben porque nas etapas consumimos moitas calorías e nelas imos deixando moita enerxía. Pois aquí temos o Xoves Santo da Eucaristía. Xesús quere ser alimento para o noso camiñar, por iso nos deixa este fermosísimo sinal naquela tarde; sinal que imos repetindo cada domingo para alentar e alimentar a fe.

• Pero tamén no camiño veñen as dificultades, e moitas veces as ganas de abandonar, de deixalo, de rematar de vez aquilo que con tanta ilusión se comezou. Aquí temos o Venres Santo da dor, da dificultade, da tristura, do contrapunto a canto pensabamos que ía ser.

• Pero seguimos, as dificultades vanse superando e así, so así podemos chegar ao remate. E para nós ese remate é o Domingo de Resurrección. Cando xa ninguén daba un peso por Xesús e polo que fora dicindo, resulta que chega a esperanza: resucita!, e faino para que sigamos camiñando, para que non quedemos na desesperación, para que a tristura non nos desalente nin desacougue.

• Pois todo isto ímolo vivir ao longa da semana que hoxe comezamos. Esforcémonos por chegar, superados atrancos e dificultades, á meta da Pascua.
PROFESAMOS A FE QUE NOS UNE

✓ Credes no Deus Pai/Nai que acompaña o noso camiñar facéndonos compañía nos pasos da nosa vida? Si, creo. ✓ credes no seu fillo Xesús, que no seu amor e xenerosidade se fai compañeiro da nosa viaxe facéndose coma nós, e acompañándonos neste camiñar ? Si, creo.

✓ Credes no Espírito Santo renovador, que como vento de esperanza vai facendo que a nosa fe sexa verdadeiro compromiso de solidariedade e xustiza? Si, creo.

✓ Credes na igrexa, comunidade poliédrica e plural que quere estar no mundo para mostrar que o proxecto de Deus é posible se buscamos unir e non separar, dialogar e non enfrontar? Si, creo.

✓ Credes na esperanza da resurrección que un día nos levará a gozar da eternidade de Deus, ao lado de todas as persoas que pasaron pola nosa vida deixándonos pegada de amor? Si, creo.

Esta é a nosa fe que compartimos hoxe poñéndonos no camiño da pascua. amén.
SENTÍNDONOS COMUNIDADE PARTICIPATIVA E SOLIDARIA

No comezo deste camiño de Ramos a Pascua, compartimos agora a nosa oración comunitaria, e facémolo dicindo:
QUE OS RAMOS DAS NOSAS MANS SEXAN SINAIS DE PAZ E FRATERNIDADE.
Para que sexamos sempre Igrexa en camiño e sinodal, onde a participación non sexa parcela de poder, senón servizo comunitario; OREMOS.
QUE OS RAMOS DAS NOSAS MANS SEXAN SINAIS DE PAZ E FRATERNIDADE
Para que sexamos parroquias participativas, sen negar a colaboración e a participación a ninguén, porque a fe non é uniformidade, senón pluralidade aberta; OREMOS.
QUE OS RAMOS DAS NOSAS MANS SEXAN SINAIS DE PAZ E FRATERNIDADE. Para que nós non nos creamos nunca nin mellores nin á marxe da comunidade, por moita colaboración, participación e servizo no que nos comprometamos. Porque, como di Xesús, na Igrexa cabemos todos e todas; OREMOS.
QUE OS RAMOS DAS NOSAS MANS SEXAN SINAIS DE PAZ E FRATERNIDADE.
Para que o camiño que hoxe iniciamos nos faga ver que a fe ha ser sempre motor de liberación e fraternidade da nosa vida e do noso xeito de tratarnos e respectarnos; OREMOS.
QUE OS RAMOS DAS NOSAS MANS SEXAN SINAIS DE PAZ E FRATERNIDADE.
Grazas, Señor, por acompañarnos neste camiño dos Ramos á Pascua, da entrada leda á chegada plena e esperanzada. P.X.N.S. Amén.

SEGUIMOS CAMIÑANDO NA BUSCA DA PLENITUDE

Leigos, sacerdotes e bispos camiñando xuntos. Cada un co seu propio carisma. Necesitamos consellos que recollan a voz de todos e nos impulsen cara adiante. Poñamos fin ao "o que digas", "sempre se fixo así", "aquí mando eu". Só marchando xuntos se fará realidade. Unha renovación que comeza na parroquia e chega á diocese para crear xuntos a gran familia da Igrexa. A parroquia será a célula viva que impulse a Sinodalidade.
«Recoñecer a importancia do papel e o lugar das mulleres na Igrexa dá credibilidade á mensaxe do Evanxeo, pero sobre todo, ofrece unha oportunidade para presentar unha verdadeira imaxe de Deus. Existe un recoñecemento xeneralizado polo don que as mulleres representan na transmisión da fe e na vida das comunidades e, ao mesmo tempo, unha demanda de que sexan escoitadas máis plenamente e poidan contribuír moito máis, tendo en conta a diversa realidade das mulleres. A súa presenza activa en todos os ámbitos da vida da Igrexa considérase prioritaria, incluíndo a participación, a formación e os órganos de toma de decisións, así como a asunción de responsabilidades a nivel pastoral e ministerial». (Resumo da Conferencia Episcopal Española) Levamos dicindo isto moito tempo, pero é hora de que se faga realidade. A nosa Igrexa non será sinodal se as mulleres non están en igualdade de condicións cos homes. (Francisco Sánchez. Cura de Tarazona)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Pascua 2025

  CANTO GOZOSO Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123) Na procesión cara ao templo : A Cristo cantamos (Nº 110) Lecturas 1ª Manda o teu Espírito (Nº 125) 2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33) 3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113) 3ª Dános un corazón 4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis) Aspersión: A auga do Señor (Nº 124) Ofertorio : Sementar, sementarei Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39) Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43) Paz : Que veña a paz (Nº 45) Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)  Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz SINAL No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección. COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos...