CANDO A FERIDA SE VOLVE LUZ
CANTO GOZOSO
· ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)· ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
· LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
· OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
· COMUÑÓN: Pan do Ceo (Nº 53)
MIRADA AGRADECIDA
Ao longo de toda a cincuentena pascual leremos fragmentos do libro dos Feitos dos Apóstolos, que Lucas escribe como continuación do seu evanxeo. Nesta Palabra proclamada iremos descubrindo e refrescando as actitudes e os comportamentos que caracterizaban a aquelas primeiras persoas seguidoras de Xesús. Se cadra é un bo momento e un bo espello para mirarnos nós, comunidades herdeiras e custodias dunha mensaxe, para reflexionar ao respecto de que temos perdido co paso do tempo, con que nos temos contaminado e que é o que temos que mudar para ser máis fieis á mensaxe e ao camiño que Cristo Resucitado nos abriu e nos abre.Neste segundo domingo da Pascua, fálasenos de fraternidade e de solidariedade. Ámbalas dúas son chagas do mundo de hoxe, un mundo violento e individualista. Pero tamén son chagas presentes nunha Igrexa que dista moito de ser sinodal e fraterna e que moitas veces está máis preocupada por conservar un estatus e unhas riquezas que por ser unha Igrexa pobre e para as persoas pobres.
Que a celebración que agora comezamos nos faga camiñar fraternal e solidariamente na Pascua e sempre, porque só en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida nova de Xesús.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
· Porque nos faltan constancia e perseverancia e nos sobran présas e arroutos, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS CAMBIE O CORAZÓN.
· Porque seguimos camiñando como persoas cheas de medo e de vergoña, coas portas pechadas, sen dar testemuño da túa resurrección; CRISTO, QUE A TÚA AUGA NOS CAMBIE O CORAZÓN.
· Porque andamos a meter a man nas chagas e nas feridas dos irmáns e das irmás para causarlles máis dor, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS CAMBIE O CORAZÓN.
A LUZ DA PALABRA REGALADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Os irmáns eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un. Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo.PALABRA DO SEÑOR.
SALMO RESP.
Cantádelle ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordiaQue o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
que o diga a casa de Aharón:
o seu amor é eterno;
que o digan os que temen ó Señor:
o seu amor é eterno.
Cantádelle ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordia
Empurran, empurran para tirarme,
pero o Señor é o meu auxilio.
O Señor é a miña forza, o meu cantar,
El é a miña salvación.
Óense cantares de gozo e de vitoria.
nas moradas dos xustos:
a dereita do Señor é valente.
Cantádelle ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordia
A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
Este é o día en que obra o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.
Cantádelle ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordia
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO
Louvado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte
e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,
a unha herdanza que non se corrompe
nin se afea
nin murcha,
predestinada por Deus para vós;
gracias á fe que vós tedes,
estades protexidos polo poder de Deus
en vistas á salvación
que está para se manifestar, no intre final.
Por iso brincades de alegría, anque agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume e considérase merecente de louvanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, porque conseguíste-lo froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:- Paz convosco.
Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
- Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
- Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
- Vímo-lo Señor.
Pero el contestoulles:
- Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
- Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
- Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
- ¡Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
- ¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.
PALABRA DO SEÑOR
ALUMEA NA TEBRA
1. A comunidade como lugar da Resurrección (Feitos 2,42‑47)Ao longo desta cincuentena pascual imos acompañando aquelas primeiras comunidades que naceron da forza do Espírito. Dicía Lucas que “perseveraban na ensinanza dos apóstolos, na fracción do pan e nas oracións”. Esa constancia, esa sinxeleza compartida, é o primeiro milagre da Pascua: xente moi distinta unida pola mesma fe e o mesmo pan. Non é unha comunidade perfecta, pero si unha comunidade que se deixa transformar polo Espírito. E diso nace todo o demais: a fraternidade, o compartir dos bens, a solidariedade... Aquela Igrexa primeira non tiña templos nin institucións… pero tiña algo máis grande: o desexo sincero de vivir como irmáns e de facer visible o Evanxeo.
Cando compartían o pan, compartían tamén a vida. Quizais sexa tempo de preguntarnos se hoxe seguimos sendo comunidades así, porque ás veces custodiar estruturas é máis doado que coidar relacións. E a Pascua invítanos precisamente a iso: a redescubrir a beleza de vivir e crer en comunidade, de deixarnos renovar polo Espírito.
2. A fe probada e purificada pola esperanza (1 Pedro 1,3‑9)
Pedro fálanos dunha fe que pasa pola proba, pero que non se perde. Non é unha fe perfecta nin triunfante, senón unha fe ferida, como as mans de Cristo. A nosa fe tamén pasa probas: decepcións, dor, silencio de Deus, tempos de escuridade... Mais, nese camiño, o Resucitado acompáñanos. Estamos chamadas e chamados a redescubrir esta alegría fonda da fe: non a dun sentimento pasaxeiro, senón a que brota de saber que, malia todo, a vida ten sentido porque Cristo vive. A súa presenza non borra as feridas, pero dálle sentido.
3. O encontro que transforma a incredulidade (Xoán 20,19‑31)
No Evanxeo vemos as portas pechadas e os discípulos pechados tamén por dentro. Nesa clausura, Xesús entra e di: “A paz estea convosco”. A paz non é o silencio nin a parálise, senón a presenza amorosa de Deus que rompe o medo. Tomé, símbolo da nosa incredulidade, quere tocar as chagas; e Xesús non o reprende, senón que llas ofrece. Deus non se aparta das nosas fraxilidades, senón que as habita. Porque a fe non se impón, regálase desde a misericordia. Cando Tomé exclama “Meu Señor e meu Deus”, non o fai por ter visto, senón porque se sente comprendido: non é o ver o que o salva, é o sentirse amado así, con paciencia, con tenrura.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
- Estades dispostas e dispostos a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou disposta.
- Estades dispostas e dispostos a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou disposta.
- Estades dispostas e dispostos a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou disposta.
- Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
- Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
- Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
FRATERNIDADE ORANTE
Xesús resucitou e iso quere dicir que ningunha vida está perdida, que ningún sufrimento ten a última palabra. Por iso, con moita confianza e coa alegría de sabernos escoitadas e escoitados, imos presentar ao Pai todo o que levamos no corazón: as nosas gañas de mellorar, as nosas dúbidas e tamén a vida de tantas persoas que hoxe necesitan un sinal de esperanza.Respondemos:
TI QUE HABITAS NAS NOSAS FERIDAS, CONVÉRTEAS EN LUZ.
1. Pola Igrexa e todas as comunidades cristiás: Para que non sexamos un grupo pechado nin triste, senón unha casa de portas abertas onde calquera persoa, pense como pense, se sinta acollida e querida, OREMOS.
2. Polos que mandan no mundo: Para que a luz da Pascua lles faga entender que o poder só serve para axudar, para que traballen de verdade pola paz e por un reparto xusto do que hai na terra, OREMOS.
3. Polas persoas que hoxe están no sepulcro: as enfermas, as que non teñen traballo, as que sofren a soidade ou o desprezo. Para que sintan que non están soas e que nós somos esa man tendida que as axuda a levantarse, OREMOS.
4. Pola nosa contorna e pola natureza: Para que aprendamos a coidar a vida en todas as súas formas, protexendo a terra e os mares como o gran agasallo que Deus nos deu para todos, OREMOS.
5. Pola nosa comunidade aquí reunida: Para que esta alegría da Pascua non se nos pase ao saír pola porta, senón que saibamos levala á nosa familia, aos nosos veciños e aos que peor o están pasando, OREMOS.
Escoita, Pai, estas intencións que hoxe poñemos na túa mesa. Ti que es o Deus da Vida e que nos queres felices, axúdanos a ser testemuñas da alegría de Xesús hoxe e sempre. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
As portas estaban pechadas e o aire cargado de medo.Mais Deus non queda fóra.
Entra en silencio, coma quen non precisa chamarse.
Ponse no medio e di simplemente: A paz estea convosco.
Tomé non estaba.
E cando lle contan, non pode crer.
Quere ver, quere tocar, coma nós tantas veces.
Non é incredulidade, é sede de verdade.
E Deus entende a sede: espera, espéranos sempre.
Cando volve, Xesús amosa as súas mans, as feridas abertas.
Tomé xa non precisa tocar.
Crer é iso:
non posuír certezas, senón seguir buscando luz entre sombras.
Non negar a ferida, senón deixala iluminar.
Crer é saberse mirada e mirado.
E no espello desas mans abertas, entender que tamén en nós,
ao final, a ferida pode volverse luz.
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo é perdelo todo por unha soa cousa: o Reino de Deus.
Comentarios