Ir al contenido principal

5 Pascua 2026 A

 A CASA FAINA O PAN COMPARTIDO NO ALTAR DA DIGNIDADE: PREPARAR O CUARTO A TRAVÉS DO REPARTO 

 

CANTO GOZOSO

 

ö ENTRADA: Camiñando pola vida

ö ASPERSIÓN: A auga do Señor

ö LECTURAS: Eu soñei O Señor é o meu pastor (Nº 27)

ö OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)

ö COMUÑÓN: Ti es camiño e verdade (Nº 57)

MIRADA AGRADECIDA

Benvidas e benvidos a esta mesa, que hoxe é máis camiño que templo.

Hoxe a Palabra ponnos diante dun espello que ás veces incomoda: a primeira comunidade cristiá tiña un problema de xustiza, non de rezos. Mentres uns falaban do ceo, as viúvas quedaban atrás no reparto. Alí naceu a nosa primeira gran lección: non hai espiritualidade real se alguén queda fóra do reparto da dignidade. Aquela decisión de buscar mans para o servizo non foi burocracia, foi amor feito loxística; foi entender que o sagrado non só habita no misterio do altar, senón tamén na xustiza do prato de comida, no dereito á vivenda ou na transparencia dun contrato xusto.

Porque ese é, en realidade, o cuarto que Xesús nos prepara. A súa casa non se constrúe con ladrillos de ouro, senón coa quentura do trato humano e a xustiza que pon a mesa para todas as persoas. Ese "cuarto" ao que el nos convida non é un premio futuro, senón un fogar que imos tecendo aquí abaixo cada vez que arranxamos o cotián. Non hai máis mapa que as sandalias, nin máis GPS que o rastro de quen sabe que a Verdade se escribe sen máscaras e a Vida só se gaña cando se entrega.

Hoxe celebramos que Xesús é o Camiño porque é quen nos ensina a habitar o mundo desde o coidado e a loita polas persoas invisibles. Seguilo a El é a única forma de entrar nesa morada onde non hai periferias nin soidades, senón un mundo máis humano e máis libre.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Por preferir a comodidade de quedar paradas e parados en vez de arriscarnos a camiñar coas persoas que máis sofren; PERDOA, SEÑOR, QUE A NOSA PORTA SIGA PECHADA.

*      Polas nosas "verdades" que exclúen e mancan; por esquecer que a única verdade que nos fai libres é a que nos leva a recoñecernos como irmáns e irmás, PERDOA, CRISTO, QUE A NOSA PORTA SIGA PECHADA..

*      Polo medo que nos paraliza e nos impide apostar pola vida; por non ser valentes para denunciar as inxustizas do noso mundo e por conformarnos con pouco, PERDOA, SEÑOR, QUE A NOSA PORTA SIGA PECHADA.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servicio diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:

-       Non está ben que deixémo-la palabra de Deus para nos dedicarmos ó servicio das mesas. Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servicio da palabra.

A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Felipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlle-las mans.

A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Que a túa misericodia veña sobre nós como de Ti o esperamos

 

Alegrádevos, xustos, no Señor:

ós rectos acáelle-la louvanza.

Festexade ó Señor con cítolas,

tocade con harpa de dez cordas.

 

Que a túa misericodia veña sobre nós como de Ti o esperamos

A palabra do Señor é recta

e tódalas súas obras son leais:

El quere o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.

Que a túa misericodia veña sobre nós como de Ti o esperamos

Os ollos do Señor miran polos seus fieis,

polos que esperan na súa misericordia,

para libra-la súa vida da morte,

para os manter no tempo da miseria.Ti 

Que a túa misericodia veña sobre nós como de Ti o esperamos

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO

Benqueridos irmáns e irmás:

Ao achegárdevos ó Señor, pedra vivificadora  de refugallo para os homes, pero pedra escollida e aprezada ós ollos de Deus , sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. Por iso lese na Escritura:

Ollade que eu poño en Sión unha pedra

angular, escollida e digna de honra,

de xeito que quen fíe nela, non levará desengano.

A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é

a pedra que refugaron os canteiros

e que se converteu en esquinal

e aínda máis:

en pedra onde se tropeza,

en couce onde un se esnafra.

Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.

Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoárde-las marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

-       Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, voltarei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño.

Dille Tomé:

-       Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño?

Xesús respondeulle:

-       Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecesedes, coñeceriades tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Felipe díxolle:

-       Señor, móstrano-lo Pai e abóndanos.

Xesús replicoulle:

-       Pero, Felipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. ¿Como dis entón "móstrano-lo Pai"? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai. 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

1.- O Altar do Reparto

A primeira crise da nosa historia non naceu dunha dúbida de fe, senón dun prato baleiro. Aquelas viúvas gregas que ninguén vía en Xerusalén, as estranxeiras que quedaban atrás mentres os demais falaban do ceo e discutían de teoloxía, foron as que nos ensinaron que a fe é mentira se a mesa está mal repartida, foron as que nos ensinaron que o sagrado non se custodia detrás dunha cortina, senón que se exerce na loxística do amor. Aquela decisión de buscar mans para o servizo non foi burocracia, foi entender que a fe é baleira se a mesa está mal repartida. Aquel conflito non se resolveu con máis rezos, senón con máis mans; foi a nosa primeira gran lección de loxística do amor. O noso altar non pode ser unha pedra limpa e illada, ten que ser un mostrador de xustiza que ulir a rúa, a cociña compartida e a dereitos conquistados. Porque o sagrado non só habita no misterio do pan consagrado, senón que latexa con máis forza na transparencia dun contrato xusto, no recoñecemento do traballo dos coidados que sosteñen o mundo, nunha educación e unha sanidade pública e universal para todas as persoas, nunha vivenda digna... Un Deus que non se preocupe pola xustiza do cotián, polo pan que falta nos recunchos da nosa cidade ou pola dignidade da que limpa os chanzos das nosas escaleiras non é o Deus que Xesús nos veu anunciar. A nosa espiritualidade ou é unha política do agarimo que arranxa o mundo, ou simplemente é teatro de domingo.

 

2.- Arquitectura de pel e de ósos

Pedro proponnos hoxe un milagre de enxeñería humana: ser "pedras vivas". Adoitamos pensar na Igrexa como unha institución de muros pesados, fríos e inamovibles que moitas veces levantan valados no canto de pontes. Pero a proposta de hoxe é moito máis subversiva: ti e mais eu somos pedras cun corazón que latexa, pedras que teñen que ser capaces de amolecerse e de moverse para facerlle sitio a quen chega de fóra coas botas cheas de barro e o nome esquecido. Ser "pedra angular" ao estilo de Xesús non é ser un bloque que golpea ou exclúe a quen é diferente, senón ser o alicerce invisible que se afunde no lodo para soster o peso de quen está máis cansa ou máis canso. O noso papel no mundo é construír comunidades que non teñan muros de carga, senón espazos de acollida; lugares onde a pedra non sirva para pechar ningunha tumba, senón para manter as ventás tan grandes que o aire do pobo as atravese constantemente e nos limpe o medo.

3.- O Mapa son os pés

Cando Tomás pide un enderezo exacto, Xesús respóndelle cunha provocación: o mapa son eu. E nese camiño que é El, fálanos dunha casa con moitos cuartos, unha morada onde, por fin, ningunha persoa quedará sen sitio. Ese "cuarto" que Xesús nos prepara non é unha promesa para despois da morte, é un encargo para o presente: é a nosa obriga de construír fogares sen pechaduras onde a Verdade sexa a transparencia de vivir sen máscaras. O Camiño non se consulta nun GPS de éxitos, o Camiño písase coas sandalias da coherencia, baixando ás periferias onde a vida doe e onde o reparto da dignidade aínda é unha tarefa pendente. Hoxe celebramos que a Vida só "é" cando se pon en risco, e que esa casa do Pai xa se está construíndo aquí abaixo cada vez que o noso abrazo se volve o cuarto onde todas, absolutamente todas as persoas, caben por igual.

ORACIÓN COMPARTIDA

Sabendo que na casa de Deus a única regra é que ninguén —absolutamente ninguén— quede fóra do reparto da esperanza, rezamos como comunidade dicindo:

QUE NINGUÉN QUEDE FÓRA DA TÚA MESA NIN DO NOSO ABRAZO

·      Pola Igrexa, para que non canse de baixar á rúa, para que sexa menos aduana e máis hospital de campaña, para que saiba escoitar o grito do mundo e se atreva a poñer o pan e a xustiza por riba dos ritos, sendo casa de acollida para todas as persoas, OREMOS. 

QUE NINGUÉN QUEDE FÓRA DA TÚA MESA NIN DO NOSO ABRAZO

·      Polas nosas comunidades, para que non cansemos de ser unha casa con ventás abertas e sen pechaduras, saíndo ás encrucilladas a buscar ás persoas invisibles de hoxe para que o noso altar sexa, de verdade, o de toda a humanidade, OREMOS. 

QUE NINGUÉN QUEDE FÓRA DA TÚA MESA NIN DO NOSO ABRAZO

·      Hoxe queremos poñer no corazón desta mesa a todas as nais. Polas que nos deron a vida e nos ensinaron os primeiros pasos no camiño; polas que loitan soas para sacar adiante ás súas crianzas; polas que xa non están connosco pero deixaron a súa semente de amor; polas que manteñen viva a esperanza nos momentos máis escuros; para que a súa entrega sexa para nós o mellor exemplo da "política do agarimo". OREMOS. 

QUE NINGUÉN QUEDE FÓRA DA TÚA MESA NIN DO NOSO ABRAZO

·      Por cada unha e cada un de nós, para que esta celebración non quede en palabras bonitas, senón que nos queime por dentro, de xeito que ao saír de aquí saibamos ser a Verdade que non mente, o Camiño que non exclúe e a Vida que non se garda para un mesmo, OREMOS

QUE NINGUÉN QUEDE FÓRA DA TÚA MESA NIN DO NOSO ABRAZO

Escoita, Deus do Camiño, este latexo da nosa comunidade. Non nos deixes quedar inmóbiles; empúxanos a ser as mans e os pés que hoxe o mundo necesita. PXNS. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Hoxe o altar queda baleiro. Pero non porque a festa remate, senón porque o verdadeiro altar vai agora no teu peito.

Non busques a Deus nos teitos altos nin no silencio dos museos. Busca a Deus nese oco que deixas no teu banco para que alguén se sinta na casa. Búscao na teima das nosas nais, que inventaron o mundo cada mañá sen pedir permiso, e búscao na ollada das persoas coas que ninguén conta, porque nelas reside a única verdade que non mente.

Ao saír por esa porta, lembra que a túa fe non se mide polos rezos, senón polos quilómetros que sexas capaz de camiñar coas persoas desprazadas. Se a túa política non sabe dar bicos e o teu compromiso non sabe de tenrura, entón non entendiches nada do que hoxe partimos nesta mesa.

Vai fóra e sé o camiño de quen non ten ruta. Sé o bico de quen leva anos sen que ninguén lle toque a alma. Sé, simplemente, esa peza de barro que se deixa moldear polo sufrimento e pola alegría do pobo.

Non leves un mapa, leva as mans abertas. O Camiño es ti.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...