SENÓN QUE SENTA Á NOSA BEIRA
E FAI DE CADA VIDA UN LUGAR DE RESURRECCIÓN
CANTO GOZOSO
ö ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
ö ASPERSIÓN: A auga do Señor
ö LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
ö OFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
ö COMUÑÓN: Quédate Señor connosco (Nº 63)
MIRADA AGRADECIDA
Paz e ben para todas e para todos! Seguimos vivindo o tempo da Pascua, ese tempo no que celebramos que Xesús non quedou no sepulcro, senón que resucitou vencendo a morte e segue presente nas nosas vidas.Pero vivimos tan ás presas, tan agoniados con tantas cousas, tan atarefados e tan cansos que, coma lle ocorreu aos discípulos de Emaús, ás veces camiñamos na tristura e no desánimo, mesmo sentimos que o noso corazón arrefría e que Deus parece lonxe. Cústanos recoñecer ao Señor nas nosas rutinas, no cansazo, nas preocupacións; pero El segue a acompañarnos, fala a través da súa palabra, e parte o pan da vida para que o corazón volva arder.
Que esta celebración nos faga sentir comunidade que camiña, Igrexa que nace da Pascua e vive da esperanza, pobo que recoñece ao Resucitado ao partir o pan.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
* Señor Xesús, porque deixamos que o cansazo e a rutina apaguen a nosa fe, esquecendo que Ti camiñas ao noso lado, pedímosche: SEÑOR, PERDÓANOS E ACOMPÁÑANOS.
* Cristo Resucitado, porque deixamos que o medo e a desconfianza nos afasten da comunidade, impedíndonos escoitar a túa voz, que nos fala ao corazón, pedímosche: CRISTO, PERDÓANOS E ACOMPÁÑANOS.
* Señor Xesús, porque moitas veces a esperanza fáisenos pequena, e deixamos de abrir os ollos á vida que ti nos mostras, SEÑOR, PERDÓANOS E ACOMPÁÑANOS.
PALABRA PROCLAMADA
PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
- Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras. Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio. Xa David di del:
Eu vía decote o Señor diante miña,
xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;
por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,
e mesmo a miña carne acougará esperanzada;
porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos
nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.
Déchesme a coñecer camiños de vida,
encherasme de gozo coa túa presenza.
Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós. Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
Mostrarasme, Señor, o camiño da vida
Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu dígolle ó Señor: "Ti e-lo meu dono,
Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,
ti coidas do meu porvir.
Mostrarasme, Señor, o camiño da vida
Bendigo ó Señor que me guía
e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.
Teño ó Señor sempre diante;
con El á dereita non caerei.
Mostrarasme, Señor, o camiño da vida
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo está seguro.
Ti non abandonarás á morte a miña vida,
nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.
Mostrarasme, Señor, o camiño da vida
Mostrarasme o camiño da vida:
a túa presencia éncheme de alegría;
a túa dereita, de gozo eterno.
Mostrarasme, Señor, o camiño da vida
PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO
Aínda que lle podedes chamar Pai ó que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar. Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha. El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
Dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- ¿De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
- ¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- ¿De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
- ¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ao entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- ¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENRAIZADA
* As lecturas deste domingo seguen a contarnos o que pasou despois da Resurrección. O libro dos Feitos dos Apóstolos preséntanos a Pedro falando con forza e convicción diante da xente. Non é o mesmo home de antes, o que calou por medo. Agora fala desde a experiencia: viu o Señor vivo, sentiuse perdoado, e iso cambioulle a vida. Séntese chamado a dar testemuño daquilo que viu e, sobre todo, daquilo que viviu. Así van nacendo as primeiras comunidades: non como un grupo perfecto, senón como un grupo transformado pola experiencia de Cristo que resucita e que dá novas oportunidades a quen se pensaba acabado. Porque como ben nos lembra o salmo responsorial, os camiños do Señor son sempre camiños de vida, camiños de alegría, camiños de acompañamento. Que ben o entendeu Pedro e que ben nolo transmite: a nosa fe e a nosa esperanza están postas en Deus. Sentímolo así na nosa vida de cada día?
* Porque moitas veces pódenos pasar coma os discípulos de Emaús. Se a semana pasada Xesús Resucitado facíase presente na dúbida de Tomé; esta semana faise presente na decepción dos discípulos, que volven á súa cidade cheos de medo e de angustia e cunha sensación de fracaso inmensa. Marchan coa cabeza baixa, comentando o que perderon. É unha escena moi recoñecible: o fracaso, a tristeza, a sensación de que Deus non fixo o que esperabamos; porque a vida é unha mestura de ilusións e desenganos, e hai momentos nos que, coma eles, preferimos afastarnos. Pero no camiño da vida, Xesús camiña con eles, camiña con nós, interésase polo que nos pasa, non se impón, non se impacienta, non reprocha nada. Iso é algo que tamén nos pode pasar: Deus acompáñanos, pero non sempre o recoñecemos; está presente, pero ás veces vai disfrazado de palabra amiga, dunha persoa que nos escoita, dun xesto pequeno que nos sostén. Por iso, este relato é, no fondo, a nosa historia tamén. Todas e todos experimentamos momentos de Emaús; coñecemos o cansazo, a perda, a sensación de baleiro. Pero Deus segue achegándose polos camiños nos que falamos de como nos sentimos, polos días comúns, polas persoas que nos escoitan sen xuízo. Ser persoas cristiás non é ter respostas a todo, senón recoñecer quen nos acompaña. Esa é a verdadeira experiencia pascual: volver do desencanto á confianza, do medo ao anuncio, da tristeza á vida compartida. O Señor segue camiñando con nós, e segue partindo o pan. Niso consiste a fe: en deixarse acompañar, en aprender a recoñecelo e en volver á comunidade co corazón ardendo.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
- Estades dispostas e dispostos a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou disposta.
- Estades dispostas e dispostos a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou disposta.
- Estades dispostas e dispostos a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou disposta.
- Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
- Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
- Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
ORACIÓN COMPARTIDA
A Xesús, que acompaña o noso camiñar e parte para nós o seu pan, dicímoslle con esperanza e convencemento:SEÑOR, ABRE OS NOSOS OLLOS E O NOSO CORAZÓN
· Pola Igrexa, para que viva coa forza do Evanxeo, e sexa sempre un espazo onde as persoas poidan recoñecer ao Resucitado no pan compartido e na acollida fraterna, OREMOS.
SEÑOR, ABRE OS NOSOS OLLOS E O NOSO CORAZÓN
· Por quen camiña na decepción ou na falta de sentido, para que descubra que Deus segue ao seu carón, mesmo cando o camiño se fai longo e a esperanza parece apagarse, OREMOS.
SEÑOR, ABRE OS NOSOS OLLOS E O NOSO CORAZÓN
· Pola memoria agradecida das persoas que xa partiron e que nos acompañaron e coidaron no camiño da vida, para que gocen da plenitude da luz daquel que venceu a morte e habita para sempre nos nosos corazóns, OREMOS.
SEÑOR, ABRE OS NOSOS OLLOS E O NOSO CORAZÓN
· Por cada un e cada unha de nós, para que aprendamos a escoitar, a acompañar e a facer dos nosos encontros lugares onde o corazón volva arder, OREMOS.
SEÑOR, ABRE OS NOSOS OLLOS E O NOSO CORAZÓN
Acolle, Señor, a oración que acabamos de compartir como comunidade reunida no teu nome. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A fe non chega como visión repentina, senón como madureza do corazón:o que era palabra convértese en presenza;
o que era camiño extraviado faise memoria agradecida.
Cando o recoñecen, El desaparece.
Porque non se trata de retelo, senón de gardalo dentro.
Agora poden volver correndo a Xerusalén e contar o que viviron.
O medo transformouse en anuncio,
a soidade, en comunidade,
o camiño, en misión.
Quizais a Pascua sexa isto:
saber que Deus non se mostra nas respostas, senón nas presenzas;
que o pan compartido ilumina máis que calquera milagre;
que a comunidade é lugar onde o corazón, como en Emaús, volve arder.
Comentarios