Ir al contenido principal

Trindade 2026 A

 

DEUS NON SABE VIVIR SÓ

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Eu soñei                   (58 )

ö LECTURAS: As túas palabras      (113 )

ö OFERTORIO: Acharte presente     ( 51)

ö COMUÑÓN: No cola da miña nai (49 )

ESCOITA ACTIVA

        Se cadra, máis dunha vez explicáronnos a Trindade coma se fose un problema de matemáticas difícil de resolver ou un misterio abstracto que só entenden os teólogos. Pero hoxe vimos aquí a celebrar algo moito máis sinxelo e revolucionario: que o noso Deus non é un xefe solitario, aburrido e illado no seu trono alá arriba no ceo. Non. O noso Deus é, por riba de todo, unha familia. É relación, é un abrazo continuo, é Amor en movemento que non para de saír de si mesmo para buscar e acoller á humanidade.

Cando dicimos Pai, Fillo e Espírito Santo, o que estamos dicindo é que na intimidade de Deus o que hai é unha comunidade onde ninguén manda máis ca ninguén, onde ninguén brilla para apagar ao outro, senón que se coidan, se escoitan e se queren. E o máis fermoso de todo é que ese Amor non é un segredo privado. Hoxe celebramos que Deus nos abre a porta da súa casa de par en par para que nós, coas nosas vidas comúns e correntes, entremos a formar parte desa mesma mesa.

CORAZÓN FERIDO

·       Ti que es Pai e Nai, que nos creaches para o encontro e búscasnos sempre cando nos illamos no noso egoísmo; SEÑOR, ESPÉRTANOS CO TEU AMOR DE COMUNIDADE.

·       Ti que es Fillo, que te fixeches un de nós para ensinarnos que a vida só gaña sentido cando se comparte e se entrega; CRISTO, ESPÉRTANOS CO TEU AMOR DE COMUNIDADE.

·       Ti que es Espírito Santo, Alento vivo que racha os nosos silencios e nos move a coidar de quen está só ou esquecido na nosa veciñanza; SEÑOR, ESPÉRTANOS CO TEU AMOR DE COMUNIDADE.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

Moisés ergueuse cedo e subiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra. O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.

O Señor pasou diante del proclamando:

-        "O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade".

Moisés, ó tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:

-     "Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoaras as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade".

 

 

SALMO RESPONSORIAL

 

Moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

Bendito es Ti, Señor, Deus dos nosos pais,

digno de gloria e da meirande louvanza polos séculos.

Bendito o teu nome, santo e glorioso,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

Moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

Bendito es Ti no templo da túa santa gloria,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

Moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

Bendito es Ti que sondeas os abismos sentado sobre querubíns,

moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

Bendito es Ti no firmamento do ceo,

louvado e cheo de gloria para sempre.

Moi digno de gloria e moi enxalzado polos séculos.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

Estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco. Saudádevos uns ós outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos tódolos cristiáns.

Que a gracia do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

PALABRA REMOÍDA

1.   O DEUS QUE NON PIDE O CARNÉ DE PUREZA

Moisés sube ao Sinaí coas táboas de pedra debaixo do brazo, agardando se cadra atopar un xefe enfadado que lle vaia botar unha rifa monumental polo mal que se porta o pobo. Pero non. Atópase cun Deus que se define como "compasivo, misericordioso e lento á ira". Entón Moisés, que sabe perfectamente de que pé coxea a súa xente, bótalle un órdago con toda a retranca do mundo: "Xa que es así, vai connosco, aínda que somos un pobo de dura cerviz". Deus non pide o carné de pureza á entrada. Deus non cansa de nós, por moito que as nosas teimosías nos leven a fabricar "becerros de ouro" modernos —coma o diñeiro, o egoísmo ou o individualismo—. Cando baixamos os brazos e as cousas nos saen mal, o noso Deus non vén axustar contas nin trae o látego na man. Preséntase co seu carné de identidade: compasivo, lento á ira e rico en amor. Ter os pés no chan hoxe significa entender que El elixe camiñar con esta comunidade real, chea de fendas e de erros, porque sabe perfectamente que sen a súa axuda non somos quen de levantar cabeza. Sabe que somos de "dura cerviz", que na casa discutimos, que fóra criticamos e que nos custa un mundo perdoar. A Trinidade non viaxa connosco como un premio para os perfectos; senón coma compañeira de camiño que máis necesitamos precisamente cando peor nos saen as cousas.

2.    ARRIMAR O OMBREIRO DESDE A NOSA REALIDADE PERSOAL

Paulo despídese hoxe dos Corintios cunha listaxe de consellos prácticos que parecen sacados dun manual de supervivencia para veciñanza: "Alegrádevos, tede un mesmo sentir e vivide en paz". Soa moi ben, pero todos sabemos o que custa poñer de acordo a catro persoas na parroquia para cambiar o horario dunha misa ou elixir as flores do altar. O misterio da Trindade non é unha lección de matemáticas celestes, é unha lección de convivencia: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son totalmente diferentes, pero son un porque se respectan, se escoitan e se queren sen competir. A Trindade non é un misterio para estudar nun libro, fúndase nas cousas de cada día: en saber pedir perdón, en deixar de criticar polas costas e en arrimar o ombreiro cando hai que traballar xuntos. Aí se demostra se somos unha familia ou só un grupo de egos pelexando polo seu propio interese. Facer comunidade hoxe non é buscar clons que me dean a razón en todo; é construír Reino sen tirarnos os trastes á cabeza.

3.    MENOS FRONTEIRAS E MÁIS HOSPITAL DE CAMPAÑA

O Evanxeo de hoxe bota por terra esa imaxe do Deus sempre ollo avizor que nos meteron no corpo de pequenos: "Deus non enviou o seu Fillo ao mundo para xulgar o mundo, senón para que o mundo se salve por El". Deixémonos de discursos prefabricados: Deus non ten vocación de fiscal nin de policía de sancristía. Non está agochado detrás dunha nube cunha libreta negra apuntando as nosas faltas para amargarnos a existencia ou pasarnos factura. O único interese da Trindade é salvar, restaurar as vidas que están rachadas, poñer de pé a quen caeu e botar unha man cando nos afogamos no día a día. Por iso, o tirón de orellas hoxe é directo para nós: se Deus non anda con xuízos nin con sentenzas, ¿quen nos cremos nós para poñer aduanas na porta da igrexa, sinalar co dedo a quen non vive como nós queremos, ou andar pola rúa con aires de superioridade moral? A nosa única misión non é xulgar a ninguén, senón ser un hospital de campaña que ofreza o abrazo dun Deus que sempre rescata e que xamais lle dá as costas a ninguén.

FRATERNIDADE ORANTE

            Xesús fálanos dun Deus que non é un ser solitario nin un xuíz distante, senón unha familia en movemento: Pai, Fillo e Espírito Santo. Coa confianza de saber que somos fillas e fillos, irmás e irmáns, dicimos:

DEUS TRINDADE, FAINOS COMUÑÓN

·       Pola Igrexa, para que sexa de verdade unha casa de portas abertas onde calquera persoa, teña a historia que teña, atope un abrazo que acolle e non un tribunal que xulga; OREMOS.

DEUS TRINDADE, FAINOS COMUÑÓN

·       Polas nosas comunidades, para que aprendamos a darnos azos, a escoitarnos de verdade e a arrimar o ombreiro sen que ninguén queira brillar máis cá outra persoa, OREMOS.

DEUS TRINDADE, FAINOS COMUÑÓN

·       Por cada unha e cada un de nós, para que cando nos dea por pecharnos no noso propio orgullo ou cando as cousas nos saian mal, nos deixemos abrazar por ese Deus Trindade que é amor, OREMOS.

DEUS TRINDADE, FAINOS COMUÑÓN

Escoita, Pai, as ganas que temos de aprender a vivir coma Ti, en comuñón e sen poñer barreiras a ninguén. Non permitas que o egoísmo nos estrague os plans de ser unha verdadeira familia. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Grazas, Señor, por este anaco de camiño compartido,

por darnos a paciencia necesaria para entendernos,

e por lembrarnos que a túa Trindade non é un misterio para estudar,

senón unha mesa aberta para querernos.

Marchamos para a casa co corazón acendido,

sabendo que a mellor liturxia que podemos ofrecerche

é a de ser comuñón e abrazo na rúa,

no traballo e coa xente que máis o precisa.

Coas tarefas feitas e a folla pechada,

que a túa paz nos acompañe e nos garde.

Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...