Ir al contenido principal

19 Domingo TO A 2026

 

A FE NA INTEMPERIE: REMAR CANDO TODO FAI AUGA

CANTO GOZOSO

§  ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nª2)

§  LECTURAS: Escoita ao Señor (Nª15)

§  OFERTORIO: Cantádelle ao Señor (Nª31)

§  COMUÑÓN: Non vou só (Nª60)

OLLOS ABERTOS

A vida do día a día semella moitas veces a unha viaxe en barca con mal tempo: as contas que non chegan a fin de mes, os problemas que se acumulan na casa, o medo constante é enfermidade ou a que calquera contratempo nos afunda a moral. Cando a tormenta apreta, o normal é querer marchar correndo, facer coma se non fose con nós ou agocharnos dentro do noso caparazón, sen querer saber nada de ninguén e protexendo a nosa pequena parcela de tranquilidade.

Pero hoxe Xesús achégase a nós nese mesmo mar revolto, cando máis pesan os cansazos e as dúbidas, para dicirnos que non estamos sós na intemperie. Non nos pide superpoderes, senón que deixemos de confiar soamente na nosa propia forza para sobrevivir. Que esta celebración nos axude a perder o medo ao mareo e a crer que, no medio de calquera crise, hai quen nos bota unha man para seguir adiante sen afundirnos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·       Polas veces nas que andamos buscando a Deus nos grandes estrépitos, nos lucimentos ou nos triunfos, sen nos decatar de que El habita na airexadiña suave da nosa cotianeidade: SEÑOR, CURA O NOSO MEDO.

·       Polas veces nas que o vento en contra nos fai perder o norte, dubidando de que Deus estea connosco na tormenta: CRISTO, CURA O NOSO MEDO.

·       Polas veces nas que illamos a nosa fe entre as paredes da igrexa, sen deixala manchar pola realidade da rúa: SEÑOR, CURA O NOSO MEDO.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO PRIMEIRO LIBRO DOS REIS

 

En chegando Elías ó monte de Deus Horeb, meteuse nunha cova e pasou nela a noite. Chegoulle a palabra do Señor e díxolle

-        "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".

Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos. Mais non estaba o Señor no furacán. Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor. Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor. Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexadiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.

 

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

 

Móstranos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación

Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

A salvación está xa preto dos que o temen,

a súa gloria habitará na nosa terra.

Móstranos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación

O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e maila paz.

Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

Móstranos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación

O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

A xustiza irá dediante del,

guiará os seus pés no camiño.

Móstranos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmáns e irmás:

Coma discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido. Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe. Eles son israelistas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

En canto quedou farta a multitude, Xesús mandou ós seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ó monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. O risca-lo día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. E, os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos de medo, empezaron a berrar. De seguida faloulles Xesús dicindo:

-       Tranquilos, non teñades medo, que son eu.

Respondeulle Pedro:

-       Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.

El díxolle:

-       Ven.

Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ó senti-lo vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:

-       ¡Señor, sálvame!

Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:

-       Home de pouca fe, ¿por que dubidas?

E ó subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca postráronse ante el dicindo:

-       Realmente ti es Fillo de Deus.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·       O noso tempo vive atrapado nun ruído de fondo interminable: o estrépito das cifras de paro, o grito das pancartas baleiras, o cinismo institucional e os furacáns mediáticos que buscan anestesiar a nosa capacidade de indignación. Pensamos que a historia se move a base de gritos e grandes batallas. Porén, Elías descóbrenos hoxe que Deus non habita no escaparate do poder nin na pirotecnia dos que mandan, senón no murmurio dunha brisa suave. Ese murmurio son os pasos discretos das persoas que, sen facer ruído, sosteñen os comedores sociais, coidan das persoas maiores ou das crianzas ou acollen ao migrante que chega coa vida a costas. Se non afinamos o oído para escoitar esa brisa, o noso compromiso social queda reducido a un mero eslogan de redes sociais.

·       Por iso a fe cristiá, cando é auténtica, non é un refuxio espiritual para evadirnos do mundo, senón unha ferramenta radical de transformación social. Cando Xesús estende a man e colle a Pedro, non está facendo un número de maxia, está lembrándonos que ninguén se salva en solitario se os demais quedan no fondo do mar. A dimensión social da nosa fe exixe deixar de terlle medo ao compromiso real: arremangarse, baixar á area e construír comunidade alí onde a vida se pon feísima.

·       O lago de Galilea é unha metáfora perfecta do noso sistema económico e social: unha barca enorme onde uns poucos viaxan en primeira clase na chaira do confort, mentres a inmensa maioría fai auga polas fendas da precariedade, da vivenda imposible e da marxinación. Cando o temporal da crise ou da desigualdade apreta, a tentación nosa de sempre é a sálvense quen poida, pechar a porta do noso camarote particular e mirar cara a outro lado para non ver a quen se afunde. O verdadeiro drama non é que o vento ruxe fóra, senón que o noso individualismo secou a empatía e convenceunos de que a desgraza allea non vai connosco. Por iso a fe ten que ser man tendida para quen afunde.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Invoquemos a Deus con confianza, sabendo que El non nos abandona na intemperie do mundo e digamos:

SEÑOR, QUE AS NOSAS MANS SEMPRE ESTEAN ABERTAS PARA ACOLLER

1.    Pola Igrexa, para que se converta nunha barca aberta e segura, capaz de acoller sen prexuízos a quen se afunde nas marxes da precariedade, da soidade e da exclusión; OREMOS.

SEÑOR, QUE AS NOSAS MANS SEMPRE ESTEAN ABERTAS PARA ACOLLER

2.    Polas nosas comunidades, para que sexamos quen de apagar o ruído do egoísmo e escoitar o murmurio discreto de tantas persoas que sustentan a vida con coidados invisibles, traballando cada día pola xustiza social e a dignidade común; OREMOS.

SEÑOR, QUE AS NOSAS MANS SEMPRE ESTEAN ABERTAS PARA ACOLLER

3.    Por cada unha e cada un de nós, para que Deus cure o noso medo e a nosa covardía, dándonos a valentía de non mirar para outro lado ante a inxustiza e de crer que outro xeito de convivir é posible; OREMOS.

SEÑOR, QUE AS NOSAS MANS SEMPRE ESTEAN ABERTAS PARA ACOLLER

Deus noso, que non nos deixas sós no medio da tormenta e que nos convidas a camiñar sen medo: sostén a nosa fe feble e converte as nosas mans en ferramentas de paz e fraternidade. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Ti non estás, Señor, no furacán que todo o arrasa,

nin no estrépito das cifras e das pancartas baleiras,

nin no cinismo dos que mandan

nin na pirotecnia dos que fan do ruído a súa forza.

Ti non estás na violencia que divide,

nin na indiferenza de quen mira para outro lado,

nin nos grandes escaparates do poder.

Ti estás, Señor,

no murmurio discreto dunha brisa suave.

Estás na man que se estende sen facer ruído,

no coidado invisible que sostén a vida,

na barca que non afunde porque outras persoas reman con nós.

Dános a sabedoría de apagar o ruído,

de non buscarte nos lugares do trono,

e de recoñecer a túa presenza

nese amor pequeno, tenaz e cotián

que ós poucos vai facendo novo o mundo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...