Ir al contenido principal

24 domingo TO-A 2026

ROMPER OS CADERNOS VERMELLOS DE OFENSAS

CANTO GOZOSO

§  ENTRADA: No colo da miña nai (Nº 49)

§  PERDÓN: Arrepentido (Nº 13)

§  LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)

§  OFERTORIO: Ti es camiño e verdade (Nº 57)

§  COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

OLLOS ABERTOS

O corazón humano ten mala memoria para o bo e unha paciencia infinita para o rancor. Sabémolo ben: gastamos a vida levantando valados de orgullo, facendo contas e agardando a que os demais paguen o que nos deben. Por iso hoxe Xesús volve insistir na necesidade do perdón. E faino porque o rancor é un veleno que nos seca por dentro e nos volve estatuas de sal.

Sexamos valentes: deixemos hoxe os nosos libros de contas ao pé do altar e abramos o corazón para recibir a súa misericordia. Comezamos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Aí, no fondo do peito, o rancor ten o costume de enquistarse. Cústanos perdoar e cústanos pedir perdón, porque sempre nos compensa máis gardar o mal nunha caixa forte e medir aos demais coa lei do funil: moi brandos cos nosos propios erros e implacables cos dos de abaixo. Andamos pola vida co lapis e o papel na man, cobrando intereses de cada pequena ofensa e esquecendo que o amor sen medida é o único que nos pode salvar do bloqueo.

Recoñecendo que nos pesa o orgullo e que nos custa abrir os puños, pedimos perdón cantando: Arrepentido....

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Xenreira e asañamento son de aborrecer;

o pecador é quen os posúe.

Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,

pediralle razón estreita dos seus pecados.

Perdóalle a inxuria ó teu próximo

e entón ó pregares seranche perdoados os teus pecados.

Home que lle garda a outro xenreira,

¿como lle vai pedir ó Señor que o cure?

De alguén que é coma el non se apiada,

¿e vai rogar polos seus pecados?

Se el, que é carne, mantén a ira,

¿quen lle vai expia-las súas culpas?

Pensa na fin e deixa de asañarte,

recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.

Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,

recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.

Tente lonxe das rifas e minguara-los pecados

pois é o home iracundo quen acende as liortas

E o home pecadento quen perturba ós amigos

metendo a disputa entre os que se levan ben.

PALABRA DO SEÑOR

 

SALMO RESPONSORIAL

 

O Señor é misericordioso e clemente

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

Alma miña, bendice ó Señor,

non esquéza-los seus beneficios.

O Señor é misericordioso e clemente

El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura.

O Señor é misericordioso e clemente

Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

Non nos trata conforme ós nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.

O Señor é misericordioso e clemente

Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

O Señor é misericordioso e clemente

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS

Irmás e irmáns:

Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si. Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor. Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para ser dono dos mortos e dos vivos.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Pedro, achegándose a Xesús, preguntoulle:

-       Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:

-       Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo face-las contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:

-       ¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!

O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

-       Paga o que me debes.

Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:

-       Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

-       ¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. ¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?

E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·       Home que lle garda a outro xenreira, ¿como lle vai pedir ó Señor que o cure?

O sabio do Eclesiástico non se anda con panos quentes nin discursos de sancristía. Ponnos diante da nosa hipocrisía: esa estraña costume humana de bater coas mans no peito implorando clemencia e perdón mentres no fondo do peto gardamos os desexos de vinganza ben dobrados e amontoados. Cremos que podemos facer trampas, separando a nosa relación con Deus das nosas pequenas guerras cotiás. O texto revélanos o absurdo dunha fe que reza mentres axusta contas. O rancor non é un escudo para protexernos dos demais; é o capricho dunha crianza malcriada que prefire morrer antes que recoñecer que errou. Mentres sigamos alimentando esa inimizade silenciosa, calquera petición de perdón fai auga por todos lados.

·       Ningunha persoa vive para si mesma

Paulo desmantela esa fantasía tan moderna e tan nosa de crer que somos illas independentes, donos absolutos dun cortello privado onde ninguén ten dereito a entrar. A nosa existencia non é un xogo de solitario nin unha parcela cercada polo egoísmo. Estamos entrelazados no mesmo barro, e calquera movemento noso salpica aos demais. Por iso resulta tan estúpido e tan mesquiño erixirnos en pequenos inquisidores da moral allea, repartindo culpas e sentenzas desde a nosa suposta superioridade. Cando nos cremos con dereito a xulgar sen piedade, o único que conseguimos é asfixiar o noso propio aire, esquecendo que o único dono da vida —e do noso pulso— é quen nos mantén en pé.

·       Señor, cantas veces teño que perdoar a meu irmán?

Xesús rebenta os nosos cálculos coa imaxe máis grotesca e real da nosa miseria: o debedor ao que lle perdoan millóns de euros e logo reclama sen piedade os céntimos que lle debe o seu compañeiro. É a radiografía perfecta da nosa enfermiza lei do funil, esa que aplica un lenzo ancho e comprensivo cando metemos a pata nós, pero que se converte nun coitelo implacable cando o erro é doutro. Vivimos facendo contas, medindo o amor cun metro de carpinteiro e agardando a que os demais paguen ata o último céntimo da débeda. O Evanxeo esíxenos rachar os libros de contas, porque o perdón é o único tratamento que impide que o noso corazón endureza polas placas de rancor.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Conscientes de que tantas veces vivimos facendo contas e gardando agravios, presentemos agora as nosas peticións ante Deus dicindo:

QUE SAIBAMOS CAMIÑAR SEMPRE NO PERDÓN

1.    Pola Igrexa, para que non exerza de tribunal que xulga nin garde listas de agravios, senón que sexa espello dunha misericordia sen condicións.; OREMOS.

2.    Polas nosas comunidades, para que deixemos de aplicar a lei do funil e rachemos dunha vez os nosos pequenos libros de contas e inimizades; OREMOS.

3.    Por cada unha e cada un de nós: para que o Señor nos arranque o rancor do peito, nos quite o lapis de ofensas e nos ensine a abrir as mans; OREMOS.

4.    Polo novo curso escolar que comezamos: para que nas nosas aulas e espazos de estudo o diálogo e a acollida pesen máis có orgullo e a confrontación; OREMOS.

Escoita, Señor, a nosa voz e saca de nós o peso do rancor. Non nos deixes caer na trampa de medir o amor nin de xulgar aos demais desde a soberbia. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, sácanos desta aritmética mesquiña que nos fai contar as ofensas e gardar na memoria o peso do mal.

Ensínanos a matemática do teu Evanxeo, esa que non entende de prazos vencidos nin esgotados, e fainos capaces de perdoar setenta veces sete. Porque só cando se rompen os nosos pequenos libros de débedas, o corazón atopa o pulso e a vida volve ensancharse.

Danos a graza de habitar este mundo coa mirada limpa de reproches, dispostas e dispostos a comezar de novo cada mañá, coas mans abertas e o corazón desarmado.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...