DEUS CONTA CONTIGO
(IGREXA DIOCESANA 2026)
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Unha xuntanza de amor (Nº 7)
- LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 120)
- OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº52)
- COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
OLLOS ABERTOS
A maior parte do tempo gastámola en apagar lumes de curta duración, en correr detrás dunha urxencia tras outra e en gardar forzas por se acaso, construíndo muros contra a intemperie e esquecendo que unha soa lámpada illada apenas consegue iluminar a súa propia sombra.Fronte a este illamento, hoxe detémonos a celebrar o Domingo da Igrexa Diocesana: non como unha estrutura fría, senón como o tecido vivo e plural de todas as comunidades, barrios e aldeas que camiñan xuntas; a rede de mulleres e homes que escollen non vivir a escuras, compartindo a esperanza e a fe para manter a noite ben iluminada.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a encher de novo o aceite das nosas vidas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Polas veces nas que nos deixamos levar pola inercia e o desánimo, apagando o entusiasmo, sen mirar pola nosa comunidade nin polas persoas que camiñan ao noso carón. SEÑOR, NON DEIXES QUE ESMOREZA A LUZ DA NOSA FE.
· Polas veces nas que gardamos o aceite da compaixón, da escoita e do perdón só para quen nos convén, esquecendo ser unha Igrexa diocesana de portas abertas e mans tendidas. CRISTO, NON DEIXES QUE A ESMOREZA A LUZ DA NOSA FE.
· Polas veces nas que aprazamos o compromiso coa xustiza e a solidariedade, confiando en que outros resolvan o que a nós nos toca soster coa nosa vida e coa nosa entrega, SEÑOR, NON DEIXES QUE ESMOREZA A LUZ DA NOSA FE.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
Raiolante e perenne é a Sabedoríae enxérgana sen dificultade os que a aman;
déixase atopar dos que a procuran.
Adiántase a se dar a coñecer polos que a anceian.
Quen madrugue por ela non ha de cansar:
atoparaa chantada a carón da súa porta.
O matinar nela é xa o cumio da prudencia,
quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións,
pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan dignos, aparéceselles benigna nos vieiros,
sáelles ó encontro en calquera proxecto.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
Señor, a miña alma ten sede de Ti
Deus, meu Deus, por ti madrugo,de ti ten sede a miña alma;
por ti devece o meu corpo,
en terra reseca, sedento e sen auga.
Señor, a miña alma ten sede de Ti
Miro cara a ti no santuario,para ve-lo teu poder e a túa gloria.
O teu amor é mellor cá vida,
lóuvante os meus labios.
Señor, a miña alma ten sede de Ti
Toda a miña vida te bendigome levanto no teu nome as miñas mans.
Como de graxa e manteiga, estou satisfeito,
con labios alegres lóuvate a miña boca.
Señor, a miña alma ten sede de Ti
No leito relémbrote,nas vixilias da noite penso en ti.
Ti e-lo meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
Señor, a miña alma ten sede de Ti
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS TESALONICENSES
Irmás e irmáns:
Non queremos que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron. Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.
PALABRA DO
SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos esta parábola:O Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibi-lo noivo. Cinco eran atoladas e cinco asisadas. As atoladas colleron os candís pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegóulle-lo sono, e botaron unha durmidela.
Alá pola media noite oíuse berrar: "¡Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!"
Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.
Entón dixéronlle-las atoladas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".
No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "¡Señor, Señor, ábrenos!" Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo".
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA REMOÍDA
A primeira lectura do libro da Sabedoría preséntanos a sabedoría de Deus como a autoridade de quen ten vivido moito, ese poso de quen xa pasou por mil batallas e sae á rúa a buscar quen a escoite. Na nosa vida de hoxe, ateigada de présas, de notificacións do móbil e de tutoriais para todo, esquecemos a voz dos nosos maiores e a calma necesaria para mirar as cousas coa profundidade do barro vivido. A sabedoría de Deus non se merca nin se improvisa cun algoritmo; é a aprendizaxe de quen sabe deterse no medio do estrés para recoñecer o que de verdade sostén a vida cando as cousas se poñen feas.
Esa mesma experiencia fonda é a que Paulo transmite aos Tesalonicenses na segunda lectura, sacudindo a neurose coa que intentamos controlar o futuro. Vivimos obsesionados con contratar seguros de todo tipo, desacougados pola vellez ou a incerteza económica, tentando blindar cada segundo. Pero Paulo vén dicirnos que a esperanza cristiá ten os pés ben postos na terra: a nosa traxectoria non é unha conta atrás cara ao baleiro nin un saldo de perdas, senón unha historia sostida pola fidelidade de Deus. A fe non é unha anestesia para esquecer os problemas da rúa nin un seguro contra o sufrimento, senón o compás que nos permite camiñar sen medo á intemperie do día a día, sabendo que nada do que amamos e coidamos se vai perder.
Todo este caudal conflúe no Evanxeo coa parábola das dez virxes e o dilema do aceite. Mais lonxe de ler isto como unha reprimenda moral, Xesús ponnos diante dunha lei física da existencia: hai certas cousas que non se poden delegar nin comprar a prazos no súper de garda. O aceite das lámpadas é a tenrura familiar, a paciencia co veciño, o compromiso cos barrios e a autenticidade interior. Nunha sociedade acostumada ás solucións rápidas e a subcontratar o coidado ou a solidariedade, este Domingo da Igrexa Diocesana lémbranos que ninguén pode amar, ter esperanza nin poñer fe no teu lugar. Se o aceite da nosa comunidade queda gardado nun frasco pechado por medo a gastalo, non serve para nada; precisamos arder por conta propia, coas mans na masa, para que ningunha rúa do noso contorno quede a escuras.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Hoxe poñemos os pés ben na terra para presentarlle a Deus a vida da nosa diocese de Tui-Vigo e as realidades que nos rodean. Facémolo dicindo:
QUE O ACEITE DA MISERICORDIA ENCHA O NOSO CORAZÓN.
1. Pola nosa Igrexa diocesana de Tui-Vigo e por todas as persoas que a conformamos —nas parroquias, nos barrios, na costa e no interior—: para que sexamos unha comunidade acolledora, viva e cos pés no chan, capaz de compartilo todo e de non deixar a ninguén na escuridade, OREMOS. QUE O ACEITE DA MISERICORDIA ENCHA O NOSO CORAZÓN.
2. Polas persoas que viven hoxe atrapadas no estrés, na urxencia do día a día, sen tempo para deterse a pensar no que realmente importa: para que atopen espazos de verdade onde recargar o seu interior e non deixen apagar a faísca da fe, OREMOS. QUE O ACEITE DA MISERICORDIA ENCHA O NOSO CORAZÓN.
3. Polas mulleres e homes que sosteñen o mundo desde a sombra co seu coidado diario, coa súa xenerosidade e coa súa entrega invisible: para que a nosa sociedade recoñeza o seu valor e aprendamos a non delegar nunca o compromiso do amor, OREMOS. QUE O ACEITE DA MISERICORDIA ENCHA O NOSO CORAZÓN.
4. Por nós, polas nosas familias e por esta comunidade reunida hoxe: para que non caiamos na tentación de improvisar o esencial, senón que cultivemos un corazón fondamente auténtico, disposto a arder e a compartir a vida sen reservas, OREMOS. QUE O ACEITE DA MISERICORDIA ENCHA O NOSO CORAZÓN.
Deus, Pai e Nai, Ti que nos buscas nos camiños da vida e coñeces ben a nosa cotidianeidade, recolle estas peticións que hoxe che presentamos como Igrexa de Tui-Vigo. Concede á nosa comunidade un depósito cheo de autenticidade e compaixón para que xamais nos desentendamos da nosa xente. P.X.N.S. Amén.
ALENTO NO CAMIÑO
Ninguén debería sentirse só, invisible ou esquecido na nosa Igrexa. Cada unha das nosas parroquias, cada pequeno recuncho da nosa diocese, ten a vocación de ser un refuxio acolledor, un fogar de portas abertas onde calquera persoa —veña de onde veña e estea na situación que estea— poida atopar unha palabra de alento, unha man tendida e unha esperanza viva.Porque neste Día da Igrexa Diocesana redescubrimos a nosa verdadeira esencia. Como nos lembraba o Papa León XIV, estamos chamados a «ser para todos como unha Biblia aberta, onde o amor sexa a linguaxe que faga que calquera se sinta coma en casa». A Igrexa non son os muros que nos resgardan, senón o pobo de Deus que se pon en camiño para levar a calidade do abrazo, a escoita sen présas e a misericordia alí onde hai dor ou soidade.
Hoxe é o día de dicir grazas. Grazas de corazón a quen regalades o voso tempo no servizo, a quen sostedes a comunidade coa vosa xenerosidade, a quen rezades no silencio do fogar cando as forzas faltan, e a quen, coa vosa vida cotiá, facedes desta diocese un refuxio fraterno. Sigamos camiñando xuntas e xuntos, con ledicia e sen medo, facendo da nosa Igrexa esa casa onde todos teñen un lugar á mesa.
Comentarios