Ir al contenido principal

UN MUNDO A CONSTRUÍR: REFUXIO DE FRATERNIDADE

PÓRTICO

Resúltanos difícil conxugar o que nos di a Palabra que proclamamos coa vida que vivimos. Temos moi claro que Xesús fálanos de paz, amor, xustiza, perdón... e nós empeñámonos en vivir no enfrontamento, o odio, a inxustiza ou o rancor.

Ata cando vai ser así?. Deixemos de ser teóricos do Reino, para comezar a ser vida, onde o corazón saiba amar, a cabeza descorrer e as mans traballar.

Que a nosa oración comunitaria de hoxe nos axude a conseguilo.

PERDÓN

Por tódalas veces nas que non quixemos unir o que rezamos e o que vivimos.

SEÑOR, QUE SAIBAMOS VIVIR O PERDÓN.

Por tódalas veces nas que renunciamos a vivir a fraternidade, empeñándonos en buscar o enfrontamento.

CRISTO, QUE SAIBAMOS VIVIR O PERDÓN

Por tódalas veces nas que non soubemos descubrirte nas persoas pequenas e necesitadas.

SEÑOR, QUE SAIBAMOS VIVIR O PERDÓN

REMUÍÑO

Señor, ti es o noso refuxio

o Ante as dúbidas e medos

o Ante as nosas inseguridades

o Ante as nosas renuncias para ser testemuñas da túa mensaxe

o Ante as nosas desesperanzas

o Ante as nosas tristuras

o Ante as nosas infidelidades

o Ante a nosa hipocrisía de dicirche si cos beizos e non co corazón

o Ante a tentación de camiñar no cómodo e falto de radicalidade

o Ante o noso mirar cara outro lado cando os irmáns sofren, e no seu sufrimento chaman por nós.

§ Grazas, Señor, por abrirnos a túa man e permitirnos acougar en Ti.

Que nos fixeches libres e irmáns

o E respectas as nosas decisións

o E nos deixas equivocarnos sen que nos pases factura

o E nos suxires que a fraternidade é camiño de realización e encontro

o E alentas canto supón abrir novos camiños de solidariedade fraterna

o E non nos sacas as cores cando nos equivocamos, ou esvaramos no camiño, senón que nos sorrís e nos tendes a man

o E comprendes, perdoas e desculpas cando non acertamos no camiño ou buscamos esquecernos de Ti.

§ Grazas, Señor, por camiñar ao noso lado e deixarnos enchoupar de Ti.

Para vivir no seguimento da túa persoa e da túa Palabra

o Dándonos:

§ Forza nas nosas canseiras

§ Equilibrio na nosa desmesura

§ Esperanza nos nosos pesimismos

§ Alento nos nosos andazos

§ Ilusión ao non deixar que agrome o negativo e a tristura na nosa vida

§ Creatividade para os nosos proxectos

§ Ideas e forza diante da tentación da mediocridade, o costume, a rutina e os nosos “ PARA QUE, SE TODO VAI SEGUIR IGUAL”.

· Grazas, Señor, por plantexar o teu seguimento coma o reto comprometido e solidario a cada unha das nosas vidas.

Somente cando un é capaz de entender a Palabra como os ollos desde onde ver, os oídos desde onde escoitar, o tacto de saber estar, o recendo de saberte descubrir e o gusto de saber disfrutar da túa presenza, seremos capaces de entender que seguirte a Ti, esíxenos vivir facendo felices aos irmáns. Grazas por invitarnos e degustar a fraternidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abrámonos á fraternidade do Deus amigo que nos invita a vivila desde o esforzo de ir cambiando o corazón humano, e digamos na confianza:

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Pola Igrexa, pobo de Deus en camiño de fraternidade e perdón, para que cant@s a formamos non esquezamos que estamos chamados a ser sal e luz, OREMOS

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Para que desde as nosas comunidades cristiás nos esforcemos por superar a teoría das palabras bacías, para camiñar na vivencia dos feitos que nos levan a vivir na igualdade, a liberdade e a fraternidade de Xesús., OREMOS.

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Por tod@s e cada unh@ de nós, para que desde a mirada limpa e xenerosa, saibamos descubrir que o Deus da fraternidade está nos enfermos, os inmigrantes e nos maiores, tantas veces compañeiros do noso camiño. Oremos.

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Señor, dános azos, para superar a tentación de ser consumidores de palabras, e poder vivir desde as actitudes que nos achegan a Ti e aos irmáns. Amén.

REFLEXIÓN

Señor Xesucristo, columna de unidade e rei da fraternidade,
envíanos cada mañá a forza do teu Espírito.
Derruba os muros de separación levantados polo egoísmo,
o orgullo e a vaidade.
Afasta da nosa casa as envexas que sementan discordias.
Líbranos das inhibicións.
Sosega os nosos arroutos e énchenos de serenidade.

Fai xurdir no noso interior correntes sensibles e cálidas,
para que nos perdoemos e nos comprendamos,
nos estimulemos e nos axudemos como fillos dunha mesma nai.

Retira do noso camiño as rivalidades e aversións.
Rompe os bloqueos para que sexamos uns cos outros
abertos e leais,sinceros e veraces.

Creza a confianza coma árbore frondosa
a cuxa sombra todos nos sintamos felices.
E así seremos ante o mundo o argumento sensible e profético
de que ti, Señor Xesús, estás vivo entre nós. Amén.

CANTOS

Entrada: Con ledicia vamos tod@s ao altar

Lecturas: Señor Xesús

Ofertorio: Gracias, Señor, graciñas

Comuñón: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...