Ir al contenido principal

3 Domingo Coresma 2009

3º Domingo de Coresma

SIGNO: Colocamos na cartolina dos taboleiros o terceiro ladrillo, que levará escrita a palabra SOLIDARIEDADE.

O templo: ámbito para celebrar a vida coa comunidade, non mercado no que se compra a Deus

PÓRTICO

Vivimos nunha civilización que ten como eixo de pensamento e criterio de actuación o desexo de gañar e ter cartos. Demasiadas persoas son capaces de grandes sacrificios, e mesmo de pisotear ou servirse dos demais para conseguir un benestar material e lograr un prestixio social.

Por iso poderiamos afirmar sen medo a equivocarnos que hoxe todo se pode mercar e vender... incluída a relixión. Porque, ¿son as nosas igrexas o lugar de encontro co Pai ou o lugar no que tratamos de poñer a Deus ao noso servizo?, ¿son as nosas celebracións un encontro con Deus ou unha obriga rutineira e aburrida coa que pensamos adquirir certa seguridade diante de Deus?, ¿a nosa Igrexa é a casa do Pai na que se manifesta e se vive a xustiza ou un mercado no que se negocia co sagrado, co culto, cos sentimentos das persoas?.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a comprender que non descubriremos a tenrura, a acollida, a liberación e o amor de Deus se vivimos comprando ou vendendo, movid@s polo desexo de negociar a nosa salvación.

O PERDÓN

Porque tentamos domesticar a Deus, pechándoo en fórmulas, ritos, prácticas e institucións, para logo utilizalo no noso propio proveito, SEÑOR, PERDOA O NOSO MERCANTILISMO.

Porque en demasiadas ocasións poñemos prezo aos nosos ideais, ás nosas convicións, e mesmo ás nosas persoas, CRISTO, PERDOA O NOSO MERCANTILISMO.

Porque é moi doado caer na tentación de quererte mercar, pois ás veces nós tamén temos dentro algo de mercaderes e comerciantes, SEÑOR, PERDOA O NOSO MERCANTILISMO.

REMUÍÑO

Amar a Deus e aos que somos a súa “imaxe e semellanza” é o reto que temos os crentes cada día diante de nós, e que se vai concretando en cada unha das dez esixencias das que nos fala o libro do Éxodo na primeira lectura. Este ser “imaxe e semellanza”, lévanos a que no persoal e no comunitario aprendamos a descubrir a presenza de Deus, afastando a tentación de oprimir, marxinar, ofender, mentir, explotar, abusar…da persoa/s e mesmo de nós mesmos. Porque tamén nós somos imaxe do Deus que nos pide que non estraguemos a vida, que non nos deixemos levar do derrotismo e da falta de ilusión, que non caiamos na tentación, tan fácil en cada un de nós do: non vallo para nada, non sei que fago aquí,  eu sobro… que ás veces veñen non só ao noso pensamento, senón tamén á nosa boca. Por iso, non está de máis que busquemos un momento de tranquilidade ao longo, ben do día ben da semana, e releamos este testo do Decálogo, tentando situalo na nosa vida, para descubrir como o imos convertendo no que aquel no que cremos e ao que lle rezamos nos invita: ”ser imaxe e semellanza” del. Porque se antes non somos capaces de acollelo en nós, como imos selo de vivilo en relación cos demais?.

Acoller o Decálogo na nosa vida é vivilo non coma unha norma xurídica que se nos impón desde fóra, senón como unha invitación a responder á chamada que Deus nos fai a cada un/ha de nós. Leva entón a que descubramos que a mellor predicación que podemos facer de Cristo é respondendo na nosa vida, integrando no noso quefacer cotián, estas dez realidades da nosa vida, persoal e comunitaria; desde a relación con Deus, os demais, nós mesmos e o mundo. E facelo tendo a Cristo como luz que nos vai acompañar no camiño. Non temos entón que pedir sinais ou busca-la sabedoría, senón deixarnos levar da man do Deus que pon as cousas ao noso dispor.

 

Isto supón estar sempre atentos ao que pasa ao noso redor, pois, nada do “verdadeiramente humano” debe deixar de preocuparnos. Deste xeito as celebracións, na medida que son expresións da nosa vida, convértense nun compartir fraterno e achegado, e non nunha fermosura estética moi bonita para contemplar, pero moi afastada para poder expresar con sinxeleza o que nos aleda e tamén o que nos preocupa. Por iso debemos coidalas e evitar calquera tipo de mercantilismo ou materialismo económico. E neste caso é doado pousar o noso dedo inquisidor sobre a xerarquía, botándolle a ela a culpa deste comercio. Porén, se ollamos en profundidade, decatarémonos de que tod@s: leig@s, xerarquía e relixios@s aportamos o noso gran de area para que este negocio non vaia á quebra. Esquecemos que con cartos podemos mercar unha cama cómoda, pero non un sono tranquilo; con cartos podemos comprar novas relacións, pero non unha verdadeira amizade; con cartos podemos comprar pracer, pero non felicidade. E, con cartos nunca podemos comprar a Deus. O que celebramos non ten valor material, senón que é unha experiencia, profunda, persoal e comunitaria dos crentes reunidos no nome do Señor, que expresamos, compartimos e celebramos a fe. Outra cousa será que esa comunidade deba ser solidaria para poder ter coidado o lugar no que se reúne, preocupada sempre polos membros dela que teñen menos medios; ou da necesidade de facer real o universalismo da fe contribuíndo na colaboración con proxectos que poidan levar a dignidade a quen non a ten recoñecida por falta de medios e vive noutros mundos. Pero iso é consecuencia da fe que se comparte e celebra, non o fin ao que leva a celebración. Deus quere corazóns sensibles e capaces de amar, non taxas coas que contentarnos e contentalo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Coresma é tempo de cambio persoal e comunitario, non de palabras baleiras; por iso dicimos xuntos:

QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE

Para que a Igrexa se esforce sempre, pero especialmente neste tempo de coresma, en ser corazón aberto á misericordia e ao cambio de actitudes nos seus dirixentes e nos demais membros que a formamos, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE

Polas nosas comunidades, para que entendamos que o culto e o comercio non se levan ben, senón que o verdadeiro culto esixe de nós dispoñibilidade, servizo, ledicia e agarimo cara aqueles que sofren, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE

Por tod@s nós, para que a nosa fe non se reduza a un trato mercantilista con Deus, senón que a vivamos coma don gratuíto, que non se merca nin se vende, senón que pola contra, dáse de balde, OREMOS.

QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE

Grazas, Señor, por seguir confiando en nós, e dándonos a man que nos invita a vivir o perdón como unha festa que nos cambia a vida e nos alenta no noso ser “fermento no medio do mundo”. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Que non se nos acostume o corazón, Señor,

a ver persoas sufrindo en situacións inxustas,

á mirada triste e perdida,

ao xesto caído e desanimado,

ás poucas ganas de vivir,

a calquera violación dos dereitos humanos.

 

Pon tenrura, Señor, na nosa mirada;

pon caricias nas nosas mans que saúdan,

pon misericordia na nosa mente que fai xuízos,

pon sabedoría na nosa linguaxe;

pon escoita nos nosos oídos que reciben a túa Palabra.

CANTOS

·         ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor

·         LECTURAS: Arrepentido

·         OFERTORIO: Sede o sal

·         COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...