Ir al contenido principal

Xoves Santo 2009

OS DEREITOS HUMANOS, PUNTO DE PARTIDA, DE ACTUACIÓN E DE CHEGADA NO NOSO COMPROMISO CRISTIÁN

PÓRTICO

Coma o pobo xudeu, que se xuntaba para celebrar a súa festa máis importante, a Pascua, hoxe nós tamén nos xuntamos para celebrar e agradecer que Deus nos saca cada día da servidume da escravitude para que andemos nunha vida nova de liberación e salvación marcada polo servizo.

Na súa despedida, Xesús non lle deixou aos seus discípulos nin un catálogo de normas que resumise o que debían crer, nin un código de moral, nin tampouco un organigrama da Igrexa. Pero si deixou un xesto sinxelo (compartir o pan e o viño) e unha forma de vida (o servizo cara aos demais) que hoxe lembramos dun xeito especial.

Neste contexto de festa compartida, tentaremos descubrir que ao redor do signo do pan tod@s temos unha mesma dignidade. Ao partir o pan deberemos lembrarnos de quen vive sen pan de xustiza, de liberdade, de vida. Ao achegarnos a comulgar temos que saber descubrir que estamos chamad@s a traballar para que os Dereitos Humanos sexan unha realidade para todas as persoas.

O PERDÓN

  • Porque queremos considerar máis importante a quen serve que a quen é servid@, SEÑOR, FAINOS SITIO NA TÚA MESA.
  • Porque queremos traballar para que os Dereitos Humanos sexan universais e non exclusivos duns poucos afortunados, CRISTO, FAINOS SITIO NA TÚA MESA.
  • Porque queremos construír comunidades sen críticas destrutivas, sen faltas de respecto cara aos demais,sen individualismos e sen pasotismos, SEÑOR, FAINOS SITIO NA TÚA MESA.

REMUÍÑO

Xesús quere repetir con nós os mesmos xeitos que tivo cos seus discípulos na última cea: quere xuntarnos, sentarnos á súa mesa, lavarnos os pés e mirarnos aos ollos e ao corazón.

Xúntanos: Porque non quere que falte ninguén á súa festa. Xúntanos coma a galiña acubilla os pitiños á calor das súas ás. Xúntanos porque nos mira e nos sente dispersos. Xúntanos e quere estreitarnos no seu peito, levarnos no seu colo. Gústalle vernos aquí, formando comunidade.

Séntanos á súa mesa: Porque é un signo de amizade e de confianza; porque nos mira débiles, pobres e famentos. Na mesa non só compartimos o alimento, senón tamén os sentimentos, as esperanzas, os medos, as dúbidas, os éxitos e os fracasos, as tristuras e as angurias... Na mesa hoxe, sentímonos persoas con dignidade, familia, fill@s, cidadáns, irmáns... Xesús é quen serve, dáse para abrirnos horizontes, para que non nos conformemos co que somos e co que temos.

Lava os nosos pés: É o xesto máis expresivo, un xeito de dicirnos quen é e cómo nos quere. Quere dicirnos que non veu a ser servido senón a servir. Quere dicirnos que o amor non ten reparos en tirarse polo chan e en chegar ata o máis baixo. Quere dicirnos que o amor está feito de tenrura e, tamén de sufrimento. Quere dicirnos que, ás veces, o amor doe. Hoxe nós tamén estamos chamad@s a descubrir ao pobre, ao sen dereitos, ao marxinado... para axeonllarnos diante del. Hai moitas persoas cansas de camiñar cangadas con cadeas e que teñen que sentir que nós tamén estamos chamad@s a refrescar os seus pés, para que consigan camiños de liberación.

Míranos aos ollos e ao corazón: Só así pode dicirnos o que nos di, falarnos de amor e de entrega, de servos e de escravos, de dignidade e de vida. E nós temos que identificarnos co Xesús do amor de servizo, do amor de compromiso, do amor de comuñón. Un amor que se supera e transcende, un amor que rompe barreiras, un amor intenso, un amor esixente: esixencia de humildade, esixencia de servizo, esixencia de santidade. Hoxe é un bo día para comezar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Nesta tarde, na que unha vez máis nos convocas arredor da túa mesa e da túa Palabra, queremos presentarche a nosa oración comunitaria dicíndoche cos nosos beizos e co noso corazón:

ENSÍNANOS A AMAR

Pola Igrexa, por tod@s nós, para que nunca esquezamos que a verdadeira autoridade terémola cando, coma Xesús, esteamos dispost@s a lavárllelos pés aos irmáns, erguéndonos da mesa ben servida e despoxándonos de tantos apegos que atan e estorban, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Polas nosas comunidades, para que teñamos presente que unha comunidade cristiá verdadeira defínese pola súa capacidade de servizo e de entrega cara aos máis necesitados, e non pola grandeza das súas estruturas, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Polas persoas que en calquera ámbito (económico, político, cultural, eclesiástico...) teñen calquera tipo de poder, para que non perdan de vista que son servidores de tod@s, e que deben buscar o ben común, deixando atrás intereses persoais, ansias de enriquecemento ou considerarse superiores aos demais, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Hoxe, no día da institución do sacerdocio, queremos pedirche polos curas das nosas parroquias, para que sexan no medio das súas comunidades sementadores de cercanía, tenrura, acollida e ilusión, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Esta tarde tamén queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas as persoas que, desde Cáritas ou calquera outra institución, traballan a prol da dignificación do ser humano, para que nunca cansen na súa tarefa e atopen a nosa axuda, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Por cada un e cada unha de nós, para que traballemos a fin de que os Dereitos Humanos sexan universais e punto de encontro para todas as persoas, OREMOS.

ENSÍNANOS A AMAR

Grazas, Señor, por querernos e por seguir confiando en nós. Que saibamos transmitir fielmente o teu mandado de amar a todas as persoas. PXNS. Amén.

OFERTORIO

Pódese facer o lavatorio dos pés a doce persoas

Imos hoxe, no día do amor fraterno, ofrecer a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Son trinta artigos que nós queremos facer nosos e ofrecerchos, Señor, para que Ti nos deas forzas para levalos adiante como un xeito de unir esforzos con tódalas persoas de ben que queren facer do mundo un lugar máis humano e máis fraterno. “Amádevos uns aos outros”, disnos. Que fagamos realidade estas palabras túas e que loitemos para que tod@s teñamos un futuro esperanzado.

REFLEXIÓN

Vinde a min tódolos excluídos,

os que estades esgotados e arruinados,

os que xa non contades nin valedes nada,

os últimos, os que non sodes queridos,

os que só recibides golpes e esquecemento.

Vinde, que quero acubillarvos

á sombra das miñas ás.

Vinde a min,

escravos e humillados,

vencidos a calquera prezo e desexo,

nenos sen refuxio, inmigrantes á deriva,

enfermos e anciáns apartados.

Vinde, que eu son a liberdade,

e enchereivos do consolo e da forza do meu Espírito.

Vinde a min,

famentos de pan e de xustiza,

famentos de dignidade e de respecto,

famentos de vida e felicidade.

Vinde, que eu serei o voso alimento.

Vinde a min

todos os rexeitados, perseguidos,

esquecidos, excluídos, marxinados,

xente sen voz, sen nome, sen prestixio.

Vinde, para entrar no meu Reino.

CANTOS

  • Entrada: Onda Ti, Noso Pai, á tardiña
  • Lecturas: A túa Palabra
  • Ofertorio: Velaquí, Señor, o viño
  • Santo: Oh Señor noso Deus
  • Paz: Douvos un mandato novo
  • Comuñón: Pan do ceo amor
  • Traslado Santísimo: O amor é o meirande

(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo das ofendas).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...