Ir al contenido principal

DOMINGO 22 TO


 

Grazas por acollernos na túa casa


 

Pórtico

    Na casa do Señor cabermos tod@s, porque a porta está sempre aberta. Pero sabemos que cando entramos nunha casa debemos saber estar e comportarnos, non nos vale estar de calquera xeito. Por iso o Señor, se ben é verdade que nos invita á súa casa e tennos sempre a porta aberta, pídenos tamén que saibamos estar nela, que nos comportemos co xeito que corresponde. Saber responder a quen nos invita, supón actuar de xeito que non firamos a quen nos abriu a porta, coñecer que pide de nós o que tivo a delicadeza de invitarnos a entrar e corresponder de xeito respectuoso e educado á confianza que nos deron. Comportándonos deste xeito, seguro que sempre poderemos non só entrar, senón tamén quedarnos na casa do Señor.

    Que a nosa celebración nos leve tamén a nós a abrir a porta do corazón a quen de nós necesita.

Perdón

  • Porque moitas das veces, fronte da porta aberta que nos ofreces, nós respondemos dándoche as costas, SEÑOR, ACÓLLENOS NA TÚA CASA .
  • Porque somos capaces de cangar aos demais con aquilo que nós non estamos dispostos a facer, CRISTO, ACÓLLENOS NA TÚA CASA.
  • Por non ter sabido facer da túa mensaxe un camiño no que ir enchendo a nosa vida de sentido e esperanza, SEÑOR, ACÓLLENOS NA TÚA CASA .

Remuíño

  • Cada día van aparecendo nos medios de comunicación noticias extravagantes, raras e estrañas que fan referencia ao modo de expresar a fe por parte de cristiáns, ben individualmente ben de xeito comunitario. Así imos sabendo que nun sitio poxan as varas das andias, noutro cólganlle cartos nos mantos, noutros métennos no río para que chova… e así poderíamos seguir ata o infinito. E o problema non son estes costumes, máis ou menos peculiares; non, o problema está en reducir a fe a isto e quedarnos simplemente co externo e superficial, con pensar e crer que a fe son costumes, tradicións, que moitas das veces nin entendemos nin sabemos por que se fan, pero diante das que somos capaces de crear verdadeiros problemas e tensións se alguén tenta explicar que puideron valer para outro tempo, pero non para hoxe, polo que o mellor sería suprimilas. Tan é así que, inda que sexa unha contradición coa fe que se afirma crer, acaban baixando, e non en procesión certamente, tódolos santos e santas do ceo. E sen importarnos moito nin pararnos a pensar como pode ser unha reacción así diante dun costume que nin é evanxélico nin se atopa dentro do que quería e buscaba Xesús para nós.
  • Por iso, diante deste xeito de actuar e entender a fe, resoa con moita actualidade nos nosos oídos, tamén hoxe, a pregunta que se fai o salmista: quen pode hospedarse na túa tenda?. É dicir, cómo podemos dicir que somos seguidores de Xesús, cando o que menos importa é o seguimento da súa doutrina, senón unha tradición e moitas veces nin iso, pois a defensa deste tipo de comportamentos asociados á fe, esconden moitas veces os medios para obter cartos para pagar as orquestras e demais actuacións que se celebran con motivo da festa do patr@n. Entenderemos algunha vez, segrares e curas, que a fe non pode ser unha escusa para traficar cos cartos, senón que nela atopamos o sentido da vida, a forza para camiñar na esperanza, a resposta á invitación ao seguimento que nos fai Xesús para acadar a salvación?.
  • Pensemos entón cada un e cada unha de nós, como estamos a responder a esta invitación que desde o evanxeo nos fai hoxe Xesús de non confundir nunca o "cú coas témporas, o touciño coa velocidade", é dicir, os mandamentos de Deus, mandamentos que nos falan de benaventuranza, de amor, de paz, de esperanza, de perdón, de acollida e solidariedade, de…. coas tradicións humanas. Prestemos, unha vez máis, atención, reflexión e tempo á palabra de Xesús, e nos aos tinglados humanos, que poderán ser moi rendibles, pero quedarán sempre afastados do que nos dixo e fixo quen loitou contra do legalismo e o formulismo bempensante.

Oración da comunidade

    Agradecidos por todo canto vas pondo no camiño da nosa vida, compartimos agora, Señor, a nosa oración comunitaria, e dicímosche xuntos:

QUE NON CONVERTAMOS O TEU REINO EN TRADICIÓNS

  • Que na Igrexa, cantos formamos parte dela, non afoguemos nunca a túa mensaxe para impoñer tradicións e obrigas estrañas á liberdade do teu amor, Oremos.

QUE NON CONVERTAMOS O TEU REINO EN TRADICIÓNS

  • Para que nas nosas comunidades poida haber sempre pequenos recunchos nos que sentírmonos escoitados, acollidos, acompañados e sempre queridos, Oremos.

    QUE NON CONVERTAMOS O TEU REINO EN TRADICIÓNS

  • Que sempre, os que loitamos cada día por vivir de xeito coherente e honesto no medio do mundo a túa mensaxe, non esquezamos que non son as tradicións do pasado, senón a vida de cada día, coas dificultades, fracasos e tamén acertos, o que Ti acompañas e fas benaventurada, Oremos.

    QUE NON CONVERTAMOS O TEU REINO EN TRADICIÓNS

    Señor, logo de presentar comunitariamente a nosa oración, queremos deixarnos enchoupar da frescura da túa palabra, e do exemplo de tantos irmáns e irmás entregados á causa de facer a vida agradable aos demais. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! cando me desacougan os pesares da vida.

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! cando me vexa vítima da inxustiza, cando me abandonen os amigos, cando a soidade me pareza máis amarga.

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! cando o traballo me pareza penoso, cando o desalento se apodere de min.

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! cando a enfermidade e a dor chamen na miña porta.

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! cando choro a ausencia dun ser querido... e sento que me vou esfolando por dentro.

FÁGASE A TÚA VONTADE, MEU DEUS! ao longo da miña vida.

Póñome na túa man, déixome agarimar e acompañar por ti, e esfórzome para non perder a frescura da túa Palabra. Unha frescura que me di: vive, e non convertas a miña mensaxe en tradicións baleiras. Amén.

Cantos

  • Entrada: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
  • Lecturas: Benaventurados
  • Ofertorio: Veleiquí, Señor, o viño
  • Comuñón: Déixate querer / Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...