Ir al contenido principal

DOMINGO 23 TO

Se Deus nos quere iguais, por que facemos distingos e nos empeñamos en ser o que non somos ?

PÓRTICO

Hoxe máis ca nunca, a maxia e o esoterismo están de moda: o tarot, as adiviñanzas, a sorte,... teñen un posto importante nas nosas decisións e mesmo poden chegar a mover a nosa vida. O futuro é algo que non chegamos a controlar e polo tanto danos medo non ser capaces de conseguir as nosas metas, ou quedar polo camiño. Recorremos entón ao que faga falla para lograr "coñecelo". Isto mesmo pasa coa nosa fe: recorremos a unha fe máxica, superficial, que non compromete a nosa vida nin nos fai cambiar, senón que só nos deixa tranquilos, xa que o noso está seguro, e o dos demais non importa.

A invitación de hoxe vai dirixida a nós que temos medo, para que confiemos no Señor, para que nos deixemos transformar pola súa palabra e o seu corpo, para que nos deixemos cuestionar pola comunidade e os acontecementos que pasan ao noso carón. Deixemos pois que o Señor nos abra os oídos, os ollos e solte a nosa lingua.

O PERDÓN

  • Da tentación de crérmonos en posesión da verdade absoluta, que nos impide escoitar aos que pensan distinto de nós, LÍBRANOS, SEÑOR.
  • Da tentación de ser os primeiros en facer distincións e diferenzas entre nós, LÍBRANOS, CRISTO.
  • Da tentación de pechar oídos e lenguas cos nosos dogmatismos, intransigencias, LÍBRANOS, SEÑOR.

REMUÍÑO

  • Vivimos nunha sociedade que se cre moi valente, que se caracterizou, e máis agora, por non terlle medo a nada,. Unha sociedade na que todo son retos dos que, tarde ou cedo, pode saír vitoriosa. Pero a nosa sociedade, paradoxalmente, agocha medo no seu corazón: as persoas teñen medo. Medo a que lles fagan dano físico, medo a que o outro invada o seu espazo, a que o comprometa, medo fundamentalmente a renunciar a si mesmo, a cambiar, a pensar que algo diferente pode ser positivo. Necesitamos que nos abran os ollos e os oídos e que se nos desapegue a boca para descubrir que na diversidade, que no outro, que no diferente e enriquecedor, está a vida, unha vida chea de contrastes. O necesario é non ter medo a cambiar, é facer brotar augas no deserto do noso corazón para que saneen e para que dean vida. Só entrando en diálogo co outro, co seu xeito de pensar, de actuar, de ver a vida, seremos quen de ir transformándonos, de descubrir que na pluralidade atópase a riqueza do individual.
  • Porque hoxe xa Santiago na súa carta nos advirte contra a doada e perigosa tentación de facermos distincións, que tan de moda está na sociedade e na Igrexa. Que ben lle viría á nosa Igrexa poñer en práctica esta sinxela recomendación da súa carta: "non xuntedes a fe no noso Señor Xesucristo coa acepción de persoas". Cantas veces temos utilizado a relixión e o nome de Deus en vano para xustificar o noso facer distincións entre as persoas. Porque desgraciadamente a Igrexa institución segue, en moitas ocasións, ligada ao poder e aos poderosos, tanto na súa xerarquía coma nos seus membros leig@s e relixios@s. ¿Ou é que moitas veces non tratamos tamén nós dun xeito diferente a quen ten máis cartos, máis poder, máis estudios.... que ao resto dos nosos veciños?. ¿Non seguimos pensando e clasificando as parroquias en boas (sinónimo de parroquias grandes e economicamente fortes) e malas (parroquias pequenas e con problemas económicos?. E aínda máis, ¿non nos cremos inferiores a eles?. Porén, non é este o xeito de actuar de Xesús, que foi perseguido, calumniado e crucificado por non unirse aos intereses dos poderosos , por denunciar a súa dobre moralidade, por non render pleitesía nin permitir que lla rendesen a El. Ese é o camiño que nós, coma seguidores seus, queremos andar: o do servizo a prol dos empobrecid@s e marxinad@s da terra. Oxalá empreguemos nel o noso sentidiño.
  • Porque El segue a darnos oportunidades, e non nos pecha nin os camiños que nos levan cara si; nin as fontes das que mana a auga fresca da súa palabra. Por iso nós hoxe, coma outros moitos fixeron ao longo da historia, podemos dicir con confianza e sinxeleza: "Fai que os xordos oian e que os mudos falen". Uns xordos e mudos que non temos que buscalos moi lonxe, senón que somos nós mesmos cando nos pechamos a súa palabra, a recoñecelo nos irmáns, a negarlle, co noso xeito de facer as cousas, o seu lugar entre nós; cando calamos diante da inxustiza, ou falamos para favorecer aos que teñen poder e dominio, namentres nos volvemos mudos cos explotados e esquecidos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Unha vez máis, invítasnos a deixar atrás o noso individualismo para camiñar no sentido comunitario da oración. Convencidos de que este debe ser o noso camiño, unímonos para dicirche:

QUE SUPEREMOS A VIVENCIA INDIVIDUALISTA DA FE

  • Para que na Igrexa, en todos e cada un dos seus ámbitos, non alentemos nunca proxectos individualistas e sen compromiso cos problemas que ocorren no noso mundo.Oremos.

    QUE SUPEREMOS A VIVENCIA INDIVIDUALISTA DA FE

  • Polas nosas comunidades, para que traballemos sempre pola igualdade e a fraternidade, coma esixencia do noso sermos fill@s de Deus, sen facer acepción de persoas, OREMOS.

    QUE SUPEREMOS A VIVENCIA INDIVIDUALISTA DA FE

  • Por todos nos, para que non teñamos medo a confiar nas persoas, deixándonos de ideas preconcibidas que impiden a comunicación e pechan os nosos ollos, os nosos oídos e o noso corazón ao outro, negándolle así a nosa axuda e comprensión, OREMOS.

    QUE SUPEREMOS A VIVENCIA INDIVIDUALISTA DA FE

Señor, que nos deixemos aloumiñar pola túa presenza no noso camiñar, para poder así dar verdadeiros froitos de igualdade, respecto e escoita da túa mensaxe na nosa vida, e na relación cos demais. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Que os xordos deixen de facerse os xordos,

que limpen os seus oídos

e saian ás prazas e aos camiños;

que se atrevan a escoitar o que teñen que escoitar,

o grito e o pranto, a súplica e o silencio de todas as persoas que xa non aguantan máis.

Que os mudos tomen a palabra

e falen clara e libremente,

atrevéndose a pronunciar as palabras

que todos teñen dereito a escoitar:

as que non enganan.

Que ninguén deixe de escoitar o berro dos silenciados

nin quede sen palabras diante de tantos enmudecidos

Dános, Señor, oídos que se conmovan para os que non escoitan,

palabras vivas para os que non falan,

micrófonos e altofalantes

para pronunciar a vida,

para escoitala e acollela.

Que os xordos escoiten e que os mudos falen!.

CANTOS

  • ENTRADA: Con ledicia vimos
  • LECTURAS: A túa Palabra
  • OFERTORIO: Recibe Señor, co pan e co viño
  • COMUÑÓN: Sede o sal, sede a luz

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...