Ir al contenido principal

2 Pascua 2012 B


TESTEMUÑAS DA ESPERANZA

PÓRTICO

Lémbrasenos nos textos que hoxe imos proclamar que a fe que compartimos non se impón a través de leis, normas ou mandatos, senón desde o testemuño. Os cristiáns damos razón da nosa esperanza, das nosas ilusións ou do sentido da vida non pola imposición nin o medo, senón desde a acollida gozosa e libre da mensaxe que nos deixou Xesús. Unha mensaxe que El vivira primeiramente, e da cal os seus seguidores foron aprendendo. Logo nós, estamos chamados a ser, entre os amigos, os compañeiros de traballo, as persoas da familia. os veciños.... as testemuñas da resurrección de Xesús; non con grandes sermóns ou palabras ilustradas pero pouco comprensibles, senón coa maneira sinxela, leda, gozosa e sempre chea de positividade do noso testemuño. Que a pascua sexa tempo para ir comezando a rodar neste camiño.

PERDÓN

  • Polas veces nas que nos faltaron ilusión e ledicia á hora de dar testemuño da nosa fe, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
  • Polas veces nas que reducimos a expresión da fe a un simple cumprimento de obrigas ou normas, e non ao gozo de atoparnos contigo, CRISTO, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
  • Polas veces nas que os prexuízos non deixaron que tenderamos pontes de perdón e misericordia cara ás persoas das que nos tiñamos distanciado, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSO PASOS.

REMUÍÑO

Nós somos testemuñas: Si, o libro dos Feitos dos Apóstolos lémbranos algo que tiñamos/temos un pouco esquecido: que hoxe as testemuñas de Xesús somos nós. Non é a historia da Igrexa, coas súas luces e sombras, tampouco o nome dos santos e santas que enchen os día do calendario, tampouco os grandes documentos de Bispos, papas ou teólogos, e moito menos os sermóns e homilías dos que cada semana nos predican. Non, as verdadeiras testemuñas de Xesucristo somos cada un e cada unha de nós. Pero non unhas testemuñas de palabras, senón unhas testemuñas de vida; unha vida coa que lle imos dicindo aos demais por que cremos, como nos axuda a fe, e canto nos aporta para seguir mirando ao futuro sen medo e encarando o presente con esperanza. Sobran palabras, xa pasou o tempo delas. Hoxe o que necesitamos son historias vivas nas que mostremos que cremos no amor, que somos capaces de poñelo en práctica con quen está necesitado, que é posible abrir claros por moi pechado e cheo de nubes baixas que estea o ceo. Por iso e para iso, somos testemuñas de algo grande que non só pronunciamos cos beizos, senón que vivimos cada día da nosa vida no que facemos e como o facemos: o amor. 
 En paz déitome e logo adormezo, porque só ti, Señor, me dás seguridade: E se cremos no amor, entendemos a razón que nos leva a rezar agradecendo a oración do salmo responsorial. Deitámonos en paz porque nos sentimos agarimados, protexidos e acompañados por Deus. Ese é o diálogo co que cada día comezamos unha nova xornada: porque me dás seguridade, eu vivo en paz: comigo e cos demais. A paz que vai xermolando no corazón e que non ten dobre cara nin busca quedar ben, senón que se sente no profundo da vida de cada un de nós, porque esa paz dánola Cristo. E a paz de Cristo non nos leva a ter mala conciencia, senón que nos fala de persoas, de respecto para esas persoas, de valores e actitudes nas que se mostren que a sinceridade, a preocupación desinteresada, a compaña compartida, a verdade expresada non son ficións nin maneiras de buscar quedar ben, senón vivencias profundas que cremos e poñemos en práctica. E iso é o que nos fai poder durmir tranquilos e en paz, sen pesadelos nin remorsos. Quen senón nos pode logo dar esa seguridade, máis ca Xesús resucitado! 
Recoñecérano ao partir o pan: Por iso estamos aquí, porque coma os seguidores da primeira hora, tamén nós o recoñecemos ao partir o pan. Pan da eucaristía, pan de amor, pan compartido, pan escoitado, pan vivido, pan, pan, pan, sempre o pan do Deus que non quixo quedar na morte, senón que abriu camiño de novidade e renovación. E esa novidade e renovación é a que nós temos que proclamar cada día, e á que hoxe, desde esta celebración, somos invitados. O que nos vai axudar a botar tamén fora de nós o medo e máis o susto, do mesmo xeito que lles pasou aos que entenderon que resucitar é vivir de novo e en esperanza.
Vós seredes testemuñas de todo isto: A Eucaristía é para un crente momento de encontro, experiencia compartida de solidariedade e gozo persoal e comunitario da presenza de Deus. No partir e compartir o pan, ábresenos a tod@s nós unha invitación e unha urxencia: alí onde esteamos debemos facer o mesmo que fixo Xesús. El deuse aos demais, nós, non podemos facer outra cousa máis que darnos a quen poida necesitarnos. Iso porá de manifesto que o partir o pan é para nós unha praxe, un xeito habitual e cotián de responder á misión que se nos encomendou.

ORACIÓN da COMUNIDADE

Poñamos á carón da luz pascual que nos fai presente a Cristo a nosa oración e a nosa acción de grazas, para que El se faga tamén compañeiro da nosa andaina cotiá e digamos: 
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  • Teñamos presente hoxe na nosa oración ás persoas que conforman as comunidades cristiás dun cabo ao outro do mundo, para que saibamos sempre sentírmonos Igrexa enchoupada de esperanza e con gañas unir esforzos con quen busca o respecto e a dignidade das persoas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  • Lembrándonos das persoas das nosas comunidades parroquiais, encomendemos neste momento a aquelas que están enfermas, viven solas, se senten desacougadas ou están a pasar por un momento de dificultade económica, familiar ou laboral. Por todas elas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
  •  Fagamos o esforzo de converter a nosa oración en comunicación e diálogo con Deus desde o mundo do que formamos parte, e agradezamos a súa invitación a ser comunidades onde nos queiramos, axudemos, respectemos e nos esforcemos por non caer na indiferenza nin na exclusión de quen non pensa ou non actúa coma nós, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
Grazas, Señor, por este momento no que nos chamas a poñer nos nosos beizos a oración desde a que lembrar a tantos irmáns e irmás que comparten con nós un corazón disposto a amar. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN 

Xesús envíanos. Esta misión é hoxe urxencia diante das dificultades e problemas polos que están a pasar moitas persoas en moitas partes do noso mundo, preto pero tamén lonxe de nós, por iso o seu ide chámanos :
Para encher a terra de luz
Para sementar ledicia e esperanza 
 Para proclamar misericordia e perdón 
Para traballar pola paz 
Para consolar aos que sofren 
Para evanxelizar aos pobres 
Para ser testemuñas de resurrección 
 Para asegurar que Deus nos ama e que a vida consiste en amar
(Sobre un texto de Cáritas, Cuaresma Pascua 2012)
CANTOS
·         ENTRADA: Ti es camiño
·         LECTURAS: Xesús é Señor
·         OFERTORIO: Douvos un mandato
·         COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...