Ir al contenido principal

Xoves Santo


Pan partido, compartido e repartido que racha as cadeas da crise

PÓRTICO
O pobo xudeu reuníase para celebrar a súa festa máis importante, a Pascua, o paso do Señor, o camiño cara á liberdade. Este é o marco no que Xesús institúe unha nova alianza, que terá como alicerce o amor, o servizo, a entrega xenerosa. Hoxe nós reunímonos como comunidade crente, para celebrar e agradecer que Deus nos saca cada día de tantas servidumes e escravitudes para que andemos nunha vida nova de liberación e salvación. E faino así por unha sinxela razón: quérenos, ocúpase e preocúpase por nós.

Neste contexto de festa compartida, tentaremos descubrir que, o pan que repartimos e compartimos fainos irmáns e irmás. Ao partir o pan deberemos lembrarnos de quen vive sen pan de xustiza, de liberdade, de vida. Ao achegarnos a comulgar temos que saber descubrir que estamos chamad@s a traballar para que este pan quente da solidariedade e do amor rache as cadeas da crise.
O PERDÓN
  • Señor, porque en demasiadas ocasións as nosas miopías e os nosos prexuízos impídennos descubrir o teu rostro no irmán e na irmá, SEÑOR, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.
  • Cristo, porque o noso andazo, a nosa desesperanza e o noso pasotismo impídennos vivir a Boa Nova como paso da escravitude á liberación, CRISTO, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.
  • Señor, porque na meirande parte das veces seguimos considerando moito máis importante a quen é servido que a quen serve, SEÑOR, QUE O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHE AS CADEAS DA CRISE.
REMUÍÑO
SOMOS COMUNIDADE DE IRMÁNS E DE IRMÁS: A festa da Pascua era para os xudeus unha festa familiar, que se celebraba nun ambiente de ledicia e confianza pola liberación da escravitude. Esa debería ser a nosa actitude cada vez que nos xuntamos para celebrar a nosa fe: actitude de alegría, de esperanza, de confianza, de gratitude cara a Deus, que nos está a sacar cada día da servidume. Porque a pesares dos profetas de calamidades, tan comúns na nosa sociedade, o Señor pasa cada día pola nosa vida, o que ocorre é que temos que estar dispost@s a recoñecelo e a acollelo, e moitas veces o noso corazón anda noutras cousas e non é quen de facelo. 
SOMOS COMUNIDADE DE SERVIDORES: Na escea do lavatorio dos pes que vimos de proclamar no evanxeo, Xesús amósanos quen é Deus: non un soberano que senta nun trono lonxano, non un ditador nin un xuíz terrible, senón un Deus que en Xesús púxose ao servizo das persoas. Lavar os pés era unha tarefa de escravos, un xesto de deferencia ou consideración cara aos hóspedes. A vida de Xesús foi un testemuño constante da inversión de valores que hai que establecer para poder formar parte do Reino. O xeito non é o poder, nin tampouco a dominación. O que ennobrece ás persoas é a súa disposición permanente para servir. ¡Que lonxe das nosas actitudes individuais, comunitarias, eclesiais...!. Buscamos ser servidos máis que sermos servidores, sen dar entendido que aí, na capacidade para poñerse ao servizo dos irmáns, é onde radica a verdadeira grandeza das persoas e non nos cartos, nin nos seus coñecementos, nin no seu prestixio social.
SOMOS CARITAS DO AMOR DE DEUS: Hoxe, no día no que celebramos a institución do sacerdocio e no día do amor fraterno, a nosa celebración tamén ten que facernos caer na conta de que tod@s, non só os homes que recibiron o sacramento da orde, temos que ser expresión visible, no aquí e no agora, do amor de Deus cara a todas as persoas, fundamentalmente cara ás máis desfavorecidas. É importante que o teñamos presente, se cabe dun xeito máis forte, nestes tempos de crise, de desesperanza, de crispación no que vivimos. Na mesa non só compartimos o alimento, senón tamén os sentimentos, as esperanzas, os medos, as dúbidas, os éxitos e os fracasos, as tristuras e as angurias... Na mesa hoxe, sentímonos persoas con dignidade, familia, fill@s, cidadáns, irmáns... Xesús míranos aos ollos e ao corazón e falanos de amor e de entrega, de servos e de escravos, de dignidade e de vida. E nós temos que identificarnos con El, Señor do amor de servizo, do amor de compromiso, do amor de comuñón. Que todos os días da nosa vida sexan xoves santo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nesta tarde na que unha vez máis nos convocas arredor da túa mesa e da túa Palabra, queremos presentarche a nosa oración comunitaria dicíndoche:

GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Pola Igrexa, por tod@s nós, para que nunca esquezamos que a verdadeira autoridade terémola cando, coma Xesús, esteamos dispost@s a lavárllelos pés aos irmáns e ás irmás, erguéndonos da mesa ben servida e despoxándonos de tantos apegos que atan e estorban, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Polas nosas comunidades, para que teñamos presente que unha comunidade cristiá verdadeira defínese pola súa capacidade de servizo e de entrega cara aos máis necesitados, e non pola grandeza das súas estruturas, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Polas persoas que en calquera ámbito (económico, político, cultural, eclesiástico...) teñen calquera tipo de poder, para que non perdan de vista que son servidores de tod@s, e que deben buscar o ben común, deixando atrás intereses persoais, ansias de enriquecemento ou soberbias, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Hoxe, no día da institución do sacerdocio, queremos pedirche polos curas, especialmente por Clodo, o cura da nosa unidade pastoral, para que sexan no medio das súas comunidades sementadores de cercanía, tenrura, acollida e ilusión, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Esta tarde tamén queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas as persoas que, desde Cáritas ou calquera outra institución, traballan a prol da dignificación do ser humano, para que nunca cansen na súa tarefa e atopen a nosa axuda, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
§      Por cada un e cada unha de nós, para que traballemos a fin de que o an quente da solidariedade, da xustiza, do acubillo e do amor rache as cadeas da crise, OREMOS.
GÁRDANOS NO TEU AMOR
Grazas, Señor, por querernos e por seguir confiando en nós. Que saibamos transmitir fielmente o teu mandado de amar a todas as persoas. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
A Última Cea é
recordo festeiro
de todos os pasos que se dan cara a unha maior e mellor liberdade,
déanse onde se dean.

A Última Cea é
comida de grupo, comida de irmáns e irmás,
cuestionando distancias e desfacendo desigualdades.

A Última Cea é
presenza calada de Deus
no pan dado, comido e compartido
en calquera mesa do mundo.

A Última Cea é
comuñón con todos os corpos rotos
xenerosamente, violentamente.

A Última Cea é
viño de agradecemento pasado de man en man,
porque todos e todas nos debemos a todas e a todos.

A Última Cea é
sangue vertido de alianza,
aperta de solidariedades nos brazos de Deus,
nos remuíños da historia.

A Última Cea é
Xesús mesmo,
ti mesmo, se queres,
eu mesmo,
feito pan e viño
na mesa nova do Reino que xa chega,
tralo amencer que apunta
polo monte das Oliveiras.
(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea”)
CANTOS
ENTRADA: Onda Ti, Noso Pai, á tardiña
LECTURAS: A túa Palabra
OFERTORIO: Grazas, Señor graciñas
SANTO: Oh Señor noso Deus
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: Pan do ceo
TRASLADO SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento /O amor é o meirande
(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).



Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...