Ir al contenido principal

4 Pascua 2012

PASTORES TESTEMUÑAS DA ESPERANZA E DE ACOLLIDA FRATERNA

PÓRTICO

Que mellor Pastor que Cristo para converterse en referencia moral de compromiso, fidelidade, confianza, acollida e dispoñibilidade para cantos seguen a presidir as comunidades cristiás!. Neste domingo do Bo Pastor, a nosa mirada non vai só dirixida a Cristo, senón que desde El, esa mirada pousase sobre os pastores que presiden as nosas comunidades. E pousase non só para que os encomendemos e colaboremos con eles, que tamén; senón para axudalos a que o seu ministerio sexa un ministerio no que se vaian desenvolvendo as actitudes e promovendo os valores que Xesús foi capaz de ir poñendo en práctica no seu tempo de vida pública. E se para Xesús o importante non era atrincheirarse nin tras das paredes do templo nin tras dun actuar de ordeno e mando, un actuar de imposición e mercantilismo económico, tamén hoxe para os nosos pastores, ha ser o compromiso por poñer en valor canto fixo e dixo Xesús, o eixo fundamental do seu ministerio. Para poder acadalo necesitan da nosa oración e da nosa axudan. Non lla neguemos!.

PERDÓN

  • Por non ter querido acompañar aos nosos pastores para facer do seu ministerio expresión do actuar de Xesús, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALTA DE MOTIVACIÓN.
  • Porque poucas veces temos caído na conta de que os nosos pastores serán bos ou malos en función da nosa disposición a non deixalos solos e a axudalos no seu traballo pastoral, CRISTO,PERDOA A NOSA FALTA DE MOTIVACIÓN.
  • Porque temos criticado moito, e con razón, aos nosos pastores, pero non temos posto nin as mesmas gañas nin o mesmo tempo para ofrecerlles a nosa man, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALTA DE MOTIVACIÓN.

REMUÍÑO

Tod@s entendemos o importante que son as zapatas cando se está a construír unha casa. Sen elas a casa, por moi espectacular que fose o seu deseño ou por moi impactante que resultase a súa planta, non serviría de nada. Ás primeiras de cambio viríase abaixo por non estar ben asentada. Este é o exemplo do que quere partir Pedro cando lles fala á xente de Xerusalén para dicirlles que non basta conque as cousas sexan bonitas ou estean ben, é necesario que sexan tamén profundas, serias, e no caso da vivencia da fe, incidan na vida: no xeito de facer e dicir as cousas, na xerarquía de valores e principios desde os que imos tomando decisións sobre situacións e problemas, persoais ou sociais, e diante dos que non vale calquera resposta ao chou, senón que é necesario que ese noso responder sexa conforme co que rezamos e cremos. Porque, como podemos dicir que somos seguidores de Xesús e que queremos vivir a súa mensaxe si diante do que El nos di de respecto fronte das diferenzas, de igualdade, de comunidade, de honestidade e defensa da dignidade das persoas ou búsquea da verdade, nós respondemos cunha vida que está asentada na xustificación e o silencio diante da corrupción, o trato diferente ás persoas, segundo nos interesen e nos beneficien, o individualismo e baleiro cara aos demais, a mentira, o engano e a desconfianza cando temos que tomar decisións ou tratar coas persoas?. En fin, que se queremos que Cristo sexa a zapata sobre a que construamos as columnas da nosa vida, temos que reconsiderar e repensar moitas das actitudes que temos á hora de facer moitas cousas e de tomar decisións que sabemos non son nin honestas nin consecuentes coas actitudes que se lle supoñen a un seguidor de Xesús. E isto non vai só para os segrares, senón que nos aprema e urxe a tod@s cantos formamos parte das comunidades cristiás. Tamén aos curas e bispos. A tod@s sen excepcións de rango ou responsabilidade.
Tendo a Cristo como esquinal/zapata da nosa vida, ten pleno sentido rezar dándolle grazas porque nos escoita, porque Nel atopamos non só acougo cando nos vemos desbordados ou as situacións da vida fan que nos desesperancemos e non acabemos de ver luz que nos axude a superar a dura travesía coa que as veces temos que navegar. A nosa acción de grazas non está en función do noso interese, senón que temos descuberto que o amor de Cristo é fondo e forte, e supera as nosas dúbidas, as nosas debilidades ou os nosos túneles cheos de negrura que moitas veces nos envolven na vida. Así as nosas grazas son por saber que somos importantes para El, que non nos deixa ao pairo, que falar de salvación é percibir pretiño de nós a súa presenza e compaña. E namentres aqueles dos que esperabamos presenza e man, acaban por irse, El segue aí. Por iso, dicimos grazas, unha e moitas veces.
E isto só se pode facer, como nos lembra Xoán, desde o amor. Sen amor a vida é rutina, mecanización, robotización, costume e rito; pero non experiencia de amor. Un amor que se descubre cada día, que se renova desde o gozo dos que están ao lado, desde os proxectos en común, desde as ilusións compartidas, desde a fe vivida, rezada, celebrada e agradecida en comunidade. E para iso tod@s nós, tamén os pastores, temos que esforzarnos por seguir a xeira, a pegada que deixou o Pastor; por iso temos que ser temón que guíe nas tempestades, brúxula que axude a atopar, sen marcar imposicións nin dirixismos, camiños e horizontes que enchan e realicen. Dando vida, poñendo esperanza, alentando cando hai tristura, facéndonos presentes nas casas e estando ao lado das familias en momentos de dor, enfermidade ou tristura. Non para mecanicamente “impartir sacramentos”, senón para ser as mans, o corazón, a palabra de quen foi capaz de dar a vida por tod@s nun xesto de amor pleno é total. E así coma El foi o gran Pastor, tamén nós poidamos ter pequenos pastores que se esforzan en levar o seu estilo e a súa mensaxe a aqueles que presiden e acompañan.

ORACIÓN da COMUNIDADE

Rezamos en comunidade no día do Bo Pastor, e dicimos xunt@s:
QUE OS NOSOS PASTORES SIGAN AS TÚAS PEGADAS, SEÑOR.
* Para que na Igrexa xurdan pastores que teñan como horizonte do seu traballo pastoral non a norma nin a imposición, senón o acompañamento que educa e forma na responsabilidade, OREMOS.
QUE OS NOSOS PASTORES SIGAN AS TÚAS PEGADAS, SEÑOR.
* Para que nas nosas comunidades non esquezamos nunca encomendar na oración aos que nelas traballan por facer presente a Cristo, e colaboremos con eles de xeito ledo e gozoso, OREMOS.
QUE OS NOSOS PASTORES SIGAN AS TÚAS PEGADAS, SEÑOR.
* Por nós, para que non deixemos nunca de axudar coa nosa participación, a nosa responsabilidade e a nosa crítica construtiva, aos nosos pastores, porque só quen é capaz de amar e comprometerse pode corrixir, Oremos
QUE OS NOSOS PASTORES SIGAN AS TÚAS PEGADAS, SEÑOR.
Grazas Señor por darnos a oportunidade de rezar e acompañar aos noso pastores. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

RESURRECCIÓN É TERTE PRETO

A soidade, o medo ou o cansazo chegan cando queren e como queren. Chegan sen preguntar. Unhas veces a modiño, paseniñamente, como a porta que se abre lentamente para que tamén a modiño se vaia metendo o frío do desánimo polo corpo. Outras veces chegan de golpe, como elefantes nunha cacharreira e tómbanme, fúndenme. Ata aí cheguei.
Por iso é tan importante terte preto. Poder falar, compartir, chorar, mirar e sentirte a carón. Porque nos escoitas cunha paciencia incrible. Nunca te escusas para responder; sempre tes tempo, nunca tes presa. Antes lías aquelas tristeiras cartas; agora skype, o móbil ou o “mail” poñen en directo o que ás veces son historias repetidas, os problemas de sempre, inda que eu me esforce porque soen novos. Pero o mellor son os cafés. Un paseo e un café, o máis parecido a un anaquiño de ceo, aquí na terra.
A amizade é o sacramento de Xesús resucitado. A amizade mergúllanos nunha realidade máis profunda, máis densa e máis santa. Non é xa a miña limitada, estreita, é a vida compartida. A amizade énchenos dunha luz que non cega, transparenta. Xa non máis escuridade, senón verdade e confianza. A amizade rompe o gran maleficio, nunca máis solo. Grazas por estar preto.
José Ignacio García Jiménez s.j.

CANTOS

· ENTRADA: Bendito ti, Xesús resucitado
· LECTURAS: O Señor é o meu Pastor
· OFERTORIO: Xurdirá
· COMUÑÓN: Grazas, Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...