Ir al contenido principal

5 Coresma B

PORQUE PARA TI NON EXISTEN CRISTIÁNS “CON DENOMINACIÓN DE ORIXE”... GRAZAS, SEÑOR!!!!!!!!!!!

PÓRTICO

Dinos a primeira lectura do Libro dos Feitos que hoxe proclamaremos, que os membros da comunidade tiñan medo de Paulo, non acababan de crelo nin de fiarse del. Non esqueceran que había ben pouco tempo que aquel que agora se achegaba como membro do grupo, andara a perseguilos. Tamén nos pode pasar a nós que non acabemos de fiarnos de tantas persoas que están dispostas a cambiar; de tantas persoas que queren romper co pasado, deixalo atrás, para reorientar a súa vida, e que buscan en nós unha man amiga que os acolla e acompañe.
Este quinto domingo da pascua invítanos a reflexionar sobre cal é a nosa reposta diante destas situacións, para que nos esforcemos por superar as desconfianzas e non repetir unha e outra vez o que un foi no pasado. Na fidelidade á fe en Xesús, temos que esforzarnos en coñecer e saber qué supón e esixe ser cristián, e non deixarnos levar nin por ritos nin costumes que non nos fan medrar como seguidores de Xesús nin vivir os valores que emanan do Evanxeo.

O PERDÓN

  • Pola nosa falta de confianza nas persoas, que nos fai insensibles e moitas veces mesmo inhumanos diante dos seus problemas, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.
  • Porque moitas veces dicimos que amamos, cando o certo é que só nos amamos a nós mesmos, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR.
  • Porque non estamos dispost@s a recoñecer que as persoas poden cambiar e rara vez lle damos aos demais as segundas oportunidades que reclamamos para nós, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.

REMUÍÑO

  • Todos lle tiñan medo: Aos seguidores de Xesús pasáballe como nos pasa a nós moitas veces: nin eles nin nós acabamos de crernos que a conversión é posible, que as persoas poden cambiar; e que aínda que custe, pódense deixar atrás comportamentos, actitudes e rutinas, para comezar de novo, para intentalo outra vez, para variar o rumbo e dirixir o temón da nosa vida noutra dirección distinta á que viña sendo. Si, podemos. E esta posibilidade, ademais de facernos moito máis humanos e maduros, convértenos en menos dogmáticos e moito máis realistas, sensibles e necesitados dos demais. Claro que para logralo é necesario estar convencido, porque apostar por esta vía supón esforzarse en romper esquemas e costumes... e iso non é nada doado. Por unha banda require esforzo da nosa parte, e pola outra esíxenos aprender a ser humildes e sinxelos. E chegados a este punto, sáenos a tod@s o “xen” da soberbia que non nos acaba de deixar dar o brazo a torcer, recoñecendo que estabamos equivocados, que podemos aprender dos demais, que seguimos necesitando contrastar as nosas opinións coas doutr@s, para apreciar que a verdade, sendo unha, nunca nos chega de xeito monolítico e pechado, senón que vén moi repartida. Neste senso, Paulo entendeuno, e pasou de ser o gran perseguidor dos cristiáns, a ser o primeiro evanxelizador da fe en Xesús. Tal é así que, sen ser un dos apóstolos, é hoxe recoñecido coma tal. Pero custou, tal e como nolo di a primeira lectura. Un custo que supuxo desconfianza por parte dos cristiáns, que non acababan de entender como aquel home que uns días antes corría desaforado en busca de cristiáns para acusalos e entregalos a autoridade xudía, pasaba ser agora alguén a quen había que acoller, axudar e polo que preocuparse. En fin, inda que pasaron moitos anos, nós tamén hoxe seguimos actuando así, e non acabamos de fiarnos de quen foi dando pasos para cambiar, para deixar atrás comportamentos e actitudes negativas. O medo tamén a nós nos impide pensar con racionalidade e confianza. E xa sabemos: se o que nos move é o medo, andamos moi afastados de Deus, xa que para El o fundamental, o eixo, é a acollida, a confianza, verdadeiros contrasinais de calquera actitude xerada desde o medo. Só quen é capaz de romper e superar prexuízos, pode saberse na xeira do resucitado
  • E esta xeira nova está marcada non con palabras e bos desexos, senón con feitos, con concrecións, con respostas reais a situacións e momentos concretos. As palabras rapidamente se esquecen, e ademais, como son moitas, faise difícil memorizalas. Porén, os feitos a medida que os imos vendo, coñecendo e descubrindo poñen de manifesto a credibilidade de quen os realiza. Por iso Xoán na súa carta volve insistir nesta idea de que non debemos perder tempo en explicacións que leva o vento, senón que o noso, o que nos corresponde, é poñernos a tirar do carro xa e dunha vez por todas. Así serán cribles canto dicimos sobre o sentido, lugar e importancia que a vivencia do relixioso, a experiencia de fe ten na nosa vida. Como ocorre coas esponxas que se deixan enchoupar pola auga, tamén a nosa vida ten que deixarse enchoupar polos feitos que van mostrando que Xesús non só resucitou para aquel grupiño de doce incomprendidos e atolados, senón que segue a resucitar cada día e en nós. E iso non é posible con rutinas e tradicións, senón con amor. Só fai falta que esteamos atent@s.
  • Deste xeito o labrador que nos enviou a Xesús coma vida descubrirá que pagou a pena, que a súa morte e resurrección segue a ser novidade e renovación no medio dun mundo no que moitas veces se perde o rumbo e nos deixamos levar do cómodo, fácil triste. Desde a vida de Xesús estamos chamad@s a ser froito de solidariedade, de paz, de loita contra a resignación, de compromiso por mellorar as cousas... os froitos que nos levan a permanecer á carón de quen non dubidou en arriscar coa plantación, porque confiaba en nós e non estaba disposto a deixarse convencer polo que cega con unha claridade que é simple aparencia, pero non alumea nin chama a camiñar na madurez. Tarefa nosa é non deixar que seque a videira, porque deste xeito nunca poderá haber froito. Porén, se nos deixamos acompañar de Xesús, e nos convertemos en verdadeiras testemuñas, o froito será abondoso, o que fará posible compartilo con moit@s. Paga a pena intentalo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

O Señor está a darnos oportunidades novas para construír a nosa vida sobre o perdón e a reconciliación; por iso lle dicimos:
QUE PERMANEZAMOS SEMPRE UNIDOS A TI
  • Pola Igrexa, para que non se preocupe tanto do número de cristiáns, e poña máis esforzo na súa tarefa principal: ser diante do mundo testemuña do Deus amor, acollendo, perdoando, comprendendo, OREMOS
QUE PERMANEZAMOS SEMPRE UNIDOS A TI

  • Polas nosas comunidades, para que o apelido cristiás sexa sempre o noso sinal de identidade, acompañando e alentando aos tristes, aos que están sos, aos maiores, aos enfermos, OREMOS.
QUE PERMANEZAMOS SEMPRE UNIDOS A TI
  • Por nós, para que nos deixemos cuestionar e guiar polo Espírito recibido no bautismo que alenta a nosa vida cotiá, OREMOS.
QUE PERMANEZAMOS SEMPRE UNIDOS A TI
  • Hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial ás nosas nais, a todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna. Por todas elas, para que o seu papel primordial na sociedade sempre sexa recoñecido, valorado e protexido, OREMOS.
QUE PERMANEZAMOS SEMPRE UNIDOS A TI
Son moitas,Señor, as peticións que temos no noso maxín, e só algunhas delas as manifestamos publicamente neste momento de oración. Acólleas todas elas e axúdanos a que as nosas mans crezan cada día en apertura para acoller e agarimar a quen necesita de nós. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, canto nos falta aínda
para que a paz percorra no ben as nosas veas,
para que mimemos a todas as persoas e a todo con urxencia
e non atope en nós ningún oco a violencia!.
Canto nos falta aínda!.

Señor, canto nos falta aínda
para arredarnos en firme dos cartos que nos anegan,
para abrir na xustiza o peto e a carteira,
para dicir, “irmán e irmá” sen medo ás consecuencias!.
Canto nos falta aínda!.

Señor, canto nos falta aínda
para ser bos veciños ou veciñas, cabais, nas nosas aldeas,
e ter por nosas propias as ledicias alleas,
e saber chorar coas penas que outros e outras teñan!.
Canto nos falta aínda!.

Señor, canto nos falta aínda
para vernos e querernos sen trazos de dureza,
para mirar aos máis con ollos de paciencia,
para confiar en Ti, na túa fiel aperta!.
Canto nos falta aínda!.

Señor, canto nos falta aínda
para que a rabia xusta en nós pouse e acenda,
para que deixemos a un lado razóns e comenencias
e que o clamor do pobre atope en nós certezas!.
Canto nos falta aínda!.

Señor, canto nos falta aínda,
canto precisamos de Ti, de estar á túa beira,
de ter ao noso carón xentiña compañeira
e así brincar con paz co gozo da inocencia!.
Canto nos falta aínda!.
M. Regal
CANTOS
  • ENTRADA: Que ledicia miña
  • LECTURAS: Douvos un mandato novo
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...