Ir al contenido principal

2 pascua 2012

PARABÉNS PARA NÓS POR CRER SEN TER VISTO

PÓRTICO
Os que nos consideramos crentes vivimos, a miúdo, coma os discípulos do evanxeo: ao anoitecer, coas portas pechadas, cheos de medo, temerosos das autoridades. Estamos mergullados na vella creación, non miramos nin experimentamos ao Resucitado, a nova humanidade parece ausente das nosas vidas. As nosas comunidades están, as máis das veces, repregadas, ocultas, sen dar testemuño, coma se non tiveran ledicia, perdón e vida que transmitir. A pesares de ser este día o primeiro da semana, o primeiro da nova creación, nós seguimos ancorados, se cadra cada vez máis, ao vello, ao de antes.
Precisamos que o Señor se faga presente. Cómpre que os recoñezamos nos seus sinais: a paz, o agasallo do Espírito, a experiencia do perdón, a comunidade reunida. Non deixemos que o arco da vella que Deus pon na nosa vida pase de longo sen decatarnos da súa existencia.

O PERDÓN

*        Porque andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrilas, e non para curalas, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
*        Porque non somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, para facer vida en común, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
*        Porque non damos testemuño de unión, de solidariedade, de axuda, de perdón e de amor entre nós, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

 REMUÍÑO

·        No comezo da pascua fomos invitad@s a rachar cadeas e cocer pan, ou dito doutro xeito, a superar actitudes derrotistas e desalentadoras para volver ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da resurrección na nosa vida. Xesús é quen trae a paz. No medio dun mundo crispado, dun mundo desesperanzado no que os vellos conflitos de ideas son substituídos por conflitos novos: entre ricos e pobres, dos pobres entre si, entre os distintos grupos culturais ou entre diferentes crenzas, El vén para agasallarnos co arco da vella da paz cos nosos veciños, cos nosos compañeiros de andainas, coa xente coa que compartimos a vida, tantas veces ao noso pesar... con nós mesm@s. Pascua é un bo momento para reflexionar se de verdade as nosas actitudes cotiás serven para relaxar conflitos ou para provocalos. Crispamos ou temperamos coas nosas palabras, cos nosos feitos, cos nosos xestos?.
·        Sabemos de certo que o mundo de hoxe, ese que tantas veces criticamos e queremos mellorar e superar, camiña cada vez máis dándolle as costas á Igrexa. A xente nova cada vez é menos crente, cada vez desconfía máis da Igrexa.... Por que?. Non abonda culpar aos outros. Hai que erguer, no medio do mundo, sinais cribles da presenza de Deus, do amor de Xesús por toda a xente, comezando polos últimos da terra. O Libro dos Feitos dos Apóstolos dinos que os primeiros cristiáns pensaban e sentían o mesmo.... e nós?. De verdade vivimos o Evanxeo coma unha chamada a compartir o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos?.
·        Só así será posible entender as palabras do evanxeo de hoxe, na que se nos di que non importa tanto o ver coma o crer, o confiar, o compartir, o buscar consello, o escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. O importante non é ir ao sepulcro e comprobar que alí non hai nada. O importante é ter a experiencia de que Xesús está vivo porque o sintamos nós mesm@s vivo en nós, nos demais, nas persoas e nas cousas nas que andamos cada día. Nós non podemos ir ao sepulcro, pero podemos sentir a Xesús Resucitado vivo dentro de nós, non coma unha imaxinación, senón coma unha certeza que o Espírito pon no noso corazón. Como nos falta fe, entusiasmo, convición!!!!!!!!!!!!!!!!. Tamén nós acabaremos nas mans de Deus. Atoparemos nel a vida chea pola que tod@s andamos loitando. Os nosos soños de dignidade total para toda a xente do mundo só se verán cumpridos cando entremos na casa grande do Pai. Mentres... toca loitar coma Xesús, que hoxe tamén nos di a cada un e a cada unha de nós: Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia @s que cremos sen veren!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua: o teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Agradecid@s e confiad@s, dicímosche:
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas porque na Igrexa, en pequenas comunidades de fe e de amor, imos atopando sentido para a nosa vida, forza para o noso camiño e alento para a nosa esperanza, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas porque as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás, as nosas familias, van poñendo unha mesa de vida que se comparte apaixonadamente para que todo o mundo teña razóns para seguir esperando, OREMOS.

FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas porque no noso interior, a pesar do cansazo e o desánimo que nos cercan por veces, atopamos a túa voz que nos anima, a túa auga que refresca a nosa existencia, a túa luz que se converte en nós en pulo de vida e de esperanza, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas, Señor, porque sabemos que camiñas connosco, porque sabemos que día a día pasas pola nosa vida para sacarnos da servidume do pecado e para que andemos nunha vida nova. Fai que te sintamos sempre preto, moi preto. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Non queremos vivir só do que nos digan outras persoas,
por moito que sexa bo acoller e agradecer
o que os nosos maiores na fe e na vida nos transmitiron.
Que tamén moitas e moitos nos falan do amor,
e agradecémosllelo, e cremos no amor,
pero precisamos coñecelo amando,
sentindo o corazón latexar en presenza da xente amada.
Así queremos nós sentirte, Xesús,
queremos ter a certeza fonda e firme
de que estás vivo ao noso carón.
Sentirte vivo ao noso lado,
cando estamos tamén vivos, ilusionados,
coa ollada fresca das mañás de primavera.
Sentirte vivo, a carón noso aínda máis,
cando o desánimo nos envolve,
e a invernía asolaga as esperanzas todas.
Como María Magdalena, coma Pedro,
coma os teus primeiros seguidores e seguidoras todas,
verte cheo de vigor, resucitado,
pousando en nós a túa ollada nova.
E apegarnos á vida, sempre, coma Ti,
desde as cousas miúdas que a abren ao concreto:
o pan, a casa, o bico, o posto de traballo;
desde os soños proletarios que a embarcan no infinito:
a dita de ser un, ou unha, co último inmigrante
que chega ás nosas portas na busca de amizade.
E volta a comezar –a Galilea de novo-,
confirmados e confirmadas no amor que nunca falla,
e no sentido da loita que abre vías.
Seguros de que máis alá da morte,
tamén nós en Deus atoparemos
o bico que sanda e nos aleda
e a aperta que irmanda e libera.
(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea pax. 160)

cantos

ENTRADA: Bendito, Xesús resucitado
GLORIA: Gloria ao Pai...
LECTURAS: Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova
OFERTORIO: Acharte presente
COMUÑÓN: O amor é o meirande.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...