Ir al contenido principal

4 Presentación




VER, ACOLLER, ACOMPAÑAR... UN CAMIÑO NO QUE DESCUBRIMOS O GOZO DE SENTIRNOS IRMÁNS E IRMÁS 
ESCOITA ACTIVA
Hoxe é a festa da Presentación de Xesús no templo. Xa pasaron corenta días do seu nacemento e os seus pais, cumprindo unha das tradicións xudías lévano ao templo para presentárllo a Deus. Do mesmo xeito, tamén nós fomos presentados no templo o día do noso bautismo; fomos acollidos na fe da Igrexa e na comuñón sen exclusións de tod@s nós. Nesta acollida na comunidade comezamos o camiño dos seguidores de Xesús, para que aprendamos a ver, acoller e acompañar a cantos ao noso lado van sentindo como a luz da súa vida se vai apagando, e necesitan da presenza das luces dos irmáns para non perderse na escuridade de tantas vidas marcadas pola incomprensión, o sufrimento e a dor.

Neste día de luz e candeas, que cantos presentamos as velas para ser bendicidas, tomemos conciencia de que elas son un simple sinal dunha tarefa que os cristiáns estamos chamados a realizar cada día: ser pequenos fachos que axuden aos irmáns a non trabucar de camiño.
CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Para que sempre teñamos presente que o engano, a mentira e a violencia non nos deixan camiñar na luz, SEÑOR, ILUMÍNANOS NO CAMIÑO. 
  • Para que aprendamos a superar a tentación da comodidade e do mínimo esforzo, CRISTO, ILUMÍNANOS NO CAMIÑO.
  • Para que non dubidemos nunca de que o camiño do amor lévanos a termar e acompañar ao irm@n, e non a enfrontarnos contra el, SEÑOR, ILUMÍNANOS NO CAMIÑO.
 PALABRA ENRAIZADA
·    As tradicións, os rituais ou mesmo as costumes culturais non son máis que medios que nos axudan a avanzar cara ao fin. E isto que debería ser unha afirmación clara e rotunda na nosa vida parece, moitas veces, que non o é. Por que entón, poderíamos preguntarnos?. A resposta non é necesario que veña de fóra nin que lla encarguemos a un especialista en antropoloxía cultural e relixiosa. A resposta está en nós mesmos: acabamos por confundir a relación entre o fin e o medio, entre o que queremos acadar e as axudas das que nos valemos para conseguilo. Algo así nos pasa coa festa de hoxe: traemos candeas á igrexa para bendicir, mesmo se chegamos tarde pedimos que nolas bendigan...pero non sabemos nin por que nin para que. Vímolo facendo dende hai moitos anos e queremos manter ese costume. Aquí, nesta resposta está a dificultade coa que tantas veces nos atopamos os crentes: facemos cousas, pero non nos paramos a pensar nelas e na razón de facelas, polo que acabamos reducindo todo a ritos baleiros e costumes das que non sabemos nin sentido nin razón, o que pasado o tempo nos fai fundamentalistas na súa defensa, pero sen saber dar razón que nos leva a facelas dese xeito... e a quen non coñece acaba por parecerlle este xeito de comportarse o dun fanátic@ que se move na irracionalidade dos sentimentos, e non na razón dunha fe pensada e vivida.
·     Se somos capaces de entender que os ritos e sinais da liturxia non son máis ca medios, entón, tamén seremos capaces de descubrir a fondura e a capacidade de trascender –ir máis alá do que vemos– que eles teñen. E no que se refire ás candeas que hoxe acendemos e bendicimos ao comezo da celebración, o que nos queren indicar é que o nacemento de Xesús ábrenos a tod@s, sen exclusións, un camiño novo e diferente, cheo de sentido desde o que vivir e actuar na vida. Permítenos avanzar no descubrimento da fe como unha esixencia que marca a maneira que temos de facer as cousas: un camiño de luz. Acoller a luz –mensaxe– que nos trae Xesús sitúanos na esixencia de converter en práctica os valores nos que el foi capaz de vivir. Por iso insistimos tanto e tantas veces na necesidade de ser xustos, pacíficos, misericordiosos, íntegros –que non nos deixemos levar da corrupción, o engano ou a mentira– nas cousas que fagamos. Se somos capaces de entender isto –non de oílo, senón de escoitalo– entón estaremos poñendo os cimentos sobre os que construír a noso ser cristiáns. Porén, se facemos ritos, pero os baleiramos de contido, acabamos sendo uns monicreques nos que a racionalidade desaparece para que apareza a superstición, a maxia ou a inxenuidade inmatura que nos fai crédulos... que non crentes.
·   Desde os textos que acabamos de escoitar todo isto váisenos presentando como unha invitación, que non imposición, que Xesús nos fai para que a nosa vida se asente sobre rocha firme e non sobre area movediza. Nós buscamos a Deus, pero El sempre está disposto para saír ao noso encontro, para acompañarnos, para ser forza que non nos deixe caer no fácil do interese, o abuso ou a desconsideración cara aos demais. É o Señor da fraternidade, o Pai/Nai Deus ao que nos une o vínculo de compartir a tarefa de facer do mundo casa común, e non internado no que estamos sometidos a presión e sen liberdade. Por iso os nosos ollos non se pechan, senón que se van abrindo para ir descubrindo ao Salvador entre nós. Como fixeron Simeón e Ana. Anceiaban atoparse con Xesús, e aquel encontro deulle un sentido, un horizonte novo e diferente ás súas vidas. Tamén hoxe a nós se nos invita a abrir os ollos para descubrir a presenza do Señor e acollelo na nosa casa, no corazón, na vida. A promesa do Señor quere que nos vaiamos atopando con El descubríndoo presente nos irmáns. Non para pedirlle contas ou pasarlle factura do que non nos fixeron cando os necesitabamos, senón para saír ao seu encontro e dicirlles: compartamos a luz da candea para facer xunt@s o camiño que nos leva a ser comunidade de comuñón e non gaiola de leóns.

FRATERNIDADE ORANTE
Na luz das candeas que nos mostra a presenza viva de Xesús entre nós, compartimos agora  a oración comunitaria dicindo:
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E XUSTIZA.
*        Para que traballemos por desenvolver no medio da nosa sociedade a presenza da Igrexa como luz e pan na vida de tant@s irm@ns que viven na escuridade e na fame de alimento e paz, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E XUSTIZA.
*        Para que aprendamos a construír comunidades cristiás que non camiñen no baleiro dos sinais que non entenden nin na rutina do que se fixo sempre, esquecendo que Xesús invítanos a non apagar a candea na que nos ofrece convicción e creatividade, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E XUSTIZA.
*        Para que nos esforcemos por saír das escuridades que converten a nosa vida en tristura e queixa, esquecendo que Ti, Señor, sempre nos falas de futuro e de esperanza, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS PARA SER LUZ EN PROXECTOS DE ESPERANZA E XUSTIZA.
Señor, na festa do lume e da luz, queremos agradecer xunt@s que sigas crendo, confiando e termando de nós, chamándonos a ser portadores da túa luz alí por onde pasemos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Son, somos construción de Deus.
Non me pertenzo.
Son cidade no alto.
É absurdo pretender agacharse.
O caso é facer isto sen gloria va,
crido de ser feitura de Deus.
O caso é facer isto con humildade,
porque se cadra exhibo comportamentos
que nada teñen que ver con Deus.
Pero estamos feitos todos e todas
para a colaboración mutua,
para a iluminación mutua,
para o reforzamento mutuo.
Somos feitos para a comunidade,
para dar e recibir:
luz, calor, ánimos, ideas …
A luz así posta sobre do candeeiro,
para que a luz chegue a todos,
sendo non sendo,
facéndose desfacéndose,
desfacéndose un, ao tempo que aluma a outros e outras.
(Manolo Regal, A graza daquel verán, 100)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Amig@s nas penas e na festa amigos 
LECTURAS: Traede para quen escoite camiños de luz 
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá 
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...