Ir al contenido principal

3 Domingo TO A

SÓ QUEN ESCOITA É CAPAZ DE SUPERAR A DIVISIÓN
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
Unha das cousas que máis chama a atención do xeito de actuar de Xesús é que para El nunca se chega ao final do camiño. Sempre hai unha posibilidade, unha nova perspectiva, unha nova oportunidade, un novo xeito de facer as cousas. No evanxeo de hoxe prezaremos isto no movemento de Xesús: vai dun lado a outro, busca novos lugares nos que ofrecer e compartir a súa palabra e a súa vida cos que aínda non o coñecen. En vez de quedar no fácil de deixarse ir, de pensar que xa está todo feito, Xesús aplícalle á súa vida o dinamismo da mensaxe da que fala, e iso supón ir abrindo novas canles e perspectivas de atroparse con máis xente e de poder compartir con ela toda a fondura e grandeza da mensaxe.

Tamén nós, desde esta palabra que cada domingo imos escoitando, somos chamados a non deixarnos ir polos vieiros da fe murcha e tristeira, senón que, seguindo as pegadas do mestre, invítasenos a buscar novas realidades desde as que ir proclamando a mensaxe, vivindo a ledicia de poder presentar un camiño novo a quen aínda non coñece a Xesús, desbaratando a idea de que os cristiáns somos teimudos e reincidentes no mesmo de sempre, que non arriscamos, que non saímos, porque non estamos convencidos, a anunciar coas nosas actitudes o que dá sentido e forza á vida: a ledicia do evanxeo.

Poñamos todo o corazón e a atención a canto agora comezamos a celebrar, superando rutinas e non deixándonos caer nunha fe aburrida e avellada.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Polos nosos e medos e inseguridades, SEÑOR, AXÚDANOS A HABITAR NA TÚA CASA.

*        Pola resistencia a achegarnos a quen nos necesita e espera a nosa axuda, CRISTO , AXÚDANOS A HABITAR NA TÚA CASA.

*        Pola preguiza que fai que non lle poñamos nin creatividade nin frescura á nosa maneira de vivir a fe, SEÑOR, AXÚDANOS A HABITAR NA TÚA CASA .

PALABRA ENRAIZADA
Xudea e Galilea son incompatibles. Xudea persegue a Xesús, calúmniao, intenta silencialo e, como non pode, mátao. En Xudea están os sabios, os cumpridores da lei, os poderosos, os que non poden soportar a quen proclama que tod@s somos fill@s de Deus, que non é a lei senón o Espírito o que xustifica; que non é o que se come ou se toca o que nos converte en impuros, senón o que pensamos, desexamos e sentimos; que non se fixo o home para o sábado, senón o sábado para o home; que o templo espléndido e brillante quedará baleiro e sen sentido; que Deus é un Deus cercano e próximo que espera a quen se foi do seu lado. Xudea é a institución, e séntese en perigo coa doutrina revolucionaria do Fillo de Deus. Xudea é a seguridade, a norma... e para gardala sen fisuras, non dubidará en eliminar a Xesús.

Galilea é a antítese. É o risco, a aventura, o reino que ten o amor como única norma a seguir. En Galilea comeza a aventura da salvación e desde alí Xesús chama aos seus primeiros discípulos á beira do lago. Alí atopa persoas sinxelas que, sen saber moi ben a que se comprometían, deixárono todo e marcharon con el.

Hoxe tamén existen pequenas ou grandes xudeas e galileas. Hoxe tamén está a Xudea na que reina o dogmatismo, a intransixencia, o cumprimento estrito da lei; hoxe tamén están as persoas que o saben todo, seguras de todo, que pesan e miden os seus actos, contabilizando o debe e o haber; persoas que cren ter asegurado o fin feliz das súas vidas.... porque fixeron o mandado.

E está tamén Galilea. Alí non hai tanta ortodoxia nin tanto dogmatismo.... pero a persoa comprenderá e axudará a quen queda rezagado no camiño, mesmo a quen dubida e non está seguro. A persoa de Galilea comprenderá á muller adúltera e ao fillo pródigo; faise preguntas coma a muller samaritana na beira do pozo; intenta ser samaritana do amor, axudando a quen está caído, comprendendo a quen se sente só, levando a esperanza, o sorriso e a tenrura que veñen de Deus a tanta xente que vive na escuridade e na dor.

Por iso nós, que temos descuberto a luz que Deus nos trae, cómpre que deixemos a Xudea artificial e subamos cara á Galilea que nos invita a descubrir a Deus lendo os sinais dos tempos. Deus invitándonos a non quedar parados contemplando, senón a ir meténdonos no mar, que é a vida, e mollándonos cada día na entrega e xenerosidade cara aos que vemos sen forza e necesitados da nosa man, o noso tempo e o noso corazón.

O que non se pode facer desde a división, o enfrontamento, o individualismo ou calquera actitude que camiñe pola vía da desunión. Ser comunidade supón aprender a camiñar cos outros, a escoitar tódalas voces, non só as que soan como a nós nos guste. E para iso non han ser as modas de quen aparece máis nos medios de comunicación –inda que sexa para contar as súas miserias- ou de quen ten medios económicos para que se fale del; senón de quen sabe que o que une, aleda e fai que descubramos a razón e sentido da vida. E este, para nós, non pode ser outro máis ca Xesús. Nin agora somos moi de Francisco nin antes non eramos de Bieito ou Xoán Paulo. Somos de Cristo, e El non fai capelas de amigos, senón que serve a tod@s e chámanos a facer da nosa vida o evanxeo a través do que sexamos capaces de dar testemuño de que reino xa está aquí, e temos que ir enredándonos nel.


FRATERNIDADE ORANTE

Rezamos agora no nome do Señor, poñendo baixo a súa guía a vida que compartimos cos que forman parte do mundo que entre tod@s temos que ir desenvolvendo, para facer del presenza do reino de Deus. E dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE TRABALLEMOS PARA PESCAR CONTIGO A BOA NOVA DO TEU REINADO
*        Para que desde a Igrexa aprendamos a baixar da barca e saír ao encontro de quen se ve a piques de afogar na incomprensión, o engano, a falta de traballo, casa e alimento, OREMOS.
SEÑOR, QUE TRABALLEMOS PARA PESCAR CONTIGO A BOA NOVA DO TEU REINADO
*        Para que nas nosas comunidades non teñamos medo, e aprendamos a mirar con ollos que achegan ao irmán que está necesitado e sente a vergoña de dicir que necesita da nosa axuda, OREMOS.
SEÑOR, QUE TRABALLEMOS PARA PESCAR CONTIGO A BOA NOVA DO TEU REINADO
*        Para que nós nos esforcemos por seguir as pegadas de Xesús, sabendo tamén colaborar arranxando as redes dos que se ven atrapados nelas pola enfermidade, a dor, a falta de esperanza ou a tristura, OREMOS.
SEÑOR, QUE TRABALLEMOS PARA PESCAR CONTIGO A BOA NOVA DO TEU REINADO
Señor, acabamos de compartir contigo a nosa oración. Son moitas as cousas que nos doen e preocupan, sabemos que ti non nos deixas da túa man, axúdanos para que tampouco nós deixemos da nosa man a quen nos busca para que os axudemos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
O mar, Boa Nova desde a que Xesús
camiñou invitando a perder medos e inseguridades.
Horizonte sempre aberto de proxectos e esperanzas.

Brisa calma e onda enfurecida de ardentías e bravíos.
O mar leva consigo luz de faro e noites pechas;
imaxe do noso mundo enredado e atrapado,
que acabará deixando sobre a area da praia
historias de amor e de tristura.

O mar, cando embravece nada lle escapa.
Cando acouga, acolle e aloumiña.

Contemplado cos ollos sempre abertos,
a vida é paso efémero que esvaece.
E alí, cando miramos o horizonte,
estás ti para dicirnos: Ven e sígueme.


CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Ti es camiño e verdade
  • LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas
  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño
  • COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...