Ir al contenido principal

Bautismo 2014



DIANTE DAS MANS QUE EMPURRAN, FEREN E AFASTAN, TI, SEÑOR, SEGUES TENDÉNDOAS PARA ACOLLERNOS NO TEU AGARIMO
ESCOITA ACTIVA
            Rematamos hoxe o tempo de Nadal. As celebracións de todos estes días víñannos presentando unha imaxe de Deus cercana, sinxela, chea de amor e preocupación por nós. O Deus que nos bendí coa súa Palabra, coa súa presenza... o Deus encarnado. Esta bendición de Deus hoxe fainos lembrar o noso bautismo; polo que fomos acollidos na grande asemblea da Igrexa. Desde aí, tod@s comezamos a ser Igrexa, e polo tanto empeñados, coma Xesús, na tarefa de facer dela rostro humano e visible de Deus.

          Que na celebración de hoxe renovemos este noso compromiso de ser no mundo espello da presenza Deus.
CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • No teu nome,Señor, recoñecemos a nosa insistencia en vivir nunha fe de queixa e tristura, que esquece a frescura da túa mensaxe, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN. 
  • No teu nome, Cristo, recoñecemos que nos sobran palabras e nos faltan feitos sinxelos e de acollida, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN. 
  • No teu nome, Señor, recoñecemos que nos falta a frescura da convicción e nos sobra a rutina dos costumes, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN.


PALABRA ENRAIZADA

  • Ao longo do tempo de Nadal, fomos camiñando a través da historia  da encarnación de Xesús: nace, faise un de nós, asume a nosa condición humana para non diferenciarse. Non nos custa dicir: é un dos nosos. Pero non é un calquera, diferénciase porque trae unha encomenda: a misión de facernos sentir a presenza de Deus. A encarnación de Xesús veunos dicir que non estamos solos, abandonados a nosa propia sorte. Non. Temos con nós o mellor compañeiro de viaxe. Un compañeiro que non busca interese nin recoñecemento, senón que está por amor. Si, por un amor desinteresado e sempre disposto a ofrecernos sentido diante das dificultades e interrogantes que nos van xurdindo. E desde este sentirnos acompañados imos experimentando e degustando o gozo da salvación. Non é algo máxico e irreal, senón o compromiso concreto que nos axuda a descubrir a razón da nosa esperanza, do noso traballo, das nosas opcións e actitudes. Non son logo de estrañar as palabras de Isaías lembrándonos que ese camiño de salvación ten que ir desenvolvéndose por camiños de xustiza, achegamento, alegría e entrega cara aos demais. Porque Deus non se revela no abstracto dos tratados teolóxicos, senón na amizade compartida e na capacidade, á que tod@s somos chamados, de poñernos no lugar do outro. Só desde o noso esforzo de empatía entenderemos por que a man de Deus é protección e presenza para cada un de nós, o que supón respecto para cos demais e dispoñibilidade xenerosa do noso tempo, xa que a xustiza de Deus non está nos tribunais, senón no corazón.
  • Nese querer estar nos corazóns –de nós vai depender– imos descubrindo por que na perspectiva que un cristián ten da realidade (persoas, feitos, cousas) emerxe sempre con forza a necesidade de tratar aos demais desde a identidade que compartimos. Ese é o pouso común que nos identifica e iguala: somos irmáns; e quen se sabe e se sente irmán dos demais, non fai- ou alomenos non debera-distinción – entre os que me gustan, caen ben, pensan coma min... e os outros. A irmandade á que nos chama –e que El predicou– Xesús é a irmandade que nos iguala en identidade, dignidade e trato. Os máis vellos, seguro que aínda lembramos aquela canción do grupo “Viva la gente“, alá polos anos setenta que nos dicía: “todos son iguais aos ollos de Deus”. Iso mesmo foi o que sentiron e viviron os primeiros cristiáns, tal e como nos di na lectura de hoxe o libro dos Feitos dos Apóstolos. Que tamén nós aprendamos a respectarnos polo que somos: fill@s de Deus, por riba de cores, linguas, sexos ou condicións sociais.
  • Neste saber acoller, tratar e respectarnos uns aos outros vaise manifestando o cumprimento do que Deus quere de nós, da súa vontade. No actuar cos demais imos mostrando e recoñecendo ao Fillo de Deus que nos chama a ser ditosos e nos invita a camiñar polo camiño do que une, e non do que enfronta e alporiza. A isto nos chama o noso bautismo; e desde esta invitación cada un de nós é chamado hoxe a revisar as actitudes coas que nos movemos cada día e desde as que tratamos aos demais. Non poñamos trabas á vontade de Deus!. Fagamos que se cumpra desde o gozo de vivir a súa mensaxe construíndo Reino non de poder, senón de servizo.

RENOVACIÓN CONVENCIDA


  • Credes en Deus, Señor da creación e pai/nai que agarima e acolle?
- Si, creo. 

  • Credes en Xesús, Señor da entrega desinteresada, Fillo do amor solidario e anfitrión de paz e xustiza?
- Si, creo.

  • Credes no Espírito Santo, que se nos mostra para que sexamos no noso actuar rocha firme de esperanza e auga fresca de sinceridade, honestidade e coherencia?
- Si, creo.

  • Credes na Igrexa de Xesús, chamada sempre a vencer e tentación do poder e o autoritarismo , para ser amiga da paz, o servizo e o diálogo?
- Si, creo.

  • Credes que o fin do noso camiño non é a morte, senón o triunfo ledo da resurrección logo dunha vida chea de boas obras e de defensa da dignidade de todas as persoas?.

- Si, creo.
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, agradecid@s, compartimos o gozo de sabernos querid@s e invitad@s por Ti para manifestar o agradecemento de termar sempre de nós, a pesares das nosas teimosías. Por iso che dicimos:

QUE RESPECTEMOS SEMPRE A DIGNIDADE QUE PUXECHES EN NÓS

*    Para que a Igrexa, sacramento de unión e fraternidade no noso mundo, se esforce por ser sabia en amor e servizo, loitando pola xustiza e non caendo no paternalismo, OREMOS.

QUE RESPECTEMOS SEMPRE A DIGNIDADE QUE PUXECHES EN NÓS

*    Para que as nosas parroquias sexan sempre berce no que os que sofren, os esquecidos, os que son vítimas do abuso dos que teñen máis poder e os que están sós, atopen en nós mans e corazón para axudalos e querelos, OREMOS.

QUE RESPECTEMOS SEMPRE A DIGNIDADE QUE PUXECHES EN NÓS

*    Para que os que sentimos a ledicia de ter a Xesús como luz no camiño da vida, deixándonos agarimar pola presenza do Espírito, saibamos transmitir coas nosas actitudes e comportamentos que o bautismo é acollida e solidariedade, non costume nin rito, OREMOS.

Señor, que saibamos sempre vivir a ledicia e a esperanza na que nos introduce o bautismo, deixando atrás calquera tentación de camiñar por vieiros de tristeza e desacougo. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Non rematamos nunca de construír, de facer, de inventar. Palabras, citas, amizades, proxectos, esforzos, preguntas… todo iso forma parte do quefacer cotián. Polo camiño toca levantar paredes, abrir portas, tirar algún que outro muro que nos separa a uns dos outros. E así está máis que ben. Algún día pararemos, se faltan as forzas ou os motivos. Pero non agora. Agora aínda é tempo de pintar, construír, sachar, sementar, recolleitar, escribir e imaxinar. Ninguén debería chegar, demasiado pronto, a un punto no que sinta que xa o fixo todo. Hai tanto por facer, tanto por vivir, tanto por ir descubrindo e recoñecendo…
CANTO GOZOSO
*                    ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
*                    LECTURAS: A auga do Señor
*                    OFERTORIO: Eu soñei
*                    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...