CONTRA DA CORRUPCIÓN....
INSUBMISIÓN
Descarga o ficheiroINSUBMISIÓN
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
- LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)
- OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
- COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
OLLOS PARA VER
Son moitas, quizais demasiadas, as ocasións nas que, para favorecer os nosos propios intereses, para quedar ben, ou mesmo por envexa e ciumes, facemos comentarios sobre as persoas que sabemos que non son verdade. Non nos importa inventar, esaxerar ou mesmo mentir sobre como é, que di ou que fai alguén... con tal de desacreditalo como persoa. Noutras moitas ocasións, a nosa boca ábrese para criticar persoas, feitos ou situacións que non nos gustan, sen que esta crítica vaia acompañada dunha proposta alternativa, senón que é unha crítica gratuíta, porque si... Detrás de ambas actitudes agóchanse, na meirande parte dos casos, mesquindade, envexa, hipocrisía, infantilismo e pequenez de corazón.
Porén, o salmo de hoxe dinos: “A miña boca anunciará a túa salvación”. É unha chamada a non deixarnos atrapar na mesquiña gaiola da calumnia, do desprezo e da envexa e a valorar as moitas cousas que en tantos sitios e por parte de tantas persoas se están a facer e que poñen de manifesto que a pesares do derrotismo, da desesperanza, da crise.... hai un lugar para a esperanza, para o futuro, para a ilusión.
Que a celebración que agora comezamos se converta nunha escola na que aprendamos que sinceridade, verdade e dignidade non han confundirse con celos, envexa ou interese.
CORAZÓN PARA PEDIR PERDÓN
- Por non estar dispost@s a deixar atrás a nosa soberbia, que nos impide entender que somos febles e limitados e que precisamos dos demais, SEÑOR, QUE A ENVEXA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
- Porque nos custa demasiado descubrir a túa man e a túa presenza no pequeno, no cotián no sinxelo, CRISTO, QUE A ENVEXA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
- Porque en moitas ocasións deixamos que o noso corazón se reseque co desprezo, a intolerancia e a crítica destrutiva e gratuíta, SEÑOR, QUE A ENVEXA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
PALABRA PARA ENCARNAR
- Unha ollada superficial ao noso mundo levaríanos a concluír que nel non descubrimos profetas. Porén, unha ollada profunda, unha ollada a través da lente da fe, que corrixe a nosa miopía para axudarnos a ver cos ollos de misericordia e tenrura de Deus, levaranos a descubrir moitas persoas, máis das que pensamos, que profetizan de xeitos distintos no noso mundo: traballando arreo polos dereitos das persoas, destapando inxustizas de calquera xeito, loitando por reivindicacións xustas, denunciando violacións de dereitos laborais, sanitarios, educativos....axudando, mostrando actitudes de austeridade e desprendemento nun mundo cada vez máis dilapidador e egoísta; sendo man, voz e corazón das persoas necesitadas do noso tempo; comprometendo a súa vida para que a dignidade das persoas sexa respectada en todo lugar.... Si, son moitos os profetas e as profetisas no mundo de hoxe que, desde actitudes como sinxeleza, capacidade de escoita, empatía e humildade son verdadeiros promotores de salvación e liberación... sabéndose débiles, coma Xeremías, pero tamén, coma el, sentíndose escollid@s e querid@s polo Deus amor desde o seo materno.
- Ese convencemento do que facemos é o que nos leva a que non aniñen no noso corazón os ciumes polo que fan os demais. Ao contrario, supón valorar, aprender e descubrir que o que os outros fan tamén é positivo e enriquecedor; ao tempo que impide que nos creamos os mellores, obrigando aos demais a que pensen coma nós ou afastando a quen non o fai. Non, temos que loitar contra esa atraínte tentación de deixar que os ciumes xermolen no noso corazón. Así evitaremos caer na tentación de crernos superiores, de sentírmonos con poder para impoñer aos demais, mesmo para obrigalos a que fagan o que nós queremos, e non o que o Espírito vai derramando en cada persoa. Superemos a hipocrisía de pensar que nos escandalizamos co que outros fan, cando o que moitas veces hai detrás non é máis que un enfermizo intento de controlar, dominar e impor aos demais o que nós cremos, pensamos e facemos. Daquela, descubriremos que diante do egoísmo debe emerxer a solidariedade; que diante da explotación está o respecto á dignidade; que diante de escravitude, rexurde a liberdade, de quen se sabe fill@ de Deus, e irmán de quen está ao seu lado.
- A vivencia do evanxeo na nosa vida cotiá fará que descubramos que Deus que se vale dos pequenos e sinxelos. Por iso se nós, na nosa vida, non lle damos oportunidades, non escoitamos a súa voz, non lle damos creto a estas persoas pequenas, senón que preferirnos posicionarnos do lado dos ricos, baleiros de corazón pero ben cheíños de carteira, estaremos botando en saco roto canto Xesús dixo e fixo. A fe só será crible desde a sinxeleza do dicir, do actuar e do mostrarnos como somos, sen aparentar, quitando as nosas caretas... e sen avergoñarnos de onde vimos. Familia, xénero, aspecto físico, aldea, traballo... non poden ser nunca para os que nos dicimos cristiáns, motivo de avergoñamento. Xesús non sinte desprezo por quen é e de onde vén, por iso leva a cabo a súa misión sen importarlle o que dirán os seus paisanos de Nazaré. Porén, nós, moitas veces, estamos máis preocupados polo que dirán que por facer as cousas poñendo nelas o corazón. Só necesitamos abrir os ollos, ensanchar o corazón e superar a tentación de crer que por ter un determinado xénero, levar un determinado apelido, vestir dun xeito concreto ou ser nomeado non sei que cousas xa nos somos iguais aos demais. Canto camiño non queda aínda por percorrer!. E é que, como ben di o refrán: se a envexa foxe tiña, cantos tiñosos habería!!!!!!!!!!!!!!!.
FRATERNIDADE PARA ORAR
Con sinxeleza de corazón e co compromiso de traballar por ir cambiando o que nos afasta de Ti e dos irmáns e das irmás, dicimos xunt@s:
QUE NUNCA DESPRECEMOS A NINGUÉN
- Pola Igrexa, para teña sempre unha actitude actitude aberta, inclusiva e misericordiosa para que quen peta na súa porta; OREMOS.
QUE NUNCA DESPRECEMOS A NINGUÉN
- Para que nas nosas comunidades deixemos de lado, dunha vez por todas, os ciumes e afán de protagonismo, OREMOS.
QUE NUNCA DESPRECEMOS A NINGUÉN
- Por cada un e cada unha de nós, para que nunca sintamos vergoña das nosas raíces; OREMOS.
QUE NUNCA DESPRECEMOS A NINGUÉN
Señor, axúdanos a esforzarnos cada día por facerlle a vida máis feliz a todas as persoas que comparten con nós a inquedanza por un mundo mellor, no que ninguén sexa excluído. PXNS. Amén.
DISCERNIMENTO PARA MADURAR
Xesús, prometemos escoitarte e seguirte
cando nos fales, de día ou de noite,
a través das palabras e da vida da xente
que atopamos cando saímos ás rúas.
Xesús, prometemos non apegarnos ao noso,
ao noso xeito de ver e entender,
aos nosos medos, seguridades e verdades,
para podermos descubrir mellor a túa novidade.
Xesús, prometemos andar con humildade,
cos ollos do corpo e do corazón ben abertos
para descubrir o teu paso, as túas pegadas, a túa figura
no acontecer vivo e cotián da historia.
Xesús, prometemos enterrar o noso orgullo,
estarmos atentos aos profetas de dentro e de fóra,
deixarnos axudar, curar e amar,
para gozar e sementar a túa boa nova.
Xesús, prometemos non aferrarnos á nosa terra,
non defender privilexios que outros non poidan acadar,
ver os teus sinais onde ti queiras
e non gastar enerxías en enfrontamentos estériles.
Xesús, prometemos non sermos amigos de normas e dogmas,
non empurrar a ninguén por camiños secos,
pararnos xunto a quen está en esquinas e beirarrúas
e chamar sempre ás portas da túa misericordia.
Xesús, prometemos calar e escoitar,
ver e contemplar, seguir e obedecer,
aínda que nos pareza pequena sen brillo
a túa presenza pobre no medio dos pobres.
(F. Ulibarri)
Comentarios