Ir al contenido principal

Trindade 2019 C

CAMIÑANDO NA SINODALIDADE DO DEUS QUE ROMPE CO INDIVIDUALISMO DE QUEN SE CRE ÚNICO E EXCLUSIVO

CANTOS
ENTRADA.-  Que ledos ( 5 )
LECTURAS.- Señor, Deus noso, que admirable é o teu nome en toda a terra
OFERTORIO.-  Pan do ceo, pan de vida ( 53)
COMUÑÓN.- Eu soñei ( 58 )

OÍDOS ATENTOS
Rematado o tempo da Pascua, comeza agora o momento no que toda a forza da esperanza acollida e celebrada temos que ila convertendo en acción e compromiso desde o noso actuar no medio do mundo. E isto non o podemos facer nin ao chou nin de maneira individual, senón desde a sinodalidade de quen camiña xunto cos demais, ao estilo da relación de amor e compromiso da Santísima Trindade. Do Pai que na comuñón de amor nos mostra a súa xenerosidade, no Fillo enviado e acollendo na fraternidade, e na presenza do Espírito Santo que alenta e rompe a tentación da rutina e o retrouso permanente de quen vive na desgana e o desencanto. A festa de hoxe é chamada permanente a revisar, renovar e reconducir, sen medo aos cambios, cal e como ha ser a presenza dos crentes nesta sociedade do século vinte e un, na que non podemos conformarnos con ser pasado, senón presente activo e aberto ao diálogo e o entendemento. Non somos únicos, somos cos demais.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
    • Porque o noso orgullo non nos deixa escoitar voces distintas á nosa; SEÑOR, QUE NUNCA ABANDONEMOS O DIÁLOGO PARA ENTENDERNOS.
    • Porque nos falta tempo e nos sobra présa; CRISTO, QUE NUNCA ABANDONEMOS O DIÁLOGO PARA ENTENDERNOS.
    • Porque sempre pensamos que temos a razón e que non nos escoitamos máis que a nós mesmos; SEÑOR, QUE NUNCA ABANDONEMOS O DIÁLOGO PARA ENTENDERNOS.
    PALABRA REMOÍDA
    A sabedoría non depende, inda que pensemos o contrario, de ter boa memoria ou de ser capaz de acumular títulos académicos e recoñecementos públicos, senón da capacidade que teñamos de pararnos, mirar ao noso redor e comprender que nin estamos sos nin somos seres illados e desconectados uns dos outros. A sabedoría autentica e antropoloxicamente enriquecedora está en saberse necesitado dos demais e con capacidade para escoitar e acompañar a quen nos chama e necesita. A persoa sabia adoita pensar antes de falar, acompañar entes de excluír e entender antes de xulgar. E a esta sabedoría é á que nos chama, para que a poñamos en práctica, a festa deste domingo da Trindade. Nela Deus móstrase coa capacidade de relación e comunicación desde os tres eixes nos que se vai propoñendo a fe cristiá: Pai, Fillo e Espírito Santo; pero non de xeito illado, senón desde a experiencia da sinodalidade; a experiencia de camiñar enriquecéndose xunt@s, de moverse, e invitarnos a movernos, desde un camiño desenvolvido en relación e de xeito conxunto: con outras persoas. Polo que nin o desentendemento do que ocorre ao noso redor, nin a desconexión entre o que facemos e o que cremos, nin tampouco a redución da fe ao ámbito do privado dentro do espazo dos templos, responde ao proxecto de Xesús e á misión por El encomendada aos apóstolos. Por iso, o que mellor define canto estamos a celebrar nesta festa da Trindade é, como tantas veces adoita afirmar o papa Francisco, o concepto de sinodalidade, o camiñar xuntos, o romper coa tentación do individualismo.
    E desde esta sinodalidade imos facendo Igrexa no medio do mundo. Pero non unha igrexa de pedras e reduto do pasado a conservar, senón Igrexa de pedras vivas –nós, os crentes– que damos pasos na busca de entendernos e comprometernos naquelas causas que hoxe piden a colaboración e o compromiso de tódalas persoas. E de momento, os cristiáns somos persoas con motivación do seguimento do proxecto de Xesús de Nazaret. Polo que todas aquelas causas que hoxe van levando a tanta xente a poñer tempo, ilusión e vida nelas, son as causas nas que temos que empeñarnos tamén nós, os seguidores de Xesús: a causa da defensa da casa común –co noso xeito de vivir respectuoso co medio ambiente, a denuncia de aquelas decisións políticas, económicas, culturais ou sociais que non o respecten-; a causa do compromiso na defensa da dignidade e visibilidade da muller –o que supón non calar ante as agresións, o que supón denunciar cando faga falla e manifestarnos publicamente, e sen medo, ante todo intento de xustificar ou esconder maltrato e manipulación do labor da muller hoxe-; a causa da defensa de nen@s e maiores cando son abusados, violentados e manipulados por aqueles dos que esperabamos amor, respecto e servizo. En fin, a festa da Trindade é a festa na que Deus se desprega no medio do mundo para espertar en nós a tarefa permanente de construír de maneira comunitaria e participativa. E isto só se pode facer desde a escoita, o diálogo e a comuñón na busca de proxectos e causas que humanizan.
    Aprender da relación de amor do Pai, Fillo e Espírito Santo, descóbrenos a grandeza enriquecedora de canto nos poden aportar os demais, á vez que nos fai caer na conta de que metas e logros só serán posible desde as sinerxias que entre tod@s imos construíndo para poñer o ben das persoas no centro do noso actuar. E contra a moda actual da présa, a comuñón trinitaria indícanos que son necesarios os tempos para madurar as decisións, as reflexións para non dar pasos en falso e a capacidade para chegar a acordos para non caer na sensación de fracaso e baleiro por non sermos capaces de entendernos e avanzar. Se algo nos quere mostrar a festa de hoxe, é a da necesidade de caer na conta de que as cousas serán posibles con pasos firmes e decisións pensadas. Non temos que ser xeniais, senón reflexivos e con capacidade de escoitar e valorar o que os demais me aportan e enriquecen. O que só se pode facer coa paciencia que sempre nos trae o discernimento de quen pon tempo e non arrouto. E neste proceso, que vai máis aló do espazo concreto, e se desenvolve no tempo, o Deus en comuñón da paternidade ofrecida desde o Fillo enviado, sempre se deixa ver na presenza renovadora do Espírito Santo

    ORACIÓN COMPARTIDA
    Achegamos tamén, nesta festa da Trindade, a nosa oración comunitaria desde o amor e recoñecemento para as persoas. Facémolo dicindo: QUE FAGAMOS DA FE VIVENCIA COMUNITARIA E CONSTRUTIVA.
    • Para que a Igrexa non volva caer no pecado do individualismo impositivo dos que teñen responsabilidades nela, e camiñe na busca de espazos de sinodalidade; Oremos. QUE FAGAMOS DA FE VIVENCIA COMUNITARIA E CONSTRUTIVA. 
    • Para que non nos deixemos abater pola desilusión e o desencanto ao ver que as nosas comunidades son pequenas, e participan da súa vida e accións menos persoas das que pensabamos. Oremos. QUE FAGAMOS DA FE VIVENCIA COMUNITARIA E CONSTRUTIVA. 
    • Para que nós nunca miremos para outro lado nin calemos ante a inxustiza da violencia, o maltrato e a falta de respecto ás persoas e á casa común na que tod@s vivimos; Oremos. QUE FAGAMOS DA FE VIVENCIA COMUNITARIA E CONSTRUTIVA.
    Acompaña, Señor, a oración da comunidade que acabamos de compartir desde a proposta do amor sinodal ao que Ti nos chamas. P.X.N.S. Amén.
    LATEXO AQUECIDO
    “Precisamos que os cristiáns tomemos partido polos pobres aquí, que son moitos e están mal. Precisamos tomar partido pola xustiza aquí, abertamente, reflexivamente, combativamente. Precisamos tomar partido aquí pola paz, contra a morte, contra a tortura, contra a explotación, contra a violencia. Temos que tomar partido polo cambio social, e de estruturas.
    Aínda máis: é necesario que persoas das comunidades participen e se comprometan coas entidades sociais orientadas á xustiza estrutural ... porque a misión dos cristiáns consiste en ser fermento do Reinado de Deus, fermento total na sociedade civil”.
    (Patxi Loidi, Tercer mundo: signo de los tiempos. Cuadernos Fe y Justicia, nº 9, p.11 )

    Comentarios

    Entradas populares de este blog

    Corpus 2025

      MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

    Cristo Rei 2025

      UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

    Ascensión 2025 C

      7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...