Ir al contenido principal

20 domingo TO A 2023

 MARÍA E A MULLER CANANEA: DÚAS MULLERES FORTES QUE SON EXEMPLO DE COMO ENSANCHAR A NOSA TENDA

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Acharte presente (Nº 51)
LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)


SITUÁNDONOS

O pasado martes celebrabamos a festa de María, unha mociña sinxela que co seu si cambiou a historia. Hoxe atopámonos no evanxeo cunha muller cananea, unha estranxeira, unha ninguén, mais cunha fe capaz de mover montañas.

Ámbalas dúas mulleres teñen un denominador común: son mulleres fortes, mulleres valentes, mulleres que saben o que queren e que non dubidan en traballar para conseguilo.

En María e na muller cananea tamén nós somos convidadas e convidados a ensanchar a nosa tenda, é dicir, a abrir as portas da nosa vida, do noso corazón, da nosa Igrexa. Porque a fe non é un privilexio para uns poucos, senón un agasallo que Deus nos fai a todas as persoas. 

PEDIMOS PERDÓN

*      Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, dicímosche coma a muller cananea: SEÑOR, VÁLENOS.

*      Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, pedímosche coma a muller cananea: CRISTO, VÁLENOS.

*      Porque seguimos considerando ás mulleres coma o sexo débil, porque seguimos sen ter en conta a súa opinión, a súa voz, o seu criterio á hora de tomarmos decisións dentro da Igrexa, suplicámosche coma a muller cananea: SEÑOR, VÁLENOS.

O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Así fala o Señor: cumpride o dereito e practicade a xustiza, que a miña salvación está próxima a chegar e a miña xustiza está próxima a mostrarse.

E aos fillos de estranxeiro que se apegan ó Señor, servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos, a todo o que garde o sábado sen profanalo e aos que se manteñan firmes na miña Alianza, traereinos ao meu monte santo e alegrareinos na miña casa de oración.

Os seus holocaustos e os seus sacrificios servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar. Pois o meu templo chamarase casa de oración para todos os pobos.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÁOS ROMANOS

Irmás e irmáns:

Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles. Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, ¿que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?

Pois os dons e a chamada de Deus son irrevocables. Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguistes a misericordia por desobediencia deles. Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia. Porque Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:

-      Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.

Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:

-      Despídea, que vén berrando detrás de nós.

El contestoulles:

-      Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.

Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:

-      ¡Señor, váleme!

El respondeulle:

-      Non é ben quitarlles o pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.

Pero ela contestou:

-      Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.

Entón respondeulle Xesús:

-      ¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!

E a súa filla ficou sa naquela hora.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE DÁ VIDA

·      Na Igrexa hai espazo para todas as persoas. Para todas. Na Igrexa non sobra ningunha persoa. Ningunha persoa está de máis. Hai sitio para todas as persoas. Tal e como somos. Todas as persoas. E se non hai espazo, hai que facelo”. Estas palabras que Francisco pronunciaba hai ben poucos días en Lisboa son un bo resumo da Palabra que vimos de proclamar nesta mañá de domingo. Si, porque as lecturas de hoxe convídannos a abrir os nosos ollos e o corazón para descubrir que a fe non é un privilexio para que uns poucos elixidos xoguen a ser pequenos deuses, senón que é un agasallo de Deus para todas as persoas. E así, fronte a ese crerse mellores do pobo xudeu, Isaías anuncia que os estranxeiros tamén entrarán na casa do Señor; Paulo lémbralles aos romanos que os xentís tamén obtiveron a misericordia de Deus e Xesús no evanxeo ten un diálogo interesantísimo cunha muller cananea, doutra cultura e doutra relixión que se achega a El movida pola fe. Polo tanto, a Palabra dinos que Deus non é destes ou dos outros, ao contrario, non fai distingos. E se El non os fai, pide que nós tampouco os fagamos. Ninguén ha sentirse inferior, tampouco superior, a ninguén, porque a dignidade é a mesma en e para todas as persoas. As exclusións, os integrismos e os prexuízos son diferentes rostros do medo, da soberbia e do complexo de inferioridade. 

·      Mais con moita dor debemos dicir que estamos lonxe de ser unha Igrexa incluínte. Si, porque seguimos tendo estreiteza de miras. Si, porque seguimos gardando o viño novo do Evanxeo en vellos bocois. Si, porque seguimos pedindo carnés de entrada. Si, porque seguimos poñendo condicións para a graza de Deus. Si, porque seguimos pechando as portas cando algo non dá rendibilidade. Si, porque seguimos avaliando por números e non por persoas. Si, porque seguimos tendo titulares e suplentas. Si, porque seguimos utilizando as redes da imposición e do control. Si, porque seguimos manipulando conciencias. Si, porque seguimos castigando co silencio e a marxinación. Si, porque non facemos do amor o centro da nosa vida, e se non é desde o amor e o servizo, non se pode virar da exclusión á inclusión.

·      Ensancha a túa tenda” é o título do Documento para a Etapa Continental do Sínodo sobre a Sinodalidade que comezará en Roma o vindeiro mes de outubro. Esta chamada, tomada da profecía de Isaías, é a que tamén nos fai Francisco cando nos di que se non hai espazo, hai que facelo. Porque se queremos ser fieis á mensaxe de Xesús temos que andar polos vieiros do respecto e do diálogo. Iso vai pedir de nós un esforzo por deixar atrás formas, linguaxes, actitudes, xestos... que non fan máis que pechar en troques de ensanchar. 

·      O Evanxeo que vimos de proclamar é boa proba do que falamos. A protagonista é muller e cananea, estranxeira, desconcertante, pobre, pagá, alguén a quen non se lle debía nin facer caso nin prestar atención . Malia iso, Xesús nin a aparta nin se aparta. Ao contrario, achégase e no seu diálogo vainos mostrando como é posible rezar e camiñar en fraternidade, facendo realidade que a amizade social á que nos chama Francisco, á que nos chama a nosa fe en Deus, deixe de ser un concepto e se converta nunha actitude. Porque hoxe tamén son moitas as mulleres cananeas que nos interpelan: persoas refuxiadas, persoas abusadas, persoas vítimas da violencia, persoas rexeitadas polo seu físico, persoas con diversidade funcional.... que nos berran: “Válenos”. Se non hai espazo, hai que facelo. Ese é o reto que hoxe temos por diante, un reto no que nos xogamos o futuro da Igrexa. 

REZAMOS EN COMUNIDADE

Poñémonos agora nas mans amorosas e abertas de Deus Pai-Nai e dicímoslle xunt@s:

 

GRAZAS POR CONVIDARNOS A ENSANCHAR A NOSA TENDA

 

o   Pola Igrexa, para que nunca esqueza que ten que ser un fogar con sitio para todas as persoas, tal e como somos, OREMOS.

 

GRAZAS POR CONVIDARNOS A ENSANCHAR A NOSA TENDA

 

o   Polas nosas comunidades, para que nunca caiamos na doada tentación de pechalas só en nós e nos que pensan coma nós, e sexamos capaces de abrirnos a todas as persoas, tamén ás que opinan de xeito distinto, OREMOS.

 

GRAZAS POR CONVIDARNOS A ENSANCHAR A NOSA TENDA

 

o   Por cada un e cada unha de nós, para que sempre traballemos para que na Igrexa haxa espazo para todas as persoas, OREMOS.

 

GRAZAS POR CONVIDARNOS A ENSANCHAR A NOSA TENDA

 

Grazas, Señor, porque unha vez máis déixasnos claro que na túa casa hai sitio para todas as persoas. Que as nosas actitudes reflictan esa universalidade á que ti nos chamas. P.X.N.S. Amén.

 

MIRADA DIFERENCIADA

Grazas polas persoas que aman no concreto

e fan do amor martelo para romper barreiras establecidas.

Grazas pola xente que sofre porque ama

e converte o sufrimento en camiños de esperanza.

Grazas polas persoas que cren e esperan

máis alá de calquera límite interesadamente posto.

Grazas polas persoas que teñen palabra humilde e convencida

para facer triunfar as solidariedades.

Grazas polas persoas que resisten e aguantan,

a proba de fracasos, os seus amores todos.

Grazas por todas as nais dolorosas,

que aman e loitan sen límite para que os seus fillos e as súas fillas teñan vida.

Grazas por aquela muller descoñecida, chamada a cananea

e por todas as cananeas do mundo, de onte e de hoxe.

Grazas polos grupos e pobos que quixeron coller o teu estilo para que a vida, a túa vida, 

triunfe e soleza nos corazóns e nas casas das persoas máis pequenas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...