Ir al contenido principal

Domingo 21 TO A 2023

 CHAVES PARA ABRIR, AIREAR E SOLEAR, CHAVES PARA ENSANCHAR A TENDA

CANTO GOZOSO

·      ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

·      LECTURAS: Señor Xesús (Nº 52)

·      OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 33)

·      COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)



SITUÁNDONOS

Cada vez resúltanos máis difícil confiar nas persoas. É certo que moitas veces as noticias que saen nos medios de comunicación non axudan a xerar confianza; pero tamén é certo que hai unha manchea de xente que traballa responsable e honestamente e que é digna de confianza. O que ocorre é que tristemente nunca son portada de revista, porque saben facer da discreción eixo da súa vida. 

E se nos resulta difícil confiar nas persoas que fan connosco o camiño da vida, xa non digamos confiar en Deus “a quen non vemos”, como argumentan moitas persoas. Esixe un dobre esforzo. 

Porén, o Señor segue a confiar en cada un e cada unha de nós, e hoxe dinos que nos dá as chaves que abren fiestras e portas para que o sol que quenta e a brisa que airea entren na nosa vida, na nosa casa, na nosa Igrexa. Toda unha declaración de intencións. 

Que esta celebración comunitaria que agora comezamos nos axude a beber da fonte da Palabra na que se nos revela Aquel en quen pomos a nosa confianza: Deus. 

PEDIMOS PERDÓN

·      Porque moitas veces facemos un mal uso das chaves que Ti pos nas nosas mans, e en lugar de utilizalas para abrir corazón, ollos e vida usámolas para pecharnos en nós e no noso gueto, SEÑOR, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA.

·      Porque somos persoas desconfiadas cara aos irmáns e as irmás, e raramente damos unha segunda oportunidade a quen nos ten fallado ou ferido, CRISTO, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA.

·      Porque estamos coas portas tan pechadas a causa dos nosos medos e inseguridades, que preferimos camiñar nas rutinas, nas falsas seguridades e na escuridade, SEÑOR, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA. 

O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Así me falou o Señor:

"Ponte de camiño e entra onda ese mordomo, Xebná, que está á fronte da casa do rei, e dille: 

-      Chimpareite do teu posto prominente, botareite abaixo do teu pedestal. Sucederá no día aquel, que chamarei ó meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías. Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguideiro e porei na súa man o teu posto de mando: será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá.

Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro: abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra.

Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro, e será trono de gloria para a casa de seu pai.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÁOS ROMANOS

Irmás e irmáns:

¡Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro? ¿Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? Del saíron, por El e para El existen todas as cousas. A El a gloria polos séculos. Amén

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:

-      ¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?

Eles responderon:

-      Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.

Insistiu:

-      E vós, ¿quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

-      Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.

E Xesús contestoulle:

-      Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE DÁ VIDA

  • Quen di a xente que son eu?. Velaí a pregunta que hoxe nos lanza Xesús no evanxeo que vimos de proclamar e que pide de nós unha resposta. É verdade que non todos temos a mesma imaxe de Xesús, sobre todo, porque cadaquén elabora unha imaxe a partir dos nosos propios intereses e preocupacións, condicionada polo medio social ao que pertencemos e marcada pola formación relixiosa que temos recibido. Hoxe é un bo día para que cada un e cada unha de nós nos paremos a pensar un chisquiño na importancia que lle damos a Xesús na nosa vida, se de verdade El é a pedra sobre a que edificamos, construímos e asentamos ou se pola contra non é máis que unha mesa supletoria que só usamos cando a precisamos. 
  • Pero se El é a rocha, en sinodalidade, non só Pedro, senón tamén con Pedro, iremos edificando a nosa igrexa non sobre o alicerce do medo, a coacción, o autoritarismo e a ansia de dominio e poder, senón escoitando, servindo e facendo comunitariamente o camiño, pois somos na casa de Deus pedras vivas. Solos non iremos moi lonxe, xuntos construiremos igrexa de presente sempre aberta e sen medo ao futuro. De nós, do noso talante, vai depender que a igrexa siga estando presente no mundo, non para ensombrecelo, senón para facelo crecer en humanidade solidaria. Construír Igrexa non é sinónimo de servilismo nin de obediencia cega (e iso non debemos esquecelo nunca), senón de participación. As pedras, os cimentos non son todos iguais, hainas máis grandes e máis pequenas, con máis ou menos arestas, máis lisas e máis rugosas....pero todas son pedras e necesarias na cimentación. Cómo nos custa entendelo!.
  • E se o facemos así, estaremos seguindo o camiño que nos marcou Xesús. El entregounos as chaves, a creación enteira, o seu Reino, as súas arelas. Fíxonos caseiros de esperanzas e proxectos para que nos sentiramos libres e responsables.

REZAMOS EN COMUNIDADE

Abramos a nosa vida a Deus, que sempre e en todo momento nos dá oportunidades e nos demostra o seu amor, e digámoslle:

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

o   Pola Igrexa, para que nunca se crea con capacidade para decidir sobre as vidas e a liberdade da xente, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

o   Polas nosas comunidades, para que nunca caiamos na doada tentación de pechalas só en nós e nos que pensan coma nós, e sexamos capaces de abrirnos a todas as persoas, tamén ás que opinan de xeito distinto, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

o   Para que coas túas chaves, saibamos estar sempre en disposición para abrir a porta a quen busca en nós tempo para compartir, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

Grazas, Señor, porque unha vez máis móstrasnos o teu amor deixándonos decidir libremente, sen impoñernos nada e dándonos responsabilidades no aquí e no agora. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Xesús entregounos as chaves para:

ü  abrir portas pechadas e corazóns duros e insolidarios

ü  repartir os bens da terra

ü  mostrar todos os tesouros de arcas, baúis e bibliotecas

ü  sacar as cousas boas

ü  dar a coñecer os misterios da ciencia

ü  desenlear conciencias

ü  abrir o que outros pechan (igrexas, fronteiras, fábricas...)

ü  entrar nos cárceres

ü  quitar trabas e soltar cadeas

ü  varrer medos e culpabilidades

ü  non andar agochados

ü  perdoar barbaridades

ü  que ninguén atope as portas do seu camiño pechadas aínda que sexa noite

ü  desatar leis, normas, mandatos e edictos de gobernadores, representantes e falsos deuses

ü  liberar aos que senten que teñen as portas pechadas e a vida feita e planificada

ü  que as persoas insensatas non perdan o tempo laiándose e poidan entrar aínda que sexa tarde

ü  que sempre poidamos ensinarlle as nosas entrañas a quen chega, a tempo ou a deshora

ü  abrir feridas, no corpo, na alma, nas estruturas para así poder curalas

ü  para coidar e amosar a boa nova, os seus tesouros de Pai e de Nai

Entregounos as chaves... e díxonos que miremos os rostros da xente ata setenta veces sete antes de crernos xuíces, clérigos ou xefes. 

Oxalá nunca o esquezamos: misericordia quero e non sacrificios.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...