Das persoas tóxicas e manipuladoras, líbranos, Señor.
Cantos
Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar ( 2)
Lecturas.- Escoita ao Señor ( 15 )
Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 31)
Comuñón.- Non vou só ( 60)
Mirada agradecida
Cando deixamos que o medo nos atrape, tanto a nivel social como a nivel persoal, familiar ou veciñal, a nosa vida, e a nosa relación coas demais persoas comeza a ir por camiños de inseguridade, dúbida e desacougo. O medo fainos moito máis débiles e dependentes, e a debilidade convértenos en presa fácil para depredadores e manipuladores, que sempre están á espreita para enganarnos e exercer sobre nós coacción e control. E canto ten sido así poñendo a Deus polo medio!
Porén no evanxeo de hoxe Xesús fálalles con convicción aos discípulos e chámaos a non deixarse arrastrar polo medo, para que non caian nas redes das persoas tóxicas, que o único que fan é querer aproveitarse das debilidades ou dos momentos de dúbida e desconcerto.
Como a Palabra de Deus quere ser palabra viva que nos alente e anime tamén a nós hoxe, traballemos logo cada día para non deixar que o medo acampe nin no noso corazón nin na nosa vida.
Corazón misericordioso
Palabra proclamada
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
En chegando Elías ó monte de Deus Horeb, meteuse nunha cova e pasou nela a noite. Chegoulle a palabra do Señor e díxolle
"Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos dediante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán. Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor. Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor. Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexadiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS
Irmáns e irmás:
Coma discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido. Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe. Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
En canto quedou farta a multitude, Xesús mandou ós seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ó monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.
E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. O riscar o día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. E, os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos de medo, empezaron a berrar. De seguida faloulles Xesús dicindo:
Tranquilos, non teñades medo, que son eu.
Respondeulle Pedro:
Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
El díxolle:
Ven.
Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ó senti-lo vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:
¡Señor, sálvame!
Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
Home de pouca fe, ¿por que dubidas?
E ó subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo:
Realmente ti es Fillo de Deus. Palabra do Señor.
Palabra remoída
Oración compartida
Porque Deus segue a ofrecernos a súa confianza e a tendernos a súa man, somos quen de dicir: Señor, que saiamos das nosas covas.
Grazas, Señor, por invitarnos a saír da cova e poñernos en camiño de superación. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Acougo interiorizado
A persoa que queda caída xa se retirou da vida, pechou a esperanza, pechou a ilusión e aí queda caída. E cando vemos caer a algúns dos nosos amigos, que temos que facer? Levántalos!, levántalos. Cando tes que levantar ou axudar a levantar a unha persoa, que xesto fas? mírao de arriba a abaixo, a única oportunidade, a única vez que é lícito mirar a unha persoa de arriba a abaixo é para axudala a levantarse.
Camiña. E se caio, axúdame a levantarme, porque non hai teoría nin mestradoque nos ensine a andar na vida. Iso aprendese. Aprendes dos teus pais, aprendes dos teus avós, aprendes dos teus amigos collidos da man. Na vida aprendes e iso é adestrar no camiño.( Francisco)
Comentarios