Ir al contenido principal

Transfiguracón 2023

 COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

o   LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)

o   OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)

o   COMUÑÓN: Quédate Señor connosco 



ESCOITA ACTIVA

O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia... 

Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-: erguédevos, non teñades medo. Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor, nos axude a quitar a pedra do medo do noso corazón para que poida agromar a confianza.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos chama a cambiar o mundo co noso esforzo e compromiso; SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

·      Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos chama a deixar atrás os nosos medos para ir ao encontro do irmán e da irmá; CRISTO, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

·      Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos invita a baixar da póla do “sempre se fixo así”; SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente. Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríades estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.

Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PEDRO

Se vos demos a coñecer a vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza. Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: "Este é o meu Fillo, o meu predilecto, o Fillo do meu contento". Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con el no monte santo. Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alborexe o día e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

-    ¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:

-    Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.

Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:

-    ¡Erguédevos, non teñades medo!

E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:

-    Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Neste tempo de verán, no que tantas persoas fan roteiros e andainas, a Palabra que vimos de proclamar márcanos tamén unha folla de viaxe, neste caso desde o externo cara ao interno, ao corazón. 

v SAÍR: A primeira etapa da nosa viaxe invítanos a saír: do noso templo, das nosas costumes relixiosas, do noso culto moitas veces baleiro, de todo aquilo co que cremos que podemos mercar a Deus, porque El é gratuidade e non un tendeiro co que temos que axustar prezos. Saír de nós, do noso illamento, do noso refuxio, das nosas seguridades, dos nosos medos e complexos....e arriscarnos coa forza da fe.

v SUBIR: Porque ninguén dixo que o camiño fose fácil. Ás veces hai costas que mesmo nos fan perder o alento... pero paga a pena subilas. Ninguén dixo que fose fácil deixar de lado o medo, ninguén dixo que non nos sairán bochas no corazón e na alma... e tamén precisaremos que alguén nos axude a curalas, lembrándonos que Deus está connosco porque ás veces parece coma se non nos fiásemos de que El camiña á nosa beira e mesmo nos leva nos brazos en tempos difíciles. Perdemos a perspectiva de que non imos sos, acabamos convencéndonos de que alguén botou a Deus do camiño. E non é iso, senón que en lugar de anunciarse con repique de campás e bandas de música, resulta que fai o camiño, coma sempre, cuberto de po e no medio das persoas máis desfavorecidas. Non se foi, segue aí, o que pasa é que ao mellor temos que pararnos a mirar con outros ollos, cos ollos de Deus.

v ESCOITAR: Nunha sociedade coma a nosa, na que cada vez máis abundan voces de profetas que descifran e solucionan o porvir, na que os medios de comunicación non só informan, senón que orientan ou desorientan, onde máis de vinte millóns de persoas len semanalmente a prensa rosa, quen quere dar sentido humano á súa vida ten que coidar as fontes nas que bebe. Nunha sociedade coma a nosa, atravesada por infinidade de conflitos sociais, culturais, políticos... persoais e grupais, onde aínda escoitamos os ruídos das balas; nunha sociedade coma a nosa na que a aglomeración non achegou, senón que illou, nunha sociedade coma a nosa na que hai miles e milleiros de persoas que non teñen quen as escoite, cómpre lembrar que a actitude de escoita é fundamental: “Este é o meu Fillo... Escoitádeo....”. Temos que acostumarnos a facer silencio para poder escoitar a Palabra de Deus, o berro dos irmáns e das irmás, as sinais da historia. Porque escoitar é confianza e compromiso.

v BAIXAR: Porque non podemos estar sempre no cumio, hai que volver aos irmáns e ás irmás que sofren e non poden camiñar, e para quen debemos ser sal e luz. Hai moita desigualdade social a prol da cal traballar. Por iso nada de quedar no monte, nada de acamparmos aquí na sancristía quentiños á beira do Santísimo. O noso escenario é o mundo, alí onde estamos, cada un no noso lugar, no que desenvolvemos as tarefas que van enchendo tempo e vida. Xa está ben de construír grupos burbulla, que non só non axudan, senón que desvirtúan o que debe ser a nosa función de persoas mensaxeiras dunha Boa Nova. Loitemos contra a tentación de sermos unha Igrexa autorreferencial, como nos di o Papa Francisco. Hai que subir ao Tabor desde a rutina da vida para ver, para coller folgos e esperanza no camiño; pero non hai que perder de vista a terra, non sexa que o resplandor e os destellos do Tabor se convertan en fogos artificiais, e a esperanza se desvaneza en ilusións.

FRATERNIDADE ORANTE

Grazas, porque a pesares das nosas canseiras e da nosa pouca ilusión, segues a plantexarnos retos anovadores e estimulantes para facer da nosa vida experiencia de gratuidade e transformación. Por iso che dicimos:

QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR

ü Para que todos e todas nós, que formamos a túa Igrexa, saibamos acollerte non desde o medo ou a imposición, senón desde o convencemento de que lle has dar sentido á nosa vida, OREMOS.

QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR

ü Polas nosas comunidades para que nunca esquezamos que nosa credibilidade pasa sempre polo camiño do amor misericordioso e compasivo, un amor de nai; OREMOS.

QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR

ü Por tod@s nós, para que escoitemos a túa voz que nos fala nas persoas que viven nas periferias existencias creadas por un mundo inxusto; OREMOS.

QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nos falsos tabores dos templos, senón nos sorrisos e nas dificultades da vida, onde temos que saber descubrirte. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Cando nos esquecemos de nós mesmos,

cando nos esgotamos no servizo aos últimos,

cando vencemos a tentación de calquera apego,

cando aceptamos o sufrimento coma compañeiro,

cando soubemos perder,

cando xa non pretendemos gañar,

cando compartimos o que precisabamos,

cando arriscamos polo pobre,

cando enxugamos as bágoas do inocente,

cando rescatamos a alguén do seu inferno,

cando nos metemos no corazón do mundo

cando puxemos a nosa vontade nas mans de Deus,

cando nos purificamos do noso orgullo,

cando nos baleiramos de tanto consumismo superfluo,

cando nos sentimos feridos...

brilla en nós, gratis, a luz de Deus,

sentimos a súa presenza que recende a primavera,

nun perfume que envolve e reanima

Xa non precisamos outros tesouros.

Deus acompáñanos, fálanos, protéxenos.

Sentímonos nun mar de felicidade.

E se non estamos nas nubes,

é un Tabor que se nos ofrece de balde

para que disfrutemos xa o presente

e camiñemos firmes e sen temores.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...