Ir al contenido principal

2 advento 2023

 Advento, tempo de gratitude

Sinal de Advento.- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a gratitude.

Cantos

            Entrada.-  Volve, Señor ( 90 )

Lecturas.- Amóstrame, Señor ( 20  )

Ofertorio.-  Velaqui Señor o viño ( 37)

Comuñón.-  Xesús chamado amigo  ( 89 )



Abrindo o corazón

            Neste segundo domingo de Advento escoitaremos na primeira lectura que o profeta Isaías invita a ser persoas capaces de levar consolo a quen non o ten. Consolo de saber escoitar aos deimas, consolo de acompañar a quen se sente esquecido e ignorado, consolo que saiba facer as cousas sen présa e sen precipitacións, consolo que faga a nosa vida mellor, máis humana e máis feliz.

            Sexamos logo persoas de gratitude para co Deus que nos invita ao longo destas catro semanas de Advento a  prepararnos  acoller ao Deus neno que ven para cambiar as nosas vidas e darlle sentido e esperanza.

Misericordia compartida

·      Porque  non sempre somos quen de agradecer. Señor, que o agradecemento alente o noso camiñar.

·      Porque as veces respondemos sen poñer atención ao que nos din. Cristo, que o agradecemento alente o noso camiñar.

·      Porque  deixamos que o noso corazón se endureza facéndonos insensibles. Señor, que o agradecemento alente o noso camiñar.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Consolade, consolade o meu pobo:  dí o o voso Deus.

Faládelle ó corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto

que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.

Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por tódolos seus pecados.

Unha voz clama:

"No deserto preparádelle o camiño ó Señor.

Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus.

Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;

que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.

Pois vaise revela-la gloria do Señor, e toda carne verá o Unico.

Falou a boca do Señor".

Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,

levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,

levántaa, non teñas medo.

Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".

Velaí  o meu Señor Iavé que chega con poder; si, o seu brazo domina.

Velaí a súa paga con el,

o seu xornal  diante del.

Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,

leva ós añiños no seo e protexe os que aínda maman.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO

Meus amigos, que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día. Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren. Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e tódalas obras que hai nela nin se atoparán.

Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, ¡con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus! Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter. Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.

Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.

Como está escrito no profeta Isaías:

Mira: mándoche por diante un mensaxeiro,

para que prepare o teu camiño.

Unha voz clama no deserto:

preparade o camiño do Señor,

endereitade os seus vieiros.

Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.

Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidor de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. E proclamaba:

 Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo. Palabra do Señor. Gloria a Ti, señor Xesús.

Palabra remoída

·       Consolade, consolade o meu pobo:  di o voso Deus. Saber consolar non é nada doado, porque esíxenos primeiramente  aprender a escoitar e prestar atención a quen nos fala. E neste noso mundo e présas e de solucións para todo xa, pensamos que coa tecnoloxía ou cos avances da ciencia xa somos quen de dar resposta a calquera cuestións que precisemos, pero iso non é verdade; e non o é porque a persoa, as persoas, somos moito máis ca ósos, células ou tecidos. Temos sentimentos, experimentamos emocións, percibimos onde está a beleza, temos criterios de moralidade no noso comportamento... é iso non é doado atopalo nos trebellos tecnolóxicos, por moi artificial que sexa a intelixencia que se nos vende. Oír entón  que as persoas , pola dureza e dificultades da vida, precisamos consolo, e que este só vai ser posible que chegue desde quen é capaz de mirar aos demais con respecto e coma un/ha igual, axúdanos a saír dos nosos lugares común e poñer a nosa mirada nos demais, que coma nós, son imaxe e semellanza de Deus; o Deus que nos ofrece consolo e acollida; o Deus que desde a gratitude invítanos a nós tamén a ser persoas de gratitude unhas coas outras. Porque é aí onde o consolo se mostra con todo o seu sentido. E neste momento no que o consolo non é un xeito de acompañarnos unhas persoas a outras, que ben acaída nos ven hoxe a Palabra de Deus para que revisemos a nosa vida desde este consolo recibido de Deus para ser ofrecido e compartido con quen temos ao lado.

·       Faládelle ó corazón.  Acoller o consolo que Deus nos ofrece e compartilo con quen o precise, suponnos a uns e outros capacidade de mirar e mirarnos desde o corazón aquecido, e non desde o corazón, frío e calcular,  de pedra. Un corazón aquecido que mostra que as persoas non gañamos nada cando no canto de escoitar e axudarnos, nos volvemos rivais en disposición de  enfrontarnos con violencia, deixando que aniñe nel rancor polo noso xeito de mirar o mundo e de actuar no medio del. Fronte a isto o profeta Isaías volve insistir en que precisamos falarnos unhas persoas ás outras co agarimo latexante do corazón, porque en cada latexo vaise facendo presente que as demais persoas impórtannos, que as precisamos e que compartimos con elas a capacidade de gratitude, de recoñecemento do outro/a, de que non somos nin únicos nin imprescindibles. Falar desde o corazón humanízanos e iguálanos, levándonos a compartir o amor de Deus nas persoas e en cada unha das cousas que vaiamos facendo. Fronte a Siri, Alexa e calquera outro medio tecnolóxico, esforcémonos por falarnos ao corazón sabendo ser persoas agradecidas.

·       El havos bautizar con Espírito Santo. E neste deixarnos acompasar polo latexo do corazón nunca imos sos. Como vimos de escoitar no evanxeo o bautismo que temos recibido non se reduce a que nos botasen un pouco de auga pola cabeza, senón que produce en nós unha transformación que nos leva a ser persoas novas e distintas, renovadas. A forza do Espírito Santo que o día que nos bautizaron temos recibido, móstranos que no camiñar cotián nin imos sos nin imos sen rumbo. El acompáñanos neste ir dando pasos que nos van levando cara esa plenitude que un día gozaremos, e para sempre, ao lado do Deus que agora nos invita a preparar o camiño para acoller ao seu Fillo.

Oración compartida

         A oración comunitaria é momento de expresar a gratuidade vivida e compartida con Deus e os irmáns e irmás. Recemos logo dicindo: Que a gratuidade enchoupe a nosa vida.

·      Para que neste tempo de Advento cantos conformamos a Igrexa, nos esforcemos por recoñecer e agradecer todo canto as nos leva a agardar ao Señor con alegría e esperanza. Oremos. Que a gratuidade enchoupe a nosa vida.

·      Para que nas nosas comunidades parroquiais traballemos cada día por ser persoas agradecidas e capaces de recoñecer canto os demais fan por nós. Oremos. Que a gratuidade enchoupe a nosa vida.

·      Para que cada un e cada unha de nós nos esforcemos por preparar o camiño que leve a acoller ao neno con corazón de gratitude e cheo de esperanza. Oremos. Que a gratuidade enchoupe a nosa vida.

Grazas, Señor, por facer da nosa vida unha oportunidade para saber escoitar, aprender e agradecer. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Aloumiño de conversión

O Advento é tempo de gratitude; tempo de saír de nós e encamiñarnos cara os demais e así compartir, celebrar, dialogar, escoitar, recoñecer… agradecer.

É un camiño, é esperanza, é un soño e unha vida. O Advento é escoitar, oír, sentido, finura, atención e vixilancia. O Advento é amor cuxa encarnación e proximidade é adiviñada e desexada; Cómpre calar e afinar os sentidos para percibir nos pequenos signos cotiáns a esperanza que arraiga na vida de cada un e cada unha de nós. É o momento de recoñecer a desesperación, o esgotamento, o cansazo e a tristeza, as loitas que parecen inútiles... É o momento de deixar que o amor de Deus xunte os anacos rotos do noso barro, e refacernos co seu perdón, para mostrarnos un horizonte. diferente do que ás veces somos capaces de imaxinar. É o momento de acelerar o ritmo, ao ritmo dun corazón que latexa e lle apaixona a xustiza. ( Hoac)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...