PORQUE DEUS SE FIXO UN DE NÓS... TODO PODE CAMBIAR, ATREVÁMONOS A SOÑAR!!!!
CANTO GOZOSO
· Panxoliñas
ESCOITA ACTIVA
Bos días e Bo Nadal para todas e para todos vós!!!!. Porque moitas persoas viven na máis absoluta soidade; porque a morte, a dor, a guerra e o sufrimento non teñen a derradeira palabra; porque constantemente caemos nas redes do consumismo; porque moitas veces a dignidade da persoas mídese pola forza, a riqueza ou a sorte; porque a humanidade vive nunha crise desesperanzada e deprimente; porque só Deus podía salvar ás persoas... enviou ao seu Fillo ao mundo.
Se Deus se fixo un de nós, todo pode cambiar: novas serán as persoas, nova será a sociedade, nova será a terra. Non perdamos máis tempo, non poñamos máis escusas, non renunciemos á ledicia e ao amor que nos trae. Abramos o noso corazón e acollámolo: vén para traernos felicidade e vida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Eu son César Augusto, o emperador. Mandei empadroar a todo o mundo do meu imperio. Precisaba un censo máis actualizado para poder cobrar os impostos. Non me deteñen as inxustizas que poida cometer. Temos que ser eficaces. Vivo só polos cartos. Son o que quere mercalo todo. Son o que envexa o que teñen as outras persoas. Son o que quere ter máis a conta da xente. Polas veces nas que nós tamén somos así, pedímosche. SEÑOR, NON DEIXES DE MIRARNOS CON CARIÑO.
· Eu son dos pousadeiros de Belén. Unha noite viu pedir pousada unha parella cansa e sen folgos. Non eran realmente especiais. Eran uns de tantos. So acepto aos meus, os outros non teñen cabida na miña vida. Non acollo a quen é diferente, a quen pensa distinto a min. Xulgo polas aparencias. Son dos que lle fago caso aos contos sobre as outras persoas. Porque nós moitas veces tamén actuamos así, pedímosche: CRISTO, NON DEIXES DE MIRARNOS CON AMOR.
· Eu son o Rei Herodes, o grande, o supremo. E reino cheo de esplendor no meu territorio. Non podo aceptar que un neno pequerrecho poida poñer en perigo o meu poder e a miña autoridade. Son o poder que asoballa e mata. Non podo soportar ao meu lado ao pequeno e ao débil. Son a codicia, a única luz que pode brillar é a miña. Son o verdadeiro rei, o único. Porque nós facemos o mesmo ca Herodes, pedímosche: SEÑOR, NON DEIXES DE MIRARNOS CON AMOR.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
“Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión”.
Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.
Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. E outra vez máis, cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.
PALABRA REMOÍDA
· “Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas”: O profeta Isaías convídanos a ser mensaxeiras e mensaxeiros de boas novas. Pero... que difícil se nos fai!. Vivimos a trompicóns, moitas veces distraídas e distraídos co barullo doe coas présas do mundo, ocupados e preocupados por millóns de cousas, angustiados con centos de problemas.... Mais se cadra hoxe máis ca nunca é imprescindible que sexamos capaces de levar boas novas a unha humanidade a un mundo que está tan falto delas.
· “Neste período definitivo, Deus falounos por medio dun que lle é Fillo”: O nacemento do Fillo de Deus que celebramos hoxe aprémanos a levar esa boa nova de salvación a todas as persoas; aprémanos a soñar e a traballar para que outro mundo sexa posible. Un mundo pensado desde as persoas pobres, marxinadas, vulnerables, pequenas. Un mundo pensado desde unha manxadoira de Belén e non desde un palacio de Xerusalén. Deus fala definitivamente a través desde Neno que hoxe nace e que quere aloxarse no noso corazón. Porque Deus míranos e invítanos a mirar con misericordia, con gratitude, con xenerosidade, con colaboración. Abramos as nosas portas.
· Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega peta na nosa porta. Non fagamos oídos xordos á súa chamada. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque....Deus está aquí, recoñezámolo!.
PARA ORAR EN COMUNIDADE
No día no que a Luz fixo que nós puidésemos compartir o seu esplendor, dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR MIRARNOS CON CARIÑO
ü Para que a Igrexa mire ás persoas e ao mundo coa mirada de Deus, unha mirada desde a misericordia, a gratitude, a colaboración, a igualdade a xenerosidade, OREMOS.
ü Para que nas nosas comunidades sexamos quen de mirarnos aos ollos para recoñecernos coma irmáns e irmás, OREMOS.
ü Para que nós non nos deixemos contaxiar polos falsos profetas e saibamos redescubrir a esperanza que nos vén traer o Neno, unha esperanza que nos invita a traballar por un mundo mellor, OREMOS.
Señor, non deixes nunca de ser Luz que mostre o camiño que nos fai persoas ledas, esperanzadas e capaces de descubrirte no ben que facemos, e que nos fan os demais. P. X.N.S. Amén.
ACOUGANDO NO SILENCIO DO CORAZÓN
Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.
Coma outros moitos anos desde que es consciente
el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.
Que raro se nos fai!
Petará na túa porta, con suavidade ou inoportunamente,
coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz:
voz de traballo, voz de rúa,
voz de ledicia ou de dor,
forte ou suave,
a túa, sen disfraces.
Que raro se nos fai!.
Non che pedirá nada,
porque a pesares de que o quere todo,
quéreo de balde, entendes?.
Que raro se nos fai!.
Nadal para ti se soñas e compartes,
se camiñas e te encarnas, coma El,
xunto aos que nada teñen.
Nadal para ti, se aínda te atreves,
coma os primeiros cristiáns,
a dicir cada día:
“Gloria a Deus no ceo
e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.
Comentarios