Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2023

 

A Familia portadora da Boa Nova

CANTO GOZOSO

Entrada.- Que ledicia a miña (Nº 4)
Lecturas.- Canta aleluia (Nº 21)
Ofertorio.- Na nosa terra (Nº 36)
Comuñón.- Gracias, Señor graciñas (Nº 50)


 

ESCOITA ACTIVA

Neste domingo, festa da Sagrada Familia, María, Xosé e Xesús achéganse a nós desde o seu compartir familiar. Un compartir guiado polo amor, o agarimo, a escoita e o respecto entre eles e ofrecido, na fraternidade, a tódolas demais familias.
Neles invítasenos a nós a ser tamén berce de agarimo e escoita nas nosas familias, de xeito que sabéndonos escoitar, vaiamos construíndo unhas relacións de colaboración, axuda, fraternidade e amor.
Que acollendo este proxecto de vida familiar que descubrimos na familia de Nazaret, sexamos tamén nós portadores e portadoras de Boa Nova de xenerosidade, colaboración, misericordia e gratitude no medio das nosas familias.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque non sempre nos esforzamos para que as nosas familias sexan berce de amor. SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA AGRADECIDO.

·      Polas veces nas que non somos capaces de dicir quérote á xente das nosas familia. CRISTO, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA AGRADECIDO.

·      Por non saber facer da unión vínculo do noso amor familiar. SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN SEXA AGRADECIDO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

O Señor honrou ó pai máis cós fillos

e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.

Quen honra a seu pai redime as culpas.

Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.

Quen honra a seu pai gozará dos fillos

e cando vaia pregar será atendido.

O que respecta ó pai terá vida longa

e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai

Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,

non o desatendas nos días da túa vida.

Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento

e non o aldraxes todo o tempo que viva.

O ben que se lle faga a un pai non será borrado,

hache valer coma compensación do pecado. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.

Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.

Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.

Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor (pois así está escrito na Lei do Señor: Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor), e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños.

Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.

Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:

‑Agora podes, Señor, segundo a túa promesa,

despedir en paz o teu servo,

porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,

o que preparaches para tódolos  pobos:

luz de revelación para os xentís

e gloria do teu pobo Israel.

O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

‑Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.

Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxún e oracións. Presentándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con el. Palabra do Señor.

 

 

PALABRA REMOÍDA

 

·       A festa da Sagrada Familia invítanos a contemplar a Xosé e a María como crentes da primeira hora que escoitan a invitación de Deus a fundar un fogar no que a coller a Xesús, Palabra feita humanidade; Deus encarnado nun mundo precisado de sanación e misericordia; “En Nazaret xurdiu a primavera da vida humana". Xesús, xestado no seo dunha muller, convértese en presenza permanente de Deus no medio do noso mundo tan precisado de fraternidade e respecto; un mundo no que o entendemento e o camiño compartido superen a tentación da violencia e o enfrontamento; un mundo no que se faga crible que a “noite de paz e amor”, é posible ila construíndo, non sen dificultades, para que agrome no corazón e na vida das persoas vida e amor e non morte e guerra. Entre as acolledoras paredes das nosas casas e das casas de tódalas familias, construamos berces de acollida e escolas de aprendizaxe para o amor, desde o respecto e a pluralidade, que mostren a “tenrura de Deus"

·       Un dos maiores males que afectan á nosa sociedade é o individualismo insolidario e sempre falto de humanidade, que nos leva a poñer ao noso propio ego, como o único e autosuficiente, sen ter en conta o que viven, pasan ou senten as demais persoas, especialmente as que están máis preto. Dando lugar a unha forma de pobreza emocional, consecuencia do illamento. Fronte disto, a experiencia da comuñón familiar é un verdadeiro remedio contra este mal tan característico do noso tempo, xa que “a familia, fundada e vivificada polo amor, é unha comunidade de persoas”. O que nos esixe a todas e todos nós, un esforzo constante para facer da comuñón familiar verdadeira escola de entendemento, escoita e diálogo.

 

·       Que coma Simeón, tamén nós saibamos agradecer e valorar o don de ter unha familia asentada nos valores daquel Neno nacido indefenso e necesitado, pero que veu traer luz para iluminar camiñar, forza para superar dificultades, e esperanza para nos deixarse derrotar nin dominar pola tristura, o desacougo e a desesperanza. Sexamos persoas agradecidas a este Deus amor, por poñer ao noso carón xente de ben que nos dá mostras de amor e misericordia tendéndonos as súas mans e ofrecéndonos un oco nos seus corazóns, para que nunca nos sintamos familias desamparadas diante dos problemas e dificultades que a vida nos vai traendo. Que nas nosas familias nos esforcemos por construír berces de aloumiño e xenerosidade.

.PARA ORAR EN COMUNIDADE

Preguemos, irmáns e irmás, a Deus Pai, aperta acolledora de tódalas familias, e digámoslle: GRAZAS POR ACOLLERNOS E AGARIMARNOS NO TEU COLO.

·       Para que a Igrexa sexa fogar e berce onde atopemos acollida, acompañamento e xenerosidade. Oremos. Grazas por acollernos e agarimarnos no teu colo.

·       Polas familias cristiás, especialmente polas familias das nosas comunidades parroquiais, para que sexan sempre portadoras de Boa Nova de perdón e misericordia . Oremos. Grazas por acollernos e agarimarnos no teu colo.

·       Polas familias que están a pasar por momentos de dificultade, desencontro ou ruptura, para que non sintan nunca que lles damos as costas diante das súas dificultades e atopen en nós oídos que os escoiten, mans e que os acollan e pés que as axuden a volver a camiñar.

Oremos. Grazas por acollernos e agarimarnos no teu colo.

Pai Bo; grazas por escoitar, compartir e acompañar a nosa oración comunitaria neste día da Sagrada Familia e de tódalas familias. Por Cristo o noso Señor. Amén.

ACOUGANDO NO SILENCIO DO CORAZÓN

Deus Pai, que na Sagrada Familia nos deches un modelo de vida,
de fe e obediencia a túa vontade.
Dámosche grazas polas nosas familias e rogámosche
que nos concedas a fortaleza para permanecer unidos no amor,
na xenerosidade e na ledicia de vivir xuntos.
Señor Xesús, que creciches no fogar de Nazaret,
pedímosche que nos axudes
a cumprir a nosa misión de transmitir a fe que herdamos dos nosos maiores.
Abre os corazóns nos fillos para que floreza neles
a semente da fe que recibiron no bautismo.
Fortalece a fe dos mozos e axúdalles a descubrir a súa vocación.
Espírito Santo, aumenta o amor e conserva a fidelidade
en tódolos matrimonios: guía a aqueles que teñen dificultades
para que poidan superalas permanecendo unidos na caridade.
Pedímoscho pola intercesión da Sagrada Familia,
Espello desde o que loitar ante as dificultades,
e camiñar na escoita e no diálogo familiar. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...