Ir al contenido principal

4 advento 2023

 

Advento, tempo de Xenerosidade

Sinal de Advento.- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade

Cantos

         Entrada.-  Volve, Señor ( 90 )

Lecturas.- Benaventurados ( 119  )

Ofertorio.-  Velaqui Señor o viño ( 37)

Comuñón.-  Xesús chamado amigo  ( 89 )

Abrindo o corazón

Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida.
Unámonos logo par compartir e agradecer esta confianza que Deus segue a poñer cada día en nós.

Misericordia compartida

· Polas veces nas que non temos sido persoas xenerosas. Señor, espértanos e transfórmanos.
· Polas veces nas que nos temos enganado a nós mesmos con falsas ilusións. Cristo, espértanos e transfórmanos.
· Polas veces nas que non fomos quen de dicir si a túa invitación de converternos das nosas amarguras. Señor, espértanos e transfórmanos.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL

Instalado o rei David na súa casa, e como o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, díxolle el ó profeta Natán:  “Repara que eu estou instalado nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda”. Natán respondeulle ó rei:  “Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo”.

Pero aquela mesma noite veulle a Natán esta palabra do Señor:  “Vai e dille ó meu servo David que isto di o Señor: ¿vasme edificar unha casa para que eu habite nela?

Eu saqueite das mandas, de detrás dos rabaños, para que fóses o xefe do meu pobo Israel. Estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. E dareiche un nome tan grande coma o dos grandes da terra.

Eu fixarei tamén un posto para o meu pobo Israel. Eu plantareino e el vivirá alí sen sobresaltos. Non volverán asoballalo os fillos da iniquidade, como fixeron á primeira, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Dareiche o repouso de tódolos inimigos e, por parte, o Señor anúnciache que che dará unha dinastía.

Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. Eu serei para el un pai e el será para min un fillo.

 A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presencia para sempre, o teu trono manterase firme eternamente”. Palabra do Señor. Grazas a Deus

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:

A aquel que é potente para vos afianzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme a revelación do misterio escondido durante tempos eternos, pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a tódalas nacións para as levar á obediencia da fe, a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

Entrando onde estaba ela, díxolle:  Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:  Non teñas medo, María, porque ti atopaches gracia ante Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe, e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ó anxo:  ¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

O anxo replicoulle:  O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

María contestou:  Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches. E o anxo marchou de onda ela. Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

·       Facer o que temos no corazón.-  Un dos aspectos da nosa vida, ao que non sempre lle prestamos a atención debida, é aprender a escoitar o corazón. Non os latexos, que iso si o facemos moitas veces, senón escoitar como sente, como vive, co que se aleda ou se entristece, como ama, como marca distancias... todas esas experiencias e vivencias polas que todas e todos nós pasmos, e que precisan ser escoitadas para saber que fondura, que forza, que nos levan a facer, ou non, na e coa nosa vida. O corazón, como ámbito dos nosos sentimentos e das nosas capacidades de ser e actuar de maneira humana. Actuar con corazón de carne, temos escoitado moitas veces ao longo deste Advento, supón ter capacidade de pensar nas persoas, de preocuparnos delas, de facerlle a vida mellor e máis agradable... todo o contrario co actuar con corazón de pedra, con corazón endurecido. Que nos fai insensibles, egoístas, soberbios, e en non poucas veces fríos e calculadores cando tratamos demais. Por iso, Advento é tarefa permanente de enchernos de todo canto nos fai sentir verdadeiramente irmáns e irmás que, compartindo a confianza e esperanza no mesmo Deus, somos quen de convertela en xenerosidade e solidariedade reais para con quen  sabemos que pode estar a precisar de nós.

·       O Señor está contigo.- E neste esforzo nunca estamos nin sos nin ao noso aire. Como lle ocorreu con María,o Señor vai sendo o gran compañeiro que esperamos que chegue a nós e ao noso corazón sempre, pero moi especialmente neste remate do Advento. Para facernos esta espera verdadeiramente gozosa e transformadora, o evanxeo de hoxe móstranos a María como aquela muller que non desespera, que sabe ter paciencia – témola nós?- non se deixa vencer pola preguiza nin tampouco se cre a “ super woman” que o vai superar todo. Non, ela sabe que por si sola non terá a forza suficiente, por iso non dubida en poñerse na man e baixo o amparo de Deus. E cando o anxo lle confirma que, por moi difícil, e si que o era, a tarefa a desenvolver, non ía estra sola neste camiñar. E do mesmo xeito que María, tampouco nós, por dura que sexa a vida, estaremos nunca sos para afrontar retos e dificultades. Deus sempre está. Confiemos nel, poñámonos na súa man, abrámoslle o corazón, e non deixemos nunca de agradecer a súa presenza. Porque se nós non confiamos, se non somos quen de entender que é Deus o que sae ao noso encontro, e non nós os que merecemos a súa presenza por ser bos, mellores ou cumpridores, non seremos capaces de acoller e encontrarnos co Neno que chega.

·       Cúmprase en min o que dixeches.-  Porque se algo nos queda claro hoxe no parágrafo final do evanxeo, e que María si que entendeu. Ela deuse conta de que non era a protagonista, que o protagonista sempre é Deus, que El é o que toma  a iniciativa, que El e o que nos pon no camiño, que é El o que nos move, alenta e acompaña. Volvamos a vista a María e tentemos facer do noso camiño, un camiño que sexa capaz de seguir a s pegadas de María. Señora do si convencido e comprometido na xenerosidade.

Oración compartida

Abríndonos á xenerosidade dun Deus que sae ao noso encontro a tendernos a man, rezamos comunitariamente dicindo: Grazas, polo testemuño xeneroso de María.

·      Para que entre todas e todos saibamos facer da Igrexa  colo de acollida e xenerosidade ao estilo de María, Señor do Advento. Oremos.  Grazas, polo testemuño xeneroso de María.

·      Para que como comunidades parroquiais saibamos aproveitar o tempo facendo todo canto leva a vivir nunca cultura do encontra, da cercanía, da amabilidade e do diálogo fraterno. Oremos.  Grazas, polo testemuño xeneroso de María.

·      Para que en todas e todos nós, este tempo de Advento preparación gozosa para o nadal, teñamos deixado atrás as actitudes que non nos achegan, senón que nos separan do proxecto de amor de Deus. Oremos.  Grazas, polo testemuño xeneroso de María.

Señor, aléntanos neste noso camiñar cotián para deixar atrás todo canto non nos axuda a ser felices nin verdadeiramente irmáns e irmás. Amén.

Aloumiño de conversión

         O amor non se esixe. Non hai condicións, nin garantías. Non hai seguridade, nin certeza. A resposta pode ser a que esperas. Ou pode ser rexeitamento, que ten moitos rostros, moitos ritmos, moitos momentos, e moitas explicacións. Quizais arriscar te acabe enchéndote de alegría. Ou deixarate feito polvo. Hai quen na túa vida doe. O reto é seguir sendo humano. Non pecharte detrás dos muros da indiferenza ou a dureza. Pero é comprensible esa distancia de quen sufriu abandono...” ( J.Mª Olaizola)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...