Ir al contenido principal

Festa da Inmaculada Concepción 2023

Que como María, non teñamos medo das nosas  fraxilidades

Cantos

Entrada.- Xa nos tés aquí (71)

Lecturas.-  Cantade ó señor ( 23)

Ofertorio.- Coa nosa naiciña do Ceo ( 69 )

Comuñón.- Salve, Virxe bendita María (76.B )

Abrindo o corazón

Avanzando o tempo de Advento o calendario litúrxico invítanos a celebrar a festa da Inmaculada Concepción , unha festa na se nos invita a achegarnos a María desde o seu ser muller crente, para que sabendo ler os sinais de esperanza desde os que ela vivía a súa fidelidade a Deus, móstranos a importancia de non ter medo das propias fraxilidades , e mesmo dos noso erros. O Deus que cada día nos vai chamando a dar razón da nosa alegría e do noso compromiso pola igualdade e o respecto das persoas, móstranos desde María, que non é soberbia senón a debilidade a que nos fai máis fortes. Asumir que somos fráxiles e que nos precisamos unhas persoas a outras vainos abrindo camiño de  unión e participación.

         Dispoñámonos entón a compartir este día de festa na honra da nai de Xesús e máis da Igrexa, María de Nazaret.

Misericordia compartida

·      Por non querer mostra que somos persoas fráxiles e necesitadas unhas das outras. Señor, que como María non teñamos medo.

·      Por non saber saír na procura de quen sofre e vive na soidade. Cristo, que como María non teñamos medo.

·      Por non dar aprendido que só na sinxeleza e na humildade podemos ser felices. Señor, que como María non teñamos medo.

Palabra proclamada

Palabra recollida no libro da Xénese

Mais El chamou polo home, preguntándolle: "Onde estás?" Respondeu o home: "Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".

Preguntoulle o Señor Deus: "Quen che dixo que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?"

Respondeulle o home: "A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín".

O Señor Deus díxolle á muller: "Que é o que fixeches?" E a muller respondeu: "A serpe enganoume, e comín". Entón o Señor Deus díxolle á serpe: "Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".

O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven. O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

Proclamación da Palabra recollida na carta de Paulo aos Efesios 

Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.

El decidiu xa daquela facernos fillos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloriosa benquerenza, coa que nos agraciou no Fillo amado.

Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo. Palabra do Señor. Grazas a Deus

Proclamación do Evanxeo segundo Lucas  

Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

Entrando onde estaba ela, díxolle:

Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:

Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe, e o seu reinado non terá fin.

 María respondeulle ó anxo:

¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

O anxo replicoulle:

O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

María contestou:

Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.

E o anxo marchou de onda ela. Palabra do Señor. 

Palabra remoída

 “ A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín”. Esta frase que escoitabamos na primeira lectura móstranos como, xa desde o principio, falar de muller e de culpabilidade eran dúas cousas que ían unidas. Adán non se para a pensar que fora el o que comera, e que o fixera porque el así o quixo, que fora unha decisión libre e persoal del, non. Élle moito máis doado , para desculpabilizarse el, culpabilizar á muller. Vemos logo como, xa desde o principio, culpar e facer de menos á muller cando as cousas non van ben, comezaba a ser un retrousiño de patriarcado no que o home era/é quen sempre sabe, coñece, acerta, escolle ben... e a muller non. E daqueles lodos vimos á situación actual, onde tamén é máis doado botarlle a culpa á muller do que se fai mal: crianza, ausencia de traballo, maltrato, violencia... que asumir que se non somos quen de tratarnos con igualdade e respecto, nunca, nunca seremos quen de ver as cousas desde a mirada de Deus. Adán excúlpase, e para facelo cúlpaa a ela. Que pasa hoxe cando seguimos dicindo: mira que a avisei, mira que lle dixen, mira que... precisamos aínda moito traxecto para que asumamos e integramos que a igualdade esixe respecto e mirada , non por riba, senón á mesma altura entre homes e mulleres que se non poñemos  esforzo e compromiso para que iso sexa así, seguirá habendo comportamentos machistas - micros e macros – e moitas mortes cada día.

 

E isto que estamos a dicir á luz da palabra que vimos de escoitar, non é unha moda, unha modernidade, un retrouso froito da manipulación da realidade nin do poder da muller e a súa ansia de mando. Tampouco é a volta a todo o contrario do que noutro tempo foi, senón que quere ser unha invitación, neste día no que celebramos que María foi elixida por Deus por ser muller e crente, para levar no seu seo a quen viu traer un proxecto de salvación e esperanza nun mundo cheo de tristura e violencia, a harmonizar un mundo non desde extremos irreconciliables, senón desde camiños a percorrer xunt@s – sinodalmente, como adoita dicir Francisco-. Porque se Deus é un Deus de paz e xustiza, como podemos xustificar que nos dividamos entre fortes e débiles, para que sexan os primeiros os que manden, impoñan, decidan... e as outras calen, obedecen e soporten? Se somos quen de romper rutinas e costumes, e de achegarnos á palabra de Deus sen prexuízos culturais, iremos descubrindo que se falamos de Deus estamos a falar Daquel que non fai diferenzas entre os e as, Daquel que urxe a construír en relación e enriquecemento mutuo e non en oposición e vinganza. O Deus cuxa fe confesamos cando rezamos o credo é un Deus de iguais para iguais e entre iguais. Por que entón nos empeñemos en levarlle a contra? 

Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo ...Non teñas medo   ”. Porque nós queremos compartir, como fixo María, a alegría da mensaxe recibida, tampouco temos medo de abordar o cambio de actitudes que nos fagan que reflexión e corazón se convertan nun actuar respectuoso, igualitario, colaborador e sempre construtivo de todo canto faga posible  que desde tódolos ámbitos da realidade nos que nós estamos: familia, Igrexa, barrio, traballo, amizades..., todas e  todos sexamos sempre quen de, con alegría e sen falsidades, esforzarnos por non discriminar, por non exercer poder sobre as demais pensando que somos nós os fortes e elas as débiles, por asumir que todas e todos somos fráxiles e precisámonos. E que mellor que achegarnos a María para que, aprendendo dela, constrúamos camiños que fagan do proxecto de Xesús igualdade compartida e unidade celebrada.

Oración compartida

            Na festa de María, muller, nai e crente, agradecemos a Deus o seu testemuño dicindoSeñor, que en María atopemos acollida e esperanza.

·       Para que a Igrexa, seguindo o testemuño de María, saiba dicir si a canto busque a igualdade, o respecto e o entendemento entre as persoas. Oremos. Señor, que en María atopemos acollida e esperanza.

·       Para que nas nosas comunidades parroquiais saibamos axudarnos e acompañarnos desde a fraxilidade compartida. Oremos. Señor, que en María atopemos acollida e esperanza.

·       Para que  todas e todos nós, non deixemos nunca de esforzarnos e traballar por non facer diferenzas no trato entre nós, buscando sempre camiños de entendemento, e non de violencia nin de exclusións, entre todas e todos nós. Oremos . Señor, que en María atopemos acollida e esperanza .

·       Por tódalas mulleres que hoxe , nesta festa de María, celebran o seu santo, para que tenten facer da súa vida colaboración, participación, axuda e sororidade. Oremos. Señor, que en María atopemos acollida e esperanza.

Señor, que como María saibamos reconverter as nosas fraxilidades en experiencia e tempo de unión, de xeito que a forza de moitas e moitos de nós supere as nosas fraxilidades individuais. Amén. 

Aloumiño de conversión

"Celebrar a María é celebrar a achega e a tenrura de Deus que se atopa co seu pobo, que non nos deixa sos, que nos deu unha Nai que nos coida e acompaña. É celebrar a achega de Deus porque o estilo de Deus é achega, compaixón e tenrura. Así ama Deus e vendo a María un entende a achega de Deus, a compaixón de Dios nunha Nai e a tenrura de Deus".

         Co poder do Resucitado, María quere parir un mundo onde todos son irmáns e irmás, onde haxa sitio para cada persoa descartada das nosas cidades, onde resplandezan a xustiza e a paz. Para ela non hai descarte. Ela é a nai das persoas descartadas, das que nós descartamos, porque vai alí buscalas. E como nai sabe escoitar tantas cousas, tantas  peticións, mesmo cando nacen dun corazón inxusto que fai dano. Ela é a Señora da escoita” . ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...