Ir al contenido principal

Santa María 2024

 SANTA MARÍA, NAI DE DEUS

A FAMILIA HUMANA, COMUNIDADE DE PAZ

CANTOS

*      Panxoliñas

BENDICIÓN AO COMEZO

¨    Que Deus nos bendiga todos os días do ano

¨    Que Deus nos sorría todos os días do ano

¨    Que Deus se fixe en nós todos os días do ano

¨    Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano

OLLOS ABERTOS

Hoxe, que comezamos un novo ano, a Igrexa celebra a Xornada Mundial da Paz. No medio dunha humanidade envolta en tantas guerras e conflitos, a Igrexa, nós, queremos comezar o aninovo volvendo os nosos ollos cara ó Neno que vén de nacer e que nos trae a paz verdadeira. E elevamos cara ese Deus Neno unha oración pola paz para que toque os nosos corazóns e nos axude a botar fora deles os obstáculos que lle poñemos á xustiza e á paz; porque co corazón cheo de xenreira, de condena, de intolerancia ou dogmatismo nunca poderemos aportar paz á convivencia entre as persoas.

E facémolo desde a mellor das mediadoras: María, Raíña da Paz baixo cuxa protección poñemos este novo ano 2024 que hoxe comezamos.

CO CORAZÓN MAGOADO

*      Porque falamos de paz en abstracto; pero non somos capaces de falarlle ou darlle a man a quen temos máis preto; SEÑOR, TI ES A NOSA PAZ.

*      Porque estamos ben lonxe de sentir a terra coma a casa común que nos deches para que a habitemos con creatividade e responsabilidade, CRISTO, TI ES A NOSA PAZ.

*      Porque non utilizamos unha linguaxe de paz na nosa vida cotiá, coas nosas familias, cos nosos compañeiros de traballo, cos nosos veciños e amigos, SEÑOR, TI ES A NOSA PAZ.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

O Señor faloulle a Moisés:

-       "Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: Que o Señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos".

Palabra do Señor

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS GÁLATAS

Mais así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei e para que recibísemos a filiación.

A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.

Palabra do Señor

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Os pastores foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores.

María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.

Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

Palabra do Señor                 Grazas a Deus

PALABRA REMOÍDA

Ao comezar o ano, comprometémonos a traballar pola paz en tres ámbitos ou aspectos:

*      PAZ INDIVIDUAL

ü Paz para cada un e cada unha de nós, porque non somos persoas pacíficas nin pacificadoras, senón que sentimos odios e violencia. Se non temos paz interior non poderemos transmitila. Non nos aceptamos a nós mesmos, andamos frustrados, acomplexados, desacougados… Temos violencia e agresividade en cantidades industriais; deseguida se nos escapa a palabra ferinte, o xesto contrariado, o ton elevado, o insulto fácil… Por iso, o primeiro banzo sería o de aceptarnos e querernos humilde e sinxelamente, e sentirnos queridas e queridos por Deus.

*      PAZ NA SOCIEDADE

ü Gaza, Ucraína, Sudán... O mundo está en guerra. Somos conscientes da cantidade de muros de todo tipo que hai que derrubar para que a paz progrese no mundo: muros económicos, políticos, raciais, culturais, muros de incomprensión, de insolidariedade, de inxustiza, de egoísmo… Se pousamos os nosos ollos na sociedade na que vivimos, decatarémonos de que falla paz, de que falla amor, de que falla humanidade. O ton de vida é agreo e resentido. E nós…. facemos algo para que isto mude ou aínda contribuímos a quentar máis o ambiente?.

*      PAZ EN TODA A CREACIÓN

ü Pero non basta con estar en paz coas persoas, senón que tamén debemos estar en paz coa natureza; pois a paz está ameazada tamén pola nosa falta de respecto cara á terra, pola explotación desordenada dos seus recursos, polo deterioro da calidade de vida. O cambio climático está aí... ou aínda o seguimos negando? O arco da vella da paz debe abranguer tamén á creación enteira, pois debemos ter claro que a destrución ou o abuso desconsiderado da natureza constitúe un problema de índole moral. Non somos os donos, senón os coidadores do mundo, non só non debemos destruílo nin contaminalo, senón que temos que traballar por deixalo máis limpo e habitable.

Paz con nós mesmos, paz cos demais, paz coa creación… Velaí o reto que Deus pon diante dos nosos ollos neste primeiro día do ano. Seremos quen de facelo noso?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na festa de Santa María, e neste comezo de ano que nos volve falar outra vez de paz, sentímonos fondamente achegados uns aos outros para dicirlle a Deus

                                    BENDÍCENOS COA TÚA PAZ

  • Pola paz do mundo, para que o Espírito mova os corazóns de todas as persoas cara á reconciliación, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, que ten como froito a paz, OREMOS. BENDÍCENOS COA TÚA PAZ
  • Polas persoas que teñen responsabilidades en calquera ámbito, para que traballen sempre polo ben común, froito da xustiza, OREMOS. BENDÍCENOS COA TÚA PAZ
  • Por unha Igrexa viva, aberta, solidaria e pacífica, que saiba acoller e que non fomente nunca o pensamento único e a obediencia cega. OREMOS. BENDÍCENOS COA TÚA PAZ
  • Por unhas comunidades cristiás que, asentadas sobra a forza da paz e o camiño da non violencia, saben ser testemuñas de encontro, perdón e tolerancia no medio dos enfrontamentos dunha sociedade que moitas veces se esquece de Deus. OREMOS. BENDÍCENOS COA TÚA PAZ

·       Por nós, que hoxe queremos comezar este novo ano cheos de proxectos, ilusións e esperanzas, para que co paso dos días non nos deixemos levar da frustracións da desesperanza e da incapacidade da non consecución das metas trazadas. OREMOS. BENDÍCENOS COA TÚA PAZ

Señor, escoita as oracións que che vimos de presentar e todas aquelas que levamos dentro do noso corazón. Bendice as nosas vidas, e as daqueles que queremos ao longo deste ano que hoxe comezamos. Pedímoscho por Xesucristo, noso Señor. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Deséxoche, no comezo dun novo ano:

Que Deus te mire e te envolva.

Que Deus alegre o teu corazón.

Que te encha de paz e de alegría.

Que che dea sabedoría para entender a vida como entrega.

Que che dea novidade para facer de cada día algo novo, non unha triste rutina.

Que te encha de forza nos días grises e de cansazo.

Que che dea tanto amor que non midas a entrega.

Que che conceda delicadeza para facer do amor «detalles de amor».

Que che dea sensibilidade para ler os murmurios secretos do corazón.

Que sexa o teu horizonte e a túa fonte.

Deséxoche:

Que Deus Pai e Nai, recree cada día a túa vida.

Que Deus Fillo, sande e cure as feridas que te encerran en ti mesmo.

Que Deus Espírito Santo, avive en ti todo o que Xesús nos dixo e nos deixou como signo de Vida Nova.

Deséxoche:

Que todos estes desexos poidan ser unha realidade na vida de cada día.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...