Ir al contenido principal

24 domingo TO B 2024

 OBRAS SON AMORES E NON BOAS RAZÓNS!!!!!

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
  • LECTURAS: Douvos un mandato novo (Nº 18) 
  • OFERTORIO: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
  • COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

OLLOS ABERTOS

Santiago na carta que imos proclamar hoxe e Xesús no evanxeo convídannos a poñer os ollos no importante, no fundamental da nosa fe. Si, porque unha fe que non se traduza en obras; unha fe que non se exprese a través da linguaxe do coidado e da acollida; unha fe que non se viva desde a defensa da dignidade da persoa; unha fe que non sexa liberadora.... non é fe, senón intolerancia e dogmatismo. Porque Deus non cansa de dicirnos que nin o medo nin o poder, tampouco a desconfianza e a dependencia caben nunha fe madura. Se El nos creou persoas libres e iguais en dignidade, non podemos deixarnos levar nin do costume nin da inercia á hora de vivir a nosa fe.
Hoxe Xesús no Evanxeo fainos unha pregunta clara e concisa: como a miña fe me fai mellor persoa alí onde estou: familia, traballo, veciñanza....

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque moitas veces sentimos vergoña á hora de confesar a nosa fe; SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Porque dicimos que somos persoas crentes; pero as nosas palabras e os nosos feitos son moitas veces contrarios á fe que profesamos, CRISTO, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Porque moitas veces confundimos fe con fanatismo; SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Señor Iavé abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
O que defende a miña causa está cerca.
¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.
O Señor Iavé axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?

Palabra do Señor. 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
Pode dicir alguén: "ti tes a fe, eu teño os feitos". ‑Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostrar a miña fe.

 

Palabra do Señor. 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
- ¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
- Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.
El preguntoulles a eles:
- ¿E vós, quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
- Ti es o Mesías.
E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.
Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:
- ¡Arreda de min, Satán, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!
E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:
- Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.

Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

Nun mundo que cada vez se esquece máis de Deus, nun mundo no que constantemente é pisoteada a dignidade das persoas máis vulnerables; nun mundo cada vez máis individualista e violento; nun mundo no que os seres humanos estamos matando a casa común que é a terra; nun mundo no que a violencia e a crispación son o pan noso de cada día; un mundo.... Ten sentido crer en Deus? Nós estamos aquí xuntas e xuntos nesta mañá porque cremos que si. Parécenos que Deus é Alguén importante na nosa vida, Alguén con quen sempre podemos contar; Alguén que é compañeiro de camiño. E iso é así. Pero non podemos esquecer que a dimensión social da fe que profesamos pide, ou mellor esixe de nós, que esta fe se manifeste en obras, que esta fe dea froitos nesta sociedade que estamos construíndo e que ten tantas cousas que non nos gustan.
Por iso, o recadiño que Santiago lle envía aos destinatarios aos que lles escribe a súa carta, vén moi ben para que nunca esquezamos que ortodoxia e ortopraxe son dúas caras da mesma moeda. Porque claro, a tentación de reducir a fe ao ámbito das sancristías e dos templos, nos que nos atopamos moi a gusto, é moi grande. Pero sería unha fe morta, como ben di Santiago, se ao botar os pés fóra do templo deixamos nel ao Deus no que cremos para vivirmos nunha moral e unha vida sen Deus, explotando, insultando, calumniando, pisoteando a quen sexa con tal de conseguir poder.. Sabemos a teoría ao dedillo; repetímola como loros... pero queda só niso: en teoría.
Porén a nosa fe esixe de nós comportamentos, feitos e palabras que mariden ben con ela. Pedro confesa claramente que Xesús é o Mesías... pero cando El lle fai ver que iso suporalle entrega, sufrimento, renuncia.... bótase para atrás. Se cadra a nós moitas veces tamén nos pasa o mesmo: reducimos a fe ás celebracións, a rezos rutineiros... e esquecemos que ser crente é algo que levamos inserido no ADN do noso corazón e que ten que manifestarse sempre alí onde estamos.
Porque hoxe Xesús tamén nos está a preguntar quen son eu para ti?. Se cadra, as respostas serán moi variadas: un xuíz, un tapaburatos, un mago, un tolo, un irmán.... E esa resposta que nós deamos manifestará as nosas conviccións. Que sexamos quen de transmitir, de palabra e coas nosas obras, que Deus é alento e forza nun fermoso proxecto: sementar fraternidade desde a igualdade de todas as persoas.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos na man do Señor. El invítanos a pasar polo mundo enchéndoo de compromiso e esforzo para que ningunha persoa se sinta excluída. Por iso dicimos:
QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Pola Igrexa, para que nos esforcemos cada día por ser no medio do mundo palabra viva de amor e liberación, Oremos.
QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Polas nosas comunidades parroquiais, para que non esquezamos nunca que a fe sen as obras non é máis que un enganabobos, pero non compromiso sincero e solidario de amor, Oremos.
QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Por cada unha e cada un de nós, que recoñecemos a Xesús como Mesías, para que vaiamos pondo na nosa vida de cada día o noso esforzo na creación de recunchos de coidado e misericordia, Oremos.
QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO
Grazas, Señor, porque un día máis pos diante de nós un proxecto de amor que nos invitas a ir realizando cada día, para darlle así sentido a nosa vida. PXNS. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

Confesar que Xesús é o Mesías implica:
Aceptalo na nosa vida coma o enviado de Deus, que nos trae a salvación e a liberación definitivas de todas as nosas cativeces.
Non rendernos diante das dificultades da vida, pois temos a seguridade de que camiña ao noso carón.
Ser persoas sementadoras de paz e diálogo, deixando atrás crispacións, rivalidades e desencontros.
Apostar porque fronte ao desánimo e á desesperanza, outro mundo é posible, depende de nós.
Alento para facer dos lugares onde estamos (familia, traballo, parroquia, sociedade...) lugares de humanización.
Facer unha opción radical pola xente máis pobre e pequena da terra.
Mirar cada día coma unha páxina en branco, na que temos que deixar a nosa pegada.
Ilusionarnos diante de novos proxectos, camiños e opcións que nos desinstalan da nosa rutina e nos fan espertar do noso adormecemento.
Asumir que a nosa vida xa non é para nós, senón que é unha vida para os demais.
Ter presente que xustiza, igualdade, caridade, solidariedade, desenvolvemento, coherencia... son algo máis que palabras bonitas, son o xeito de vivir a nosa fe.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...