Ir al contenido principal

18 domingo TO C 2025

DEIXÉMONOS DE ANDRÓMENAS

 

CANTO GOZOSO

 

©     ENTRADA: Acharte presente na vida (Nº 51

©     LECTURAS: Como che cantarei (Nº 28)

©     OFERTORIO: Grazas, Señor graciñas (Nº 50)

©     COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)

 

OÍDOS PARA ESCOITAR

 

Comezando o mes de agosto, mes de vacacións, a nosa celebración invítanos hoxe a mirar cara dentro de nós para recoñecernos como persoas finitas, vulnerables, dependentes unhas de outras. “Nada máis ca un sopro, un lene sopro, un breve aire é todo” escoitaremos na primeira lectura. E esta sentencia que é tan real e que tan a miúdo repetimos cando as cousas veñen mal dadas, moitas veces non somos quen de integrala na nosa vida cotiá. Perdemos tempo e enerxía discutindo, atesourando, cobizando ou envexando cando a vida dura un instante e todo queda aquí.

Que a celebración que agora imos comezar nos axude a andar o único camiño que nos fai mellores persoas e persoas máis felices: o camiño da fraternidade e da sororidade.

 

CO CORAZÓN MAGOADO

 

§     Porque ás veces en lugar de “vivir coa suor da nosa fronte”, vivimos coa suor do de enfronte, explotando, utilizando e pisando aos demais, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.

§     Por non ter entendido que a nosa fe esixe de nós responsabilidade no eido do traballo, realizándoo dun xeito digno e serio, CRISTO, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.

§     Por ter malgastado o noso tempo en discusións, xenreiras e enfados estúpidos que non conducen a ningures, sen decatarnos de que somos efémeros e todo queda aquí, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.

UNHA PALABRA QUE DÁ VIDA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIASTÉS

 

Nada máis ca un sopro, un lene sopro, un breve aire é todo.

Pon por caso un home que lle debe o que gañou ao seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un grande sensentido e grande mal.

Abofé, ¿que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas ao maxín, traballando baixo o sol?.

"Dores todos os días,

molestias do seu bregar,

noites en branco matinando",

¡E isto sonvos tamén andrómenas!

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra. Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.

Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría.

Non mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos e vos revestistes do home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total. Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Díxolle entón un que estaba entre a xente:

-      Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

 

El contestoulle:

-      Home, ¿quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?

E logo díxolle á xente:

-      Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.

E propúxolles unha parábola:

-      As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: "¿Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!" Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: ¿para quen será todo o que fixeches?"

Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.

 

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

 

ð As andrómenas, é dicir, aquilo que se discorre para enganar ou despistar a alguén ás que facía referencia a primeira lectura que proclamamos están moi presentes na nosa sociedade e tamén na vida de todas e todos nós. Si, porque cantas veces tamén nós nos enganamos a nós mesmas e a nós mesmos? Cantas veces nos xustificamos para non comprometernos? Cantas escusas creamos para autoenganarnos e dicirnos que non temos tempo, que non podemos, que non vai con nós....? E como sociedade, cantas veces caemos nas redes do engano e do despiste que nos tenden as medias verdades ou as noticias falsas que escoitamos, vemos ou lemos nos medios de comunicación? Certamente, perdemos moita enerxía en cousas que non nos enchen, en cousas que fan que corra o reloxo do tempo pero que non son capaces de facernos medrar en humanidade. Malgastamos a nosa vida e o noso tempo cobizando, desexando ter máis: máis cartos, máis cousas, máis poder, máis... e non nos damos conta que iso non sacia a nosa sede, senón que nos converte en persoas aínda máis sedentas.

ð E todo para que?. Cantas loitas, envexas, egoísmos, xenreiras... polo que outras e outros teñen, para que non teñan, para logo descubrir que somos finias e finitos, para un tempo, e que a morte nos iguala a todas as persoas. Que lonxe estamos do que quería Xesús de nós!. Que as palabras que vimos de escoitar no evanxeo: ”necio, esta noite vanche esixir a vida”, nos fagan endereitar o noso rumbo para que logo non sexa demasiado tarde. E nós seguimos preocupados por encher os nosos celeiros….. Fáltanos evanxeo e sóbrannos tradicións. Cando aprenderemos!.

 

REZAMOS COMO COMUNIDADE

 

Presentemos a nosa oración a Deus, Pai-Nai de todas as persoas, para que alente e acompañe a nosa vida, dicindo:

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*      Pola Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados: adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*      Polas nosas comunidades, para que a riqueza, o posto de traballo ou o status económico nunca se convertan no raseiro polo que medimos e xulgamos ás persoas, senón que, pola contra, sempre teñamos as mans abertas para axudar ás que menos teñen, ás que pasan dificultades, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

*      Por todos e todas nós, para que saibamos redescubrir o traballo como camiño de realización persoal, e non coma unha canga pesada enriba dos nosos ombreiros, e así esteamos sempre dispostos a loitar pola dignificación do mundo laboral, OREMOS.

GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO

Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS.

 

MIRADA ESPERANZADA

 

Señor, danos forza 

para soportar as adversidades,

para non fraquear na loita,

para non crer ter chegado e sabelo todo.

Danos forza 

para aprender sempre dos demais,

para crer, buscar e traballar pola verdade,

para acompañar sen descanso.

Danos forza para vivir con sentido, sen medos,

para vivir como pensamos,

para pensar como vivimos.

Danos forza 

para cambiar o noso camiño se nos fai falla cambiar,

para non cambiar de camiño, se non nos fai falla cambiar,

para abrir novos camiños, se fai falla abrilos.

Danos forza

para dicir o que cremos,

para crer o que pensamos,

para darlle a man ao outro.

Danos forza para vivir como paga a pena vivir:

sen medos e dando a vida, que é tempo, esforzo, traballo e compaña.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...