Ir al contenido principal

30 domingo TO A 2026

 

O PRÓXIMO: O ÚNICO LUGAR DA TERRA ONDE DEUS SE DEIXA VER, TOCAR E AMAR.

CANTO GOZOSO

§  ENTRADA: Todos xuntos (Nº 56)

§  LECTURAS: Amigos nas penas

§  OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

§  COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

OLLOS ABERTOS

Paz e ben para todas e para todos!

Protexer á persoa forasteira, non oprimir a quen vive na fraxilidade, acoller a quen chega sen nada. Iso que parece tan moderno, quedou escrito hai miles de anos coma un fío vermello que nos une a todas as persoas crentes. E hoxe, o Evanxeo resume todo nunha soa orde: amar a Deus e amar ao próximo. Sen trampa nin cartón.

Porque de nada nos serve vir aquí a cumprir coa liturxia se fóra pechamos a porta á persoa que necesita axuda, a quen vén doutro país ou a quen sofre a soidade na nosa propia rúa. A fe que nos reúne hoxe esixe ter o corazón aberto, as mans dispostas e os pés ben firmes na terra.

Coma comunidade que busca aprender a vivir ao estilo de Xesús, empezamos esta celebración.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

© Pola comodidade coa que aceptamos un mundo inxusto mentres non toque o noso benestar, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALTA DE AMOR.

© Polas palabras bonitas que dicimos, pero que despois non se traducen nin en xestos nin en mans dispostas a axudar de verdade; CRISTO, PERDOA A NOSA FALTA DE AMOR.

© Porque separamos o amor a Deus do amor ao próximo, SEÑOR, PERDOA A NOSA FALTA DE AMOR.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

Di o Señor:

Non aflixirás nin asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.

Non oprimirás nin as viúvas nin os orfos. Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa. O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.

Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo, ó pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses. Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo, pois é o vestido que ten para cubrir o seu corpo. ¿Con que, se non, se taparía ó deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.

.PALABRA DO SEÑOR

 

SALMO RESPONSORIAL

 

Ámote, Señor, Ti es a miña forza

Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,

meu Deus, penedo onde me acollo,

o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.

Eu invoco ó Señor, o adorable,

e salvarame dos meus inimigos.

Ámote, Señor, Ti es a miña forza

Viva o Señor, bendita a miña rocha;

sexa exaltado Deus, o meu salvador,

o que lle dá ó rei grandes vitorias

e mostra misericordia ó seu unxido.

Ámote, Señor, Ti es a miña forza

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS TESALONICENSES

Irmás e irmáns:

Ben sabéde-lo que tal resultou se-la nosa actuación entre vós para o voso ben. E vós seguíste-lo noso exemplo e o do Señor e, anque houbo tantas dificultades, acolléste-la mensaxe coa alegría do Espírito Santo, ata chegardes a ser exemplo para tódolos crentes da Macedonia e da Acaia. Pois, partindo de vós, resoou a palabra do Señor non só na Macedonia e na Acaia, senón que a vosa fe en Deus resoou por todas partes, de xeito que non precisamos falar cousa. Eles mesmos contan cal foi a acollida que nos destes e como vos convertestes dos ídolos para servi-lo Deus vivo e verdadeiro, e para agardar desde o ceo, ó seu Fillo, a quen resucitou de entre os mortos, Xesús, quen nos libra da ira vindeira.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Os fariseos, ó se informaren de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:

-       Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

El respondeulle:

-       "Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mailos profetas.

 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

¬ A primeira lectura deste domingo pertence ao libro do Éxodo, o segundo libro da Biblia. Xa daquela estaba totalmente claro que quen non ten os pés na terra e a mirada posta na persoa empobrecida, non ten fe ningunha; ten un fetiche relixioso. Hai miles de anos, a lei de Deus non se medía polas velas que se prendían no altar, senón por algo moito máis concreto e perigoso: o trato cara á persoa forasteira que non ten onde caer morta, ante quen vive na viuvez e non ten quen saia na súa defensa, ou se lle sacas os cartos a quen xa non ten nin para comer. O Éxodo é implacable: quen se aproveita da fraxilidade allea ou mira para outro lado cando o sistema esmaga aos de abaixo, está atentando directamente contra Deus. A persoa forasteira e quen vive na fraxilidade son o tribunal que pon a proba se o noso estilo de vida é humano ou salvaxe. Protexer a quen está desamparado non é un favor que lle facemos: é o noso único salvavidas fronte ao cinismo e a indiferenza dun mundo que calcula todo polo beneficio propio. A xustiza social non é un invento moderno nin un engadido ideolóxico; é a obsesión orixinal da fe.

¬ Esa mesma provocación é a que Paulo atopa na comunidade de Tesalónica. Nun tempo saturado de discursos políticos, marketing e palabras baleiras, aquela xente entendeu que a fe non se explica nin se impón: a fe contáxiase ou estorba. Non tiñan influencias, nin recursos, nin estratexias de propaganda; o que tiñan era unha vida común tan coherente, tan libre de medo e tan escandalosamente acolledora que quen os vía arredor quedaba abraiado. Hoxe non temos un problema de falta de medios nin de discursos bonitos; temos un problema de falta de vida contaxiosa. A nosa comunidade só é crible cando se converte nun refuxio real onde calquera persoa encontra acollida sen ter que pasar ningún filtro.

¬ Por iso Xesús, no Evanxeo, desmonta de golpe a trampa de entender o amor como un sentimentalismo piadoso que non molesta a ninguén. Ao unir o amor a Deus e o amor ao próximo nunha soa orde, dinos claramente que o amor non é un sentimento: é unha decisión concreta e cotiá. Amar ao próximo é poñer o tempo, as mans e os recursos ao servizo do ben de quen sofre. Se o noso suposto "amor a Deus" non nos cambia a forma de mirar a quen cruza a nosa rúa, a forma de consumir ou o xeito de involucrarnos na xustiza social, non estamos amando a Deus: estamos adorando ao noso propio ego. O próximo non é unha escusa para gañar puntos no ceo; é o único lugar da terra onde Deus se deixa ver, tocar e amar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

A fe faise presente cando nos preocupamos de quen ninguén se preocupa. Unímonos hoxe para pedir por un mundo onde ningunha persoa quede á marxe e onde o coidado sexa a nosa única prioridade, dicindo:

QUE O AMOR SEXA O FÍO VERMELLO QUE NOS UNA.

1.     Pola Igrexa: para que teña a coraxe de abandonar a comodidade dos seus muros e sexa un espazo acolledor libre de prexuízos, OREMOS.

2.     Polas nosas comunidades: para que sexan redes de apoio mutuo que fagan fronte á indiferenza, á soidade e á inxustiza que nos rodean. OREMOS.

3.     Polas persoas migrantes e forasteiras: para que atopen na nosa sociedade dereitos, acollida digna e fraternidade real, e para que caian as fronteiras físicas e mentais que constrúe a nosa indiferenza. OREMOS.

Escoita, Deus da xustiza e da vida, estas intencións que nacen do noso compromiso cotián. Axúdanos a tecer con xestos reais ese amor, que é o fío vermello que nos une e nos salva. P.X.N.S. Amén.

ALENTO NO CAMIÑO

Deus da vida, da xustiza e da tenrura,

que non habitas en conceptos abstractos nin en templos pechados,

senón nas fendas do noso mundo

e no rostro de quen padece a inxustiza, a soidade ou o desterro:

Sacude a nosa indiferenza e non deixes que durmamos a conciencia.

Concede que as nosas mans sexan a túa acollida,

que a nosa comunidade sexa unha casa de portas abertas para todas e todos,

e que o noso día a día sexa a proba viva

de que a humanidade e a fraternidade son posibles.

Que o teu amor sexa, hoxe e sempre,

o fío vermello que sosteña a nosa fe,

teza a nosa unión nos camiños da vida

e transforme a nosa historia desde abaixo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...