“O SEÑOR É O REFUXIO DAS PERSOAS POBRES”
(X XORNADA MUNDIAL DAS PERSOAS POBRES)
CANTO GOZOSO
§ ENTRADA: Con ledicia vimos (Nº 3)
§ LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
§ OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)
§ COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
OLLOS ABERTOS
Cando xa albiscamos o fin deste ano litúrxico, a celebración deste domingo volve insistir na necesidade dunha Igrexa pobre e para as persoas pobres. Si, porque hoxe celebramos a X Xornada Mundial das Persoas Pobres, esa chamada directa que nos deixou Francisco para recordar que as persoas vulnerables, ademais de atopar refuxio en Deus, son tamén a mellor cátedra onde aprender a ser cristiás e cristiáns.Si, porque os talentos cos que Deus nos agasalla relocen de xeito singular nas persoas pobres, ás que moitas veces a nosa sociedade, o mundo do consumo, tenta apagar a súa luz e agochar a súa riqueza. Mais hai un par de domingos escoitabamos a primeira das benaventuranzas: ditosas as persoas pobres, porque delas é o Reino de Deus. Porque ser pobre non é só unha carencia, senón unha categoría teolóxica clara, o lugar onde Deus se fai presente e dende onde nos cuestiona.
Por iso, hoxe vimos recoñecer que a nosa maior covardía é enterrar os dons de quen menos ten. O verdadeiro talento que se nos pide non é acumular seguridades, senón romper os muros que impiden que a sabedoría, a resistencia e a dignidade das persoas pobres sacudan o noso confort e nos fagan, por fin, comunidade.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Polas veces nas que miramos ás persoas en situación de pobreza por riba do ombreiro, coma obxectos da nosa caridade e non coma irmás e irmáns con dons, sabedoría e dignidade para ensinar, SEÑOR, SEGUE A SER O NOSO REFUXIO.
· Por desconfiar dos talentos de quen non ten nin poder nin recursos, por esmagar a súa voz e por acaparar os dons coma se fosen propiedade nosa e non un agasallo para compartir, CRISTO, SEGUE A SER O NOSO REFUXIO.
· Polas veces nas que o medo a arriscar nos paraliza e preferimos soterrar a vida en lugar de traballar polo ben común, SEÑOR, SEGUE A SER O NOSO REFUXIO.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS PROVERBIOS
Unha muller xeitosa ¿quen a atopará?:
o seu valer supera o das perlas.
O seu marido pon nela a confianza
e non lle han faltar ganancias;
procúralle felicidade, e non desgracia,
tódolos días da súa vida.
Consegue lá e liño,
e traballa gustosa coas súas mans;
Bota as mans á roca
e os seus dedos manexan o fuso.
Tende a palma ó indixente
e achega as súas mans ó mendigo.
A gracia engana e a fermosura esvaece:
só a muller que teme ó Señor merece ser louvada.
¡Que falen por ela as obras das súas mans,
e os seus feitos lle dean honra na praza!
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
O Señor é o refuxio das persoas pobres
O tolo dixo no seu corazón: «Non hai Deus».
Son corruptos, fixeron obras abominables,
non hai quen faga o ben.
O Señor é o refuxio das persoas pobres
O Señor observa os homes desde o ceo,
para ver se hai algún asisado,
algún que pregunte por Deus.
O Señor é o refuxio das persoas pobres
Andan todos desviados,
non hai quen faga o ben.
¿Pero non aprenderán os malfeitores?
Engolen o meu pobo coma pan,
sen preguntar polo Señor.
O Señor é o refuxio das persoas pobres
Alá treman de pavor,
porque Deus está cos xustos.
Desprezades o proxecto dos pobres,
pero o Señor é o seu refuxio.
O Señor é o refuxio das persoas pobres
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS TESALONICENSES
Irmáns e irmás:
Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñámo-lo propio control.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos esta parábola:
É coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e déulle-lo coidado da súa facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
O cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a disfrutar da festa do teu señor". Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei". E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a disfrutar da festa do teu señor".
Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí te-lo que é teu". Pero o señor respondeulle: "¡Mal criado, lacazán! ¿Conque sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mailos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mailo renxer dos dentes".
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA REMOÍDA
· Paulo dicíalle á comunidade de Tesalónica e dinos hoxe tamén a nós algo que moitas veces esquecemos: somos fillas e fillos da luz, do dia e non da noite nin das tebras. Non nos está a falar dunha espiritualidade desencarnada, de anxos e seres celestiais, senón dunha corporeidade que implica ter os ollos ben abertos. Habitar na luz significa abrir os ollos. Non se pode ser seguidora ou seguidor de Xesús camiñando ás apalpadas mentres o mundo sofre e as persoas caen pola borda. Ser do día implica non mirar para outro lado.
· E esa luz, no Evanxeo de hoxe, tradúcese nunha parábola que tantas veces domesticamos: a dos talentos. Fálase de repartir talentos «a cadaquén segundo as súas capacidades». Pero imos a poñer os pés no chan: ¿cales son os nosos talentos? A nosa sociedade do rendemento diche que o teu talento é a túa produtividade, a túa capacidade de competir, de medrar, de acumular e de salvarte a ti mesma ou a ti mesmo... e os demais que espabilen!. Mais o Evanxeo rebenta esa lóxica neoliberal. Os talentos de Deus non son accións nun fondo de investimento espiritual. Son a vida, a enerxía, a capacidade de xerar comunidade e a sabedoría que se nos confía para poñela en común.
· O servo que enterra o talento non é un monstro malvado; é un inútil do medo. É o arquetipo da persoa —e da Igrexa— que se asusta, que prefire gardar a roupa, asegurar a súa parcela, pechar a porta con tranca e dicir: «Con isto que teño, vou tirando e non me comprometo con ninguén». No individualismo máis feroz, os talentos murchan e morren, porque o egoísmo é unha tumba de formigón.
· Hoxe, coincidindo coa X Xornada Mundial das Persoas Pobres, este Evanxeo ofrécenos unha clave de lectura incandescente. ¿Cal é o gran pecado do servo que soterra o talento? Non é só non gañar cartos para o amo; é non investir a vida nas persoas pobres e vulnerables. Os talentos máis auténticos —a verdadeira resiliencia, a capacidade de solidariedade radical, a dignidade que non se vende nin se subasta— non están nos despachos de poder, senón nas mans das persoas empobrecidas. O noso maior talento soterrado como comunidade e como Igrexa é a nosa incapacidade de poñernos a carón de quen non conta, de manchar as mans coa súa loita cotiá, de deixar que sexan elas quen nos ensinen a ser verdadeiramente cristiás e cristiáns. Porque alí, xunto a quen busca refuxio, é onde Deus nos agarda. Cómpre non esquecelo!
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Sabéndonos persoas custodias dos talentos que nos confías, presentamos a nosa oración desde a gratitude polo que imos construíndo en comunidade e dicimos:
GRAZAS POR REGALARNOS OS TEUS TALENTOS.
1. Grazas pola Igrexa, chamada a ser casa sempre aberta, luz contra a tebra e refuxio seguro para toda a humanidade, OREMOS.
GRAZAS POR REGALARNOS OS TEUS TALENTOS.
2. Grazas polas persoas que conforman as nosas comunidades, porque con elas aprendemos a traballar polo ben común e a construír fraternidade social, OREMOS.
GRAZAS POR REGALARNOS OS TEUS TALENTOS.
3. Grazas pola sabedoría, a resiliencia e a dignidade das persoas empobrecidas, que nos ensinan a verdade do Evanxeo e rompen os nosos esquemas de caridade paternalista, OREMOS.
GRAZAS POR REGALARNOS OS TEUS TALENTOS.
4. Grazas por todos os movementos e xestos de xustiza cotiá, porque fan alborexar a esperanza no noso mundo e botan abaixo a lóxica fría do rendemento, OREMOS.
SEÑOR, QUE NUNCA ESQUEZAMOS AOS NOSOS MAIORES
Deus das persoas empobrecidas, acolle esta oración que nace do noso corazón. Concédenos a valentía de non agochar a vida e de saber descubrir a túa luz en quen camiña ao noso lado. P.X.N.S. Amén.
ALENTO NO CAMIÑO
Señor, Deus de misericordia,
refuxio das persoas pobres e amparo das débiles,
ti escoitas o clamor de quen sofre
e sostés a esperanza de quen confía en ti.
Cando o mundo as esquece,
ti acóllelas con amor e recoñeces a súa dignidade.
Señor Xesús, que te fixeches pobre por nós,
abre os nosos ollos para recoñecer o teu rostro
en quen sofre a inxustiza e a exclusión.
Fai da túa Igrexa unha casa aberta e acolledora,
onde as persoas pobres atopen pan e amizade,
consolo, dignidade e esperanza.
Líbranos da indiferenza e do egoísmo.
Ensínanos a compartir os nosos bens,
a escoitar o clamor de quen o pasa mal
e a traballar por unha sociedade máis xusta e fraterna.
Que saibamos recoñecer nas persoas pobres
non só a irmáns e irmás que precisan a nosa axuda,
senón tamén a testemuñas de fe que nos evanxelizan.
Seguindo o exemplo de san Francisco e santa Clara de Asís,
ensínanos a camiñar pobres coas persoas pobres
e a descubrir a alegría de compartir a súa vida.
María, Nai das persoas pobres,
intercede por nós
para que as nosas comunidades sexan
un verdadeiro fogar para quen máis o necesita.
Que nunca esquezamos, Señor,
que ti es o refuxio da pobreza
e que tamén nós estamos chamadas e chamados
a ser refuxio para os nosos irmáns e irmás.
Comentarios