Ir al contenido principal

DOMINGO XVII TO

NON HAI POUCO QUE NON CHEGUE NIN MOITO QUE NON SE ACABE

PÓRTICO

    O relato da multiplicación dos pans e dos peixes que hoxe proclamaremos no evanxeo, constitúe unha boísima chamada de atención para tod@s @s que nos dicimos cristiáns e cristiás nestes tempos de crise, de esgotamento de recursos enerxéticos, de escaseza de traballo, de miseria nos pobos subdesenvolvidos... Pero, como resolver o problema da subsistencia de pobos enfrontados á escaseza e á falta de bens?. Certamente, non chegaría con douscentos denarios. E é que, como destaca moi afortunadamente a encíclica "Amor na verdade", que recentemente publicou o papa Bieito XVI, hoxe o desenvolvemento ten por nome a eficacia e a técnica e non a centralidade da persoa. Isto esta na orixe da actual crise económica, pois esquecida a persoa,... qué máis dá actuar dun xeito ou doutro?. O importante é obter rendibilidade e beneficios.

    Porén, hoxe estamos chamad@s a descubrir que a solución non está nos cartos, que crean novas dependencias de opresión e explotación. Hai unha solución máis sinxela, a que consiste en compartir cos necesitados o que temos cada un e cada unha de nós: o noso tempo, os nosos cartos, os nosos sorrisos, o noso agarimo, os nosos dons.

    Que a celebración que agora comezamos nos dea azos para sermos quen de descubrir que non hai pouco que non chegue nin moito que non se acabe.

O PERDÓN

  • Porque estragamos moito, e non valoramos o moito que temos, SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN LEVEDE SOLIDARIEDADE.
  • Porque somos incapaces de abrir a nosa man para dar fartura de amor, respecto, igualdade e preocupación polos demais, CRISTO, QUE O NOSO CORAZÓN LEVEDE SOLIDARIEDADE.
  • Porque esquecemos en demasiadas ocasións que a fe, o bautismo e a paternidade de Deus convértennos en comunidade sempre preocupada polo que lles pasa aos irmáns e ás irmás, SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN LEVEDE SOLIDARIEDADE.

REMUÍÑO

  • No noso mundo egoísta e autosuficiente, tanto ao servidor de Eliseo coma ao propio Filipe, poderíamos describilos coma persoas realistas, cos pés no chan: con tan pouco pan, non chega para tanta xente!!!!..... E claro, se funcionamos así a solución que se impón é contundente: se non hai para comezar, mellor non preocuparse!!!!. Esa é a nosa lóxica infantil e inmadura: se eu non son presidente de goberno nin teño ningunha responsabilidade política, social ou económica, qué vou facer diante de temas coma a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o deterioro do medio ambiente...... Botamos balóns fóra, rañamos os nosos petos cando hai unha colecta especial para os pobriños do terceiro mundo, mesmo derramamos algunha bágoa cando a televisión nos mostra a crúa realidade na que malviven...; pero, a outra cousa bolboreta!!!!: aos cinco segundos xa estamos pensando en ir ás rebaixas a mercar unha chea de cousas inútiles e que non precisamos.
  • Porén, a lóxica de Eliseo e a de Xesús é outra ben diferente: dá o que teñas, así haberá suficiente para todos e aínda sobrará...Por que nos custa tanto razoar así, por que se nos fai tan custa arriba?. Non será porque nos contaminamos nesta sociedade materialista e egoísta na que estamos acostumados ao intercambio: dou para que me dean, esquendo valor da gratuidade?. Esquecemos que mentres só deamos as sobras do que temos nunca conseguiremos que chegue para todos. Mentres non nos eduquemos na austeridade e no compartir, como moito chegaremos a tranquilizar enganosamente a nosa conciencia; pero seguirá a faltar o pan para moitas persoas. Basta con ser capaz de poñer o de un ao servizo dos que menos teñen e máis falta lles fai, para entender e vivir con coherencia a fe que dicimos ter. Tamén nós , á vista do que está a ocorrer na nosa sociedade, neste momento de dificultade e crise para cada vez máis persoas, especialmente no chamado mundo rico, precisamos hoxe profetas que nos digan, como fixo Eliseo, que necesitamos compartir, porque temos, e temos moito; e que nos digan tamén, que ademais de non saber aproveitar o que temos, estragamos. Por iso precisamos profetas que non cansen de repetirnos que así , por este camiño, só somos capaces de construír un mundo inxusto; e que non cansen de repetirnos que xa está ben de botarlle a culpa a outros: a Deus porque permite esta desigualdade e inxustiza; aos políticos, porque non xestionan ben o poder que teñen e porque son uns corruptos; aos ricos porque teñen moito e non se fixan nos que menos teñen; a… e cando nós faremos autocrítica?. Cando nos fixaremos no noso, sen escondernos en mirar o que fan os outros?. Cando recoñeceremos, honesta e sinceramente que podemos facer máis, pero que nos esforzamos pouco?. É verdade que nós non temos poder, que non somos dirixentes nin do Banco Mundial nin do Fondo Monetario, pero si sabemos que podemos abrir o corazón a outras persoas que agardan de nós moitas cousas, e non só materiais. Non esquezamos que o Deus cristián, o que nos xunta aquí hoxe, non cansa de dicir:"comerán e sobrará". Cando quereremos darnos conta?.
  • Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón?. O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos para compartilas cos irmáns e as irmás?.

Oración da comunidade

    Agradecid@s sempre polo pan da Eucaristía, pan de fraternidade, igualdade e solidariedade, poñemos agora baixo o teu amparo a nosa vida, para que a fagas forno quecido de amor e dicímosche xunt@s:

QUE NUNCA CANSEMOS DE ABRI-LA NOSA MAN CON FARTURA

  • Na Igrexa, Señor, esquecemos ás veces que as palabras tan fermosas que dicimos deben ir acompañadas sempre de feitos. Para que sexamos verdadeiras testemuñas do pan compartido e celebrado, Oremos.

QUE NUNCA CANSEMOS DE ABRI-LA NOSA MAN CON FARTURA

  • Nas nosas comunidades, Señor, o ritmo da nosa vivencia da fe e do noso compromiso comunitario veñen marcados, nunha grande maioría de veces, polo cansazo, a rutina e a falta de ilusión. Para que nunca esquezamos que só compartindo, inda que sexa pouco, chegaremos a descubrir o sentido da irmandade, OREMOS.

QUE NUNCA CANSEMOS DE ABRI-LA NOSA MAN CON FARTURA

  • En tempo de tanta fartura para uns poucos, e de moita escaseza para unha grande maioría, pedímosche, Señor, que saibamos deixar sempre na nosa vida un recuncho solidario a compartir o que nós temos: medios económicos, calidades, entusiasmos, esperanza... para ofrecerllo a tantas persoas ás que lles falta, OREMOS.

QUE NUNCA CANSEMOS DE ABRI-LA NOSA MAN CON FARTURA

Grazas, Señor, por ter compartido con nós o teu pan, pan de vida e plenitude. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Cun oído no pobo e outro no evanxeo,

para aprender a camiñar como Ti nos ensinaches ata entregar a vida.

Ao lado dos que sofren, que son tantos e cada vez máis,

compartindo a esperanza do pobo, sen temor a denunciar a inxustiza

e a erguer a voz polos que non a teñen.

Camiñar xunto aos que sofren, visitar a todos,

deterse a falar cos vellos, a escoitar a voz do pobo, perdón,

a voz de Deus que está no pobo:

nas súas preocupacións, nas súas aspiracións,

nos seus soños e esperanzas, nas súas loitas, e nos seus desexos.

Un oído para aprender a escoitar ao Xesús que camiña ao noso lado,

no que pasa fame ou sede, no que está nu ou enfermo,

no que está preso ou só, no que non consegue traballo

ou recibe un soldo de fame, no que non pode estudar,

e en tantos outros...

Axúdanos a abrir de par en par as portas do corazón

para facer sitio ao proxecto do teu Pai, que tan ben resumiches no Evanxeo de hoxe:

pan para partir, compartir e repartir. Amén.

Cantos

  • ENTRADA: Ti e-lo pan do ceo
  • LECTURAS: Quédate, Señor, connosco
  • OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
  • COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Ángel ha dicho que…
Boa tarde. Moi bo este Blog, hai poucos por non dicir ningún con este tipo de comentarios. Felicidades a quen o fai!!!
Gustariame saber qué canto é ise da Comuñón, o pouco que Deus nos da e tamén o da Lectura, quédate Señor connosco. Un saúdo

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Pascua 2025

  CANTO GOZOSO Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123) Na procesión cara ao templo : A Cristo cantamos (Nº 110) Lecturas 1ª Manda o teu Espírito (Nº 125) 2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33) 3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113) 3ª Dános un corazón 4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis) Aspersión: A auga do Señor (Nº 124) Ofertorio : Sementar, sementarei Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39) Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43) Paz : Que veña a paz (Nº 45) Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)  Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz SINAL No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección. COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos...