Ir al contenido principal

Domingo de Ramos


ESQUEMA DOMINGO DE RAMOS
 FÓRA DO TEMPLO
  • CANTO DE ENTRADA: QUE LEDICIA A MIÑA
  • SAÚDO
  • PÓRTICO
  • PROCLAMACIÓN DA PALABRA (Is. 50, 4-7)
  • CANTO: A TÚA PALABRA
  • BENDICIÓN DOS RAMOS
  • CANTO PROCESIONAL: CAMIÑANDO POLA VIDA

DENTRO DO TEMPLO
  • PERDÓN
  • GLORIA
  • ORACIÓN COLECTA
  • LECTURA DA PAIXÓN
  • REMUÍÑO
  • CREDO
  • ORACIÓN DA COMUNIDADE
  • OFERTORIO: GRAZAS, SEÑOR, NA MAÑÁ
  • PAZ: QUE VEÑA A PAZ
  • COMUÑÓN: NON VOU SO
  • REFLEXIÓN
  • BENDICIÓN

DOMINGO DE RAMOS
Que os ramos da acollida, rompan as cadeas da insolidariedade
(Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos).
CANTO: QUE LEDICIA A MIÑA
SAÚDO:
Quen preside: A paz, o ben e máis a xustiza de quen pasou polo mundo facendo o ben, estean con todas/os vós.
PÓRTICO
Abrimos o portelo que nos invita a entrar no gran misterio da fe cristiá: a Semana Santa. Son sete días coma os outros, si, pero non son nin o mesmo nin os mesmos. O portelo polo que imos tentar pasar non é un portelo calquera. Dános acceso á esperanza, á renovación e ao cambio; un cambio que pide unha cor distinta para as paredes da nosa vida. Unhas cores que deixaron xa hai moito tempo de ser grises e tristeiras, inda que nos sigamos empeñando no contrario, para ser as cores luminosas e ledas do Arco da Vella. Ese Arco da Vella no que Deus nos vai abrindo os brazos para acollernos, agarimarnos e facernos sitio. Que este Domingo de Ramos sexa verdadeiro portelo que nos leve a entrar nunha semana que ten a súa santidade non no calendario nin no cambio das lúas, senón no descubrimento de que Deus segue connosco, acompañándonos, gozando e sufrindo, pero sen deixarnos da man. Que ramos e palmas nos axuden a descubrir que unha fe que non esperanza e se renova, non é máis que rito empobrecido e baleiro.
PROCLAMACION DA PALABRA (Is. 50, 4-7)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
O Señor Deus concedeume lingua de discípulo para saber instruír ao cansado cunha palabra que o anime cada mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor Iavé abriu o meu oído, e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba. Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame, por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante, pois sei que non me avergonzarei.
PALABRA DO SEÑOR
CANTO: A TÚA PALABRA

 BENDICIÓN DOS RAMOS
En cada un das nosas parroquias, tamén nós, Señor, queremos acollerte con alegría e espírito de festa. Os ramos e palmas que hoxe traemos ofrecémoschos como mostra da nosa disposición a ser portadores de renovación, cambio e luz no medio do noso mundo; un mundo que está falto delas e no que ti nos invitas a estar dando testemuño de que é posible ser diferente e cambiar as cousas.
 Sabedores de que non imos estar nunca solos, facemos presente a túa bendición + de Pai que invita, do Fillo que testemuña e do Espírito que acompaña, para que estes ramos e palmas sexan sempre imaxe de que camiñas no medio de nós. Por Xesucristo o noso Señor.Amén.

CANTO PROCESIONAL: CAMIÑANDO POLA VIDA
--------------------------DENTRO DO TEMPLO-----------------
O PERDÓN
 v Porque os nosos ramos non son sempre para acoller, senón que con eles tamén creamos violencia, SEÑOR, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES.
v Porque son moitas as veces nas que nos falta decisión e nos sobra medo para dicir a verdade, CRISTO, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES.
v Porque somos de memoria fráxil e rapidamente esquecemos ás persoas, para acabar buscando o noso propio interese, SEÑOR, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES. 
GLORIA
ORACIÓN COLECTA
PROCLAMACION DA PAIXÓN SEGUNDO MARCOS
REMUÍÑO
 ð Domingo de Ramos, domingo de festa, domingo de pequenos e grandes. Dicían os nosos avós que hoxe era o día da estrea, do novo, do querer sentírmonos como que estabamos a comezar algo distinto e grande. E é verdade. Si, comezamos algo distinto e grande porque nos volvemos poñer en camiño, e queremos coller novos folgos para que o cansazo que nos produce a situación nada doada que estamos a vivir non nos faga caer na angustia e na desesperación de quen o ten perdido todo e para quen non hai horizonte cara ao que mirar. Máis alá de ser festa de nen@s que xogan coas seus ramos e palmas, a celebración de hoxe é unha invitación a non esquecer que a fe non é só culto aos mortos ou lembranza dun pasado nostálxico e ritualista, senón empuxe e forza para non deixar que os de sempre, os que mandan, os que deciden, os que quitan e poñen sen consultarnos, levan razón e poden facer de nós e con nós o que queiran. Non, se algo temos aprendido de Xesús –por iso é tan importante a formación e o coñecemento do Evanxeo– é a non deixarnos someter, a non calar diante da inxustiza, a rebelarnos fronte dos que queren xogar a deuses e facer de nós simples pezas dun quebracabezas que moven ao seu antollo. Por iso necesitamos o Domingo de Ramos que abra o portelo dunha Semana Santa que sabendo que na mesa do Xoves Santo está o Pan da fraternidade, pero tamén o alimento para a loita, non se deixa vencer polo fracaso da morte, o abandono e a desesperanza do Venres Santo e o enterramento de quen pensabamos que ía ser distinto, pero ao final non foi capaz de vencer. E non se deixa porque o Sábado de Gloria móstranos que non foi fracaso, que non quedamos nin no venres de dor nin no nicho da escuridade e a tebra, senón que fomos capaces de vencer a morte, de que chegou a esperanza, de que algo novo está a pasar, de que os de sempre esta vez non van vencer, de que se queremos e estamos unidos, como fixo Xesús, a resurrección é posible e a pascua volverá chegar á vida de tantas persoas que se sentiron enganadas e maltratadas, cuxa dignidade os que mandan querían pero non puideron quitárllela. E o que hoxe comezamos a celebrar é o signo máis claro de que é posible. Poñámonos en camiño convendid@s!.
CREDO
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Sentindo a necesidade de expresar a nosa gratitude porque segues invitándonos a non deixarnos levar do pesimismo diante da difícil situación que estamos a vivir, dicimos:
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Dános folgos, Señor, para que sexamos unha Igrexa que non se deixa levar das rutinas que apagan a frescura da nosa fe, Oremos.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Dános folgos, Señor, para que as nosas comunidades sexan verdadeiros berces onde se acolla, aloumiñe e agarime a quen sente a dor da soidade, Oremos.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Dános folgos para que o pan da fraternidade, da xustiza, do compartir, do amor e da entrega rache as cadeas da crise, OREMOS.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Dános folgos, para que este Domingo de Ramos sexa verdadeiro día do Señor nas nosas vidas e no noso esforzo por facer da fe raíz, horizonte e sentido no camiño que cada día temos que percorrer, OREMOS.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Que os folgos que recibimos de ti nos fagan superar a tentación de vivir a fe como un costume aprendido dos nosos maiores, para convertela en compromiso esperanzado por facer do lugar onde esteamos verdadeiro espazo de humanidade. P.X.N.S.Amén.

Canto do ofertorio: GRAZAS, SEÑOR, NA MAÑÁ
Canto da paz: QUE VEÑA A PAZ
Canto da comuñón: NON VOU SO
Para a reflexión
A SEMANA SANTA ESTÁ ÁS PORTAS” 
Comezou o tempo de graza,
vivamos a Semana Santa santamente.
Fagamos silencio, poñámonos en actitude de escoita.
Carguemos as imaxes e os pasos, si, pero da vida.
Pasos vivos;
que haxa menos estacións, sen explotación, sen engano,
sen utilización das persoas.
Suprimamos os azoutes, as espiñas,
o simple rito e as celebracións baleiras.
Que os días da paixón e sufrimento sexan breves
e moito máis longos os días da pascua,
o tempo da nosa esperanza.
(Sobre un texto do libro de Cáritas, coresma pascua 2012)
CANTOS
·       COMEZO: Que ledicia a miña
·       DESPOIS DA LECTURA: A túa palabra
·       CANTO PROCESIONAL: Camiñando pola vida
·       OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
·       PAZ: Que veña a paz
·       COMUÑÓN: Non vou so


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...