Ir al contenido principal

4 Domingo Coresma

A LIBERACIÓN, PROXECTO DE AMOR DE DEUS PARA CON NÓS :O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE

SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este cuarto domingo da coresma arredor do signo principal é NON MANDOU DEUS O SEU FILLO AO MUNDO PARA XULGAR, SENÓN PARA AMAR.
PÓRTICO

Neste domingo de Coresma, xa pasado o ecuador, invítasenos a dar vida, a poñer paz, servizo, alegría, fe, unión, amor...desde a cruz. Si, porque hoxe somos invitad@s a volver os nosos ollos, coma Nicodemo, cara á cruz para descubrir que non todas as cruces son salvadoras. Hai cruces inevitables (certos momentos, climas, traballos...) que debemos asumir Hai cruces que che endosan (en forma de calumnia, illamento, contaxio....) que temos que evitar. Hai cruces que te atrapan (cartos, poder, fama, envexa....) e das que temos que fuxir. Hai cruces de temporada (Coresma, Semana Santa, enterros, xaxún...) que o mellor é miralas ben e non facelas máis pesadas. Tamén hai cruces de competición (traballo, aguanto, sufro, rezo, comprométome... máis ca ninguén) das que hai que rirse.

Porén, hai unha cruz que temos que admirar e coa que podemos e debemos cargar: a que procura que as persoas non teñan cruces, a que axuda a levar a cruz, a que sufre porque ama e sente coma súa propia a dor dos demais. Esta é a cruz de Xesús que hoxe se nos invita a mirar. Esta é a cruz que dá vida, a cruz que nos salva. Non a rexeitemos.
PERDÓN
  • Fáltanos amor e sóbranos prepotencia, SEÑOR, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI.
  • Fáltanos compromiso e sóbranos palabrería, CRISTO, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI.
  • Fáltanos confianza e sóbrannos medos, SEÑOR, QUE NUNCA ME ESQUEZA DE TI
 REMUÍÑO
  • Cantas veces da nosa boca teñen saído expresións, comentarios, afirmacións que danaron a honra daquelas persoas sobre as que estabamos a falar!. Cantas veces no nome do que escoitamos, sen facer o esforzo por saber se era ou non verdade, temos posto tristura, rabia, desacougo e soidade na vida das persoas sobre as que non nos cortabamos en absoluto en dicir delas o primeiro que se nos ocorría!. Cantas veces...!. Si, cantas veces o temos feito e que tranquilos nos temos quedado sen darnos conta do mal que lle podíamos ocasionar a outra/s persoa/s. O Salmo de hoxe lémbranolo cunha expresión que aparentemente pode parecer dura, pero que simplemente busca que a entendamos: “se me esquezo de Ti, que se me pegue a lingua ao padal”. E esquecémonos del cando non respectamos ás persoas, cando falamos o que non deberamos, cando non aprendemos a calar, inda que pensemos que tiñamos razón sen tela; cando non nos mordemos a lingua á hora de facer un comentario inoportuno ou fóra de tempo, cando nos poñemos como mellores, primeiros e únicos, cando... Si, en todos eses casos... esquecémonos do Señor. E non é un Señor calquera, é o liberador, o Deus ao que lle pedimos, agradecemos, confiamos e rezamos. En que pouca estima o temos cando nos esquecemos del ao non valorar a dignidade que puxo nos demais!. Pero El non cansa, volve insistir unha e outra vez, volve saír ao noso encontro constantemente. Non se esgota, e non o fai porque nos respecta, porque nos aprecia, porque lle preocupamos, e, o que é máis importante, quérenos e está disposto a loitar por nós. Constante e continuamente vai facendo da misericordia o manto co que quere cubrirnos para que non esquezamos que ha ser esa misericordia a que levemos no actuar, dicir e facer dos que nos chamamos seguidores del.
  • Porque esa misericordia quere abranguer toda a nosa vida, en Cristo tod@s fomos salvados. A súa experiencia e a súa entrega fannos vivir de xeito novo e distinto diante de canto pasa e nos pasa. Non é que nos sintamos inmunes ás dificultades ou por ser cristiáns teñamos a “criptonita” da fe. Non. En Cristo atopamos forza, esperanza, alento, horizonte, e o que é máis importante pegadas para poder seguir camiñando sen sentírmonos levados nin polo destino –a nosa liberdade fai que cuestionemos esta afirmación– nin pola conciencia dun deus máxico que nos move como se foramos monicreques. O noso pecado, que é real e existe (son moitas as veces nas que facemos as cousas porque queremos e sabendo que lle facemos mal, tanto a nós como aos demais), é froito da nosa liberdade. A salvación ofrecida tamén necesita da nosa liberdade para acollela, porque se Deus non intervén por nós cando decidimos afastarnos del, tampouco o fai para achegarnos a El. Simplemente depende de nós.
  • Por iso mandou ao seu Fillo. Non quedou na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que facendo un xesto de querer seguir ofrecéndonos camiños e posibilidades, enviou ao seu Fillo, a Xesús para que puideramos gozar da experiencia da salvación. Unha salvación que non é enredar no abstracto para desentendermos do que pasa ao noso redor e no noso mundo, senón para que tomemos conciencia de que do mesmo xeito que Xesús non escapou do conflito, a denuncia profética, o desenmascaramento da mentira... sentíndonos salvados no Fillo, fagamos presente a salvación no aquí e agora do noso tempo, da nosa historia, dos problemas que nos afectan en calquera recuncho do mundo que habitamos. A salvación, porque é universal e non para un grupo de elixidos, esíxenos que esteamos sempre atentos ao aquí máis cercano, e que non esquezamos nunca o alá que está máis afastado, porque nun e noutro sitio, o seu amor “aprémanos”.
ORACIÓN DA COMUNIDADE

Rezamos logo desde esta convicción de que Deus non só non nos deixa, senón que segue a camiñar ao noso carón, para que poidamos dicir xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
  • Pola Igrexa, por todos e todas nós, para que non nos ocupemos tanto de xulgar e condenar como de salvar e acoller, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
  •  Polas nosas comunidades parroquiais, para que non permitamos comportamentos de puro consumo mercantilista á hora de poñerlle rostro e vida á mensaxe de Xesús, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
  • Por cada un e cada unha de nós, para que, sentindo na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvad@s por Deus lla saibamos transmitir coas nosas obras a tantas persoas crucificadas do noso mundo: as que sofren con máis intensidade a crise, @s parad@s, @s enferm@s, @s marxinadas, @s que non teñen motivo para a esperanza, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA
Grazas, Señor, porque día a día nos dás mostras da túa misericordia, chamándonos a espallala ao noso redor. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

"A fe e a oración non resolven os problemas, pero permiten afrontalos cunha luz e unha forza novas, dunha forma digna do ser humano, e tamén de forma máis serea e eficaz. Si miramos á historia da Igrexa veremos que é rica en figuras de santos e beatos que, precisamente partindo dun diálogo intenso e constante con Deus, iluminados pola fe, souberon atopar solucións creativas, sempre novas, para responder ás necesidades humanas concretas en todos os séculos: a saúde, a instrución, o traballo, etc. A súa forza estaba animada polo Espírito Santo e por un amor forte e xeneroso polos irmáns, especialmente polos máis débiles e desfavorecidos... Deixádevos conquistar totalmente por Cristo!. Poñédevos tamén vós, con decisión, sobre o camiño da santidade, é dicir, de estar en contacto, en conformidade con Deus –camiño que está aberto a todas as persoas– porque isto faravos ser tamén máis creativos en buscar solucións aos problemas que atopades,e en buscalas xuntos!".

Bieito XVI, Sulmona 5/7/2010
CANTOS
ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
COMUÑÓN: Á beira da nosa esperanza

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...