Ir al contenido principal

28 domingo TO C

POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE NON MERECE, AGRADECE O QUE RECIBE
PÓRTICO
A todas as persoas nos debería saír facilmente do noso corazón e dos nosos beizos a palabra GRAZAS. Na nosa casa, na nosa familia, no noso traballo, na nosa comunidade… en todos os lugares e circunstancias da nosa vida. Pero non só como unha mera palabra ou como norma de educación, senón como algo máis fondo: coma unha actitude que emana do amor que Xesús dixo que nos debía caracterizar, pois a gratitude significa valorar ao outro, tratalo con respecto e consideración, estimalo.

E esta gratitude tamén debe a nosa actitude para con Deus, porque… temos tantas cousas que agradecerlle!!!!!!!!!!!!!: a vida, a familia, @s amig@s, a natureza…

Que esta celebración nos abra á gratuidade para con Deus e para cos demais.

O PERDÓN
ð  Porque en demasiadas ocasións vimos celebrar a fe por cumprir un precepto, por unha tradición, por rutina… sen deixarnos enchoupar pola túa graza e polo teu amor, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.
ð  Porque os nosos prexuízos impídennos, tantas veces, descubrir e recibir a sorpresa da gratitude do estranxeiro, do pagán, do non crente, CRISTO, LIMPA O NOSO CORAZÓN.
ð  Porque estamos tan afeit@s a elas, que non somos capaces de descubrir e valorar as bendicións coas que nos enches cada día, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.

Remuíño
* DESCUBRIR A DEUS: As dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non saber descubrir os valores d@s demais, tamén d@s estranxeir@s, d@s que non falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, d@s que “non son d@s nos@s”. Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque non temos o monopolio do ben.

* UN DEUS SORPRENDENTE: Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida, convencid@s de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para descubrir nela esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira, Abrahan nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos irmáns, no noso traballo, no sorriso dos nenos, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.
 
* QUE NOS SACUDE DA RUTINA: Detrás das formas e das fachadas relixiosas, é moi doado atopar un baleiro que pouco a pouco esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en sombras do pasado ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde sabor e sentido: recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero internamente non estamos dispost@s a cambiar. Rodeados de palabras, rezos, reunións… perdemos de vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os nove leprosos reflicten á perfección o estilo relixioso dos países, coma o noso, tradicionalmente cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de compromiso que xa nada capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade, nada nos empurra a unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha completa indiferenza. Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo se fai segundo as tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba, realizadas mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou de recibir sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se non quedara un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se creatividade e fe foran termos opostos, como se non houbese espazo para a revisión e a crítica. Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a buscar as pegadas de Deus a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a non dar por sabido todo o que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o escoitaramos xa mil veces. Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus aínda nos seus agasallos máis frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de agradecemento.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Sentíndonos querid@, curad@s e salvad@s por Ti, presentámosche a nosa oración comunitaria dicindo:
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

*        Grazas, Señor, por querer unha Igrexa plural, democrática, aberta e sinxela, na que ninguén se sinta excluído, marxinado ou silenciado, OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

*        Grazas, Señor, polas nosas comunidades, nas que atopamos persoas anónimas que dan testemuño dunha fraternidade que salta fronteiras e separacións para curar aos leprosos de hoxe: marxinad@s, pobres, inmigrantes, anciáns, parad@s... OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

*        Grazas, Señor, por todo aquilo que nos regalas: a vida, a saúde, a natureza, o traballo, @s amig@s, a familia… para que a nosa fe nos axude a saber descubrir sempre neles a túa man xenerosa, OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE
Señor, danos unha actitude agradecida, aberta e acolledora, para facer do mundo un fogar no que todas as persoas teñamos cabida. PXNS.
Para a reflexión
Cómpre sermos agradecid@s.
Na comunidade hai que ser agradecid@.

Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.
Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.
Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.
Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.
Hai que agradecerlle ao san a súa saúde e ao enfermo a súa resistencia.
Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.
Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.
                                                                   (M. Regal “Un caxato…”)
CANTOS
*       ENTRADA: Vinde axiña
*       LECTURAS: Canta o sol
*       OFERTORIO: Todo o mundo unha familia
*       COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...