Ir al contenido principal

Defuntos 2014



QUE A UNIVERSALIDADE DO TEU ACOUGO NOS FAGA DESCANSAR AO TEU CARÓN

Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA
Para os crentes hoxe é un día de esperanza e convicción. A esperanza que dá sentido á vida abríndonos o camiño que remata na plenitude de estar sempre e para sempre con Deus. Isto que tantas veces temos escoitado, e seguro que repetido ao dar un pésame, ao achegar palabras de alento a un amigo que acaba de perder un ser querido; en momentos nos que temos rezado e encomendado aos “nosos” que xa non estaban, conforma o cerne da fe cristiá. Sen esperanza a fe redúcese a consumo e entretemento; e a relixión no pasa de ser un conxunto de ritos que non entendemos. Pero porque os cristiáns cremos que non é así, hoxe ese esperanza lévanos non só a lembrar e ter presentes aos familiares, veciños ou amigos que xa non están, senón a sentírmonos comunidade solidaria na oración que pon a confianza no Deus que, en Xesús, se manifestou como plenitude e sentido da vida.
Rompamos, logo, rutinas e xuntemos os corazóns para rezar polas persoas coas que agardamos un día volver xuntarnos ao carón do Deus de Xesús. O Deus Pai e amigo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque nos sobra soberbia e nos falta humildade, SEÑOR, QUE A DUREZA DA MORTE NON ESCUREZA A FORZA DA ESPERANZA.
  • Porque non sempre deixamos que a confianza agrome na nosa vida, XTO, QUE A DUREZA DA MORTE NON ESCUREZA A FORZA DA ESPERANZA.
  • Porque esquecemos o importante e reducimos a fe a ritos sociais, SEÑOR, QUE A DUREZA DA MORTE NON ESCUREZA A FORZA DA ESPERANZA.
PALABRA ENRAIZADA
·        (2Tim 2, 8-13): “Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu evanxeo... a palabra de Deus non está encadeada... se morremos con El”.
o   Hoxe facemos confesión de fe na resurrección, agradecemos a Deus a súa oferta de salvación acolléndonos ao seu carón.
o   É o día no que acollemos a tenrura coa que nos vai agarimando.
o   Xesús convértese no referente no que Deus nos mostra que a vida ten un sentido, e que non somos só e unicamente materia; nin que somos para a morte e non hai outra. A fe cristiá dinos todo o contrario: somos para a vida, e unha vida en plenitude, da que Xesús nos abriu e mostrou o camiño. Por iso non vivimos nin nos pechamos no noso egoísmo, senón que nos abrimos aos demais e a Deus: vivimos para Deus.
o   A fe non e logo unha cadea de azares, casualidades e destinos, senón un ofrecemento de sentido para vivir a vida non coma escravos, senón como homes e mulleres libres. E só quen ten pensado sobre canto isto supón entende o que acabamos de escoitar na carta de Paulo: a palabra de Deus non está encadeada, o que fai que vivamos para Deus. Non son o poder e a inxustiza o que nos move, senón a esperanza de que no final do camiño está a plenitude en Deus.
·        (1 Xn 3, 14-16): “Sabemos que pasamos da morte á vida en que lles queremos ben aos irmáns, o que non quere ben, permanece na morte...”
o   Pero para chegar ata alí é necesario pasar –dela non escapamos tampouco os cristiáns, pero si lle atopamos un sentido distinto– pola experiencia da dor, a separación dos que queremos, a morte.
o   Non quedamos nela; superámola, si, pero temos que pasar por ela, e nese momento sentimos toda a presenza e forza de Deus na comunidade que nos acompaña e non nos deixa solos. Reza con nós e por nós. E iso só se pode facer desde o amor, non con odio e división. Se somos capaces de querer, entendemos perfectamente que é o que nos ofrece Cristo cando nos día que non permaneceremos na morte, senón que pasamos por ela, pero avanzamos máis alá dela: gozamos da resurrección na compaña do Señor e de cantos Nel puxeron a súa/s vida/s.
·        (Mt 11,25-30): “Benditos sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde...”
o   Por iso non somos nin tirados nin abandonados á nosa sorte. Somos benditos en Deus Pai. El chamounos, escolleunos e púxonos en camiño. E non buscou para facelo grandes escenarios nin especiais postas en escena; todo o contrario: con sinxeleza, fixo que Xesús, “pasando por un de tantos, fose un coma nós”. Con El compartimos a dignidade de todo ser humano, e nel ábresenos un camiño novo de vida e esperanza.
o   Desde a sinxeleza e a humildade, hoxe damos grazas ao Señor por acoller a oración na que encomendamos na súa mans aos nosos seres queridos defuntos. Grazas, Señor, por acollelos nos teus brazos quentes de Pai/Nai!
FRATERNIDADE ORANTE
Neste día no que a lembranza de canto temos compartido cos que xa non están está moi presente, fagamos da nosa oración sacramento de vida e digamos xunt@s:
QUE SEMPRE DEIXEMOS O CORAZÓN ABERTO A RECORDAR E REZAR POLOS QUE XA NON ESTÁN
*       Para que o actuar da Igrexa sexa sempre un esforzo por non deixarse vencer polo de sempre , senón que o seu traballo camiñe por vieiros de xustiza, fraternidade e renovación, OREMOS.
QUE SEMPRE DEIXEMOS O CORAZÓN ABERTO A RECORDAR E REZAR POLOS QUE XA NON ESTÁN
*       Que neste día saibamos facer memoria agradecida dos que xa non están, aprendendo do seu esforzo e da súa loita para deixarnos unha vida asentada na dignidade e a igualdade, OREMOS.
QUE SEMPRE DEIXEMOS O CORAZÓN ABERTO A RECORDAR E REZAR POLOS QUE XA NON ESTÁN
*       Por tódolos veciños da nosa parroquia que repousan no cemiterio parroquial e nos cemiterios doutras parroquias. Que sempre saibamos valorar a súa entrega para que a fe en Xesús anime e alente as nosas vidas, OREMOS.
QUE SEMPRE DEIXEMOS O CORAZÓN ABERTO A RECORDAR E REZAR POLOS QUE XA NON ESTÁN
*       Por tódalas persoas que dun cabo ao outro do mundo entregaron a súa vida a loitar pola xustiza e a dignidade dos máis desfavorecidos, e aos que nós agora lembramos agradecidos polo seu, OREMOS.
QUE SEMPRE DEIXEMOS O CORAZÓN ABERTO A RECORDAR E REZAR POLOS QUE XA NON ESTÁN
Grazas, Señor, porque a vida entregada de Xesús, abriunos un camiño de esperanza, renovación e plenitude. Que saibamos continualo e transmitilo aos que veñen tras de nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Sente a mirada de Deus pousarse sobre ti,
porque El alenta posibilidades infinitas no misterio da túa existencia.
Desprégate todo enteiro,
sen trabas que te amarren:
nin o medo dentro, nin os rumores na rúa,
nin a cobiza do inversor, nin as ameazas dos donos.
E non teñas medo sentar nunha cadeira pequena,
cos últimos do pobo.
Alí atoparás a alegría de crear co Pai liberdade e vida para todos,
sen a escravitude de exhibir un certificado de excelencia.
Á hora de crear o Reino, os últimos deste mundo,
poden ser os primeiros
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Non vou so 
LECTURAS: O Señor é o meu pastor 
OFERTORIO: Acolle Señor esta vida
COMUÑÓN: Se o Señor resucitou

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...