Ir al contenido principal

Cristo Rei 2014



NUNHA SOCIEDADE CHEA DE EGOS, GRAZAS, SEÑOR, POR FACER UN SERVIZO DA TÚA MISIÓN


Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA
                Chegamos hoxe ao final do ano litúrxico que comezabamos aló polo mes de decembro do ano pasado. Ao longo deste tempo fómonos reunindo e celebrando comunitariamente momentos importantes nas nosas parroquias, pero todos eles estiveron rexidos polo sentido gozoso da esperanza cristiá. Si, Xesús ofrécenos un camiño a seguir que está marcado polo sentido esperanzado da vida, polo gozo de poder compartir, pola ledicia de sabérmonos sempre acompañadas. E aquí nace o seu Reino; un reino que entre tod@s, e sen deixar a ninguén nas beiras, estamos chamados a construír alí onde esteamos. Por iso hoxe celebramos esta festa de Xesús Cristo Rei do Universo, para compartir que desde El e para El estamos chamados sempre a ser sementadores de canto fai posible o seu reinado entre nós: a xustiza, a paz, a solidariedade e a verdade. Unámonos logo para expresar canto vimos dicindo nesta celebración na que o poder de Cristo non é dominio nin imposición, senón servizo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por non acabar de entender que o teu reino se asenta sobre o servizo, e non sobre a imposición, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU REINO.
·         Por esquecer que facer do mundo reino de Deus esíxenos ser testemuñas e non consumidores de ritos, CRISTO,QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU REINO.
·         Por deixarnos levar polas modas e costumes, para caer en comportamentos inxustos, discriminadores e antievanxélicos, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU REINO.
PALABRA ENRAIZADA
·         De novo a figura do pastor volve a aparecer nos textos que vimos de proclamar. Un pastor que pouco ou nada ten que ver cos pastores ao uso. Un pastor que agarima, acompaña, preocupase, entrégase. Un pastor que coñece e distingue, que sabe o que necesita cada unha das ovellas, e sabe acollelas e admitilas en toda a súa pluralidade. Canto non teriamos que aprender deste pastor?. Canto non teriamos que poñer en práctica das actitudes do pastor?. El nunca abandona, nunca lle da as costas, nunca se queda só coas mellores… Para El a igualdade é criterio fundamental no seu xeito de achegarse a elas. Cómo logo non nos vai levar aos pastos verdecentes!
·         Só un pastor que se comporta deste xeito pode ofrecer un reino onde non se viva nin se guíe por criterios de diferenza, discriminación ou acepción de persoas. Na súa casa cabemos todos: brancos e negros, altos ou baixos, ricos ou pobres, cultos ou incultos... ninguén queda fóra… porque El convoca a tod@s. Entendemos isto?. Entendemos que construír Reino esíxenos seguir as súas pegadas e superar a tentación de ir só cos nosos, cos que nos caen ben, cos que nos rin as grazas, cos que sempre nos aplauden, cos...  Se Deus é un en tod@s, cómo nós non nos imos esforzar por facer o mesmo?. Diante dun Deus así, e dicindo que somos os seus seguidores, non nos queda outra que ir facendo da nosa vida, no traballo, na casa, cos amigos unha tarefa permanente de construír Reino de Deus por medio das actitudes que nos achegan uns aos outros, e do compromiso por ser xustos, libres e sempre respectuosos –e sabemos que iso non é nada fácil– cos que nos cuestionan ou pensan distinto a nós.
·         E todo iso vainos levando ao cumio que nos presenta o evanxeo: “cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”. E este é o noso reto hoxe e sempre, o que nos pide romper cos convencionalismos, co que fan tod@s ou co que está de moda. Xesús veno dicindo desde hai dous mil anos, a mágoa é que os cristiáns non acabamos nin de darnos conta nin de entendelo. Por iso seguimos, no seu nome, ou sacando peito ou pensando que podemos enganalo a El como enganamos aos demais. Non tería feito falta ningún Podemos nin ningún berro de indignación se os cristiáns, os que nos chamamos seguidores de Xesús, tomaramos en serio a súa palabra e a súa mensaxe. Porque desde ela non hai sitio para a mentira, o engano, a corrupción, o abuso, o aparentar o que non somos, o buscar quedar ben cos poderosos e machucar ata a extenuación aos pequenos e excluídos. Na lóxica de Xesús, e así debera ser tamén na lóxica de cada un de nós –pero tristemente non o é– non hai sitio para os que se rin do trato igualitario e da solidariedade de quen busca a xustiza e quere un mundo, un pais, unha parroquia ou unha familia mellor. Isto, e non é pouco, é que nos quere transmitir a festa de Cristo Rei que celebramos hoxe.

FRATERNIDADE ORANTE
                Deus está sempre co oído atento a escoitar a nosa oración. Desde esta confianza poñémonos na súa man e dicimos:
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
·         Presentamos a nosa oración sabéndonos Igrexa. Para que non renunciemos nunca a actuar desde a liberdade e a responsabilidade de estar sempre comprometidos na defensa dos máis débiles e excluídos, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO

·         Presentemos a nosa oración sabéndonos membros das comunidades parroquiais. Para que nos esforcemos sempre por vencer a tentación de ser só cristi@ns de misa e rito, e espertemos a unha fe comprometida en poñer igualdade e liberdade, onde só hai sometemento e poder, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO

·         Presentemos a nosa oración sabéndonos pedras vivas do Evanxeo. Para que nunca perdamos a referencia de que o noso testemuño é imaxe da presenza de Deus, e compromiso de traballo a favor dos máis necesitados e débiles do noso mundo. Que saibamos estar ao lado dos enfermos, os explotados, os maltratad@s, os perseguidos por defender máis xustiza e igualdade...OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
Alentados pola túa forza, Señor, compartimos esta oración comunitaria que nos chama a non retroceder nunca na defensa da dignidade que puxeches en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Escolliches as persoas que quixeches, Xesús.
Xente de non moito valer e non moito poder;
pero iso si, xente apaixonada, xente disposta ao seguimento.
Vallo eu?.
Aquí me tes.
Disposto a acompañarte,
disposto a dicir e pregoar o teu regalo para a xente toda,
disposto a loitar contra os demos do noso tempo.
No que poida, saiba e valla, conta comigo.
Grazas, Señor.
(Manolo Regal, A graza daquel verán, p.75)
CANTO GOZOSO
·        ENTRADA: Pedras vivas / Amigos nas penas
·        LECTURAS: Veña o teu Reino
·        OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
·        COMUÑÓN: Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...