Ir al contenido principal

1 Advento B

ACOLLER CON LEDICIA O EVANXEO ESÍXENOS ESTAR ESPERTOS E ATENTOS A CANTO PASA AO NOSO REDOR

Descarga o ficheiro

SINAL DE ADVENTO 

O mesmo que outros anos, e buscando axudarnos a vivir e comprender o significado deste tempo litúrxico, temos escollido un sinal: unha folla de carballo debuxada e posta sobre un panel. Segundo vaiamos avanzando nas  semanas de Advento, iremos engadindo novas follas; deste xeito o primeiro domingo será unha, o segundo dúas... a así ata o cuarto. No medio de cada unha das follas, debuxamos tamén unha chama prendida para significar que a forza do Espírito aléntanos a camiñar cara ao Nadal desde o respecto á casa na que vivimos -o mundo, o - e o empeño en non calar diante canto destrúe e arrasa todo o que Deus puxo nas nosas mans para coidar.

ESCOITA ACTIVA 

Volvemos hoxe comezar un novo ciclo litúrxico. Desde este primeiro domingo e ata a festa de Cristo Rei, reunirémonos para celebrar, compartir e agradecer a fe en Xesús. Neste ano iremos lendo o Evanxeo de Marcos, o primeiro en ser escrito, e que de forma sinxela nos vai mostrando como a vida, a persoa e a mensaxe de Xesús seguen a ser atraentes e a mover corazón e vidas para traballar en facer felices aos demais.  
No centro do texto de Marcos Xesús aparece como aquel que lles fala en parábolas para que entendan e poñendo exemplos sacados do cotián. Pois ata aí, á vida de cada día, como non cansa de repetir unha e outra vez o Papa Francisco, temos que levar o evanxeo e convertelo en actitudes, comportamentos e feitos desde a ledicia 
E a isto tamén nos quere invitar o tempo de Advento que hoxe comezamos. Que desde o cambio de corazón quere que cheguemos ledos e solidarios ao Nadal. 
Comecemos logo poñéndonos na presenza e na man de Deus. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO 

  • Poñámonos na man do Señor para que converta o noso corazón de pedra en corazón solidario e acolledor, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO. 
  • Poñámonos en actitude de romper con todo canto nos impide achegarnos a quen está só e necesita do noso tempo e o noso sorriso, CRISTO, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO. 
  • Poñámonos en disposición de deixar atrás canto nos impide romper co individualismo e o egoísmo que nos pecha en nós prescindindo dos demais, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO.

PALABRA ENRAIZADA 

  • Ser de barro é asumir a nosa debilidade e pequenez, e deixar de crer no vello soño de que o sabemos e podemos todo. Abandonar dunha vez por todas a tentación de pensar que nada se nos nega e todo está ao noso dispor, como se foramos amos e señores para facer o que nos dea a gana. Axudarnos a recoñecernos servidores e necesitados fainos moito máis humanos e achegados uns aos outros, xa que pon de manifesto que nos necesitamos e que nin o sabemos nin tampouco somos capaces de facelo todo. É Deus quen, como bo oleiro, nos vai modelando para que sexamos capaces de trasladar o seu plan á vida e ao quefacer cotián de cada un. O problema xurde cando nos revelamos; cando non deixamos que El faga e desenvolva o seu traballo; cando lle poñemos atrancos e dificultades ao crernos autosuficientes e non necesitados de nada nin de ninguén; cando facemos da nosa relación con El, coa comunidade e a nosa mesma experiencia de fe unha simple suma de ritos, tradicións ou rutinas, sen pensar nin que significan nin que supoñen para a nosa vida. Pois do mesmo xeito que cando unha ola non sae ben e é necesario volver a facela, tamén cando na vida imos descubrindo que estamos a utilizar a Deus ao noso antollo, que non lle permitimos que entre na nosa vida ou que o reducimos a un acto social para convocar xente; cando todo isto ocorre o que necesitamos é comezar de novo e volver darnos unha nova oportunidade para sentírmonos obra das súas mans. 
  • A esta tarefa invítanos o saúdo de Paulo na carta aos corintios. Unha tarefa que ten que desenvolverse desde a chamada á paz e á graza como resposta á invitación que Deus nos fai. Desde a encarnación de Cristo, a presenza de Deus entre nós ten a lectura da persoa e dos feitos do seu Fillo. Nel, con El e por El imos vendo reflectido o querer e actuar de Deus, e tamén o proxecto que El nos chama a construír a cada un no día a día da vida. Por iso dá grazas Paulo, porque Deus non nos abandona deixándonos ao pairo, como se non lle importaramos; ao contrario, sae ao noso encontro e ofrécenos un camiño, nada doado moitas veces, iso si que é verdade, para que vaiamos descubrindo o sentido e o horizonte de todo o noso facer e actuar. E iso o mellor xeito de ilo facendo é sabéndonos comunidade que se axuda, preocupa e vai termando duns e de outros. 
  • Claro que moitas veces esquecémonos, trabucámonos ou deixámonos levar da preguiza, o que nos vai afastando do sentido comunitario da fe e do seguimento ledo e construtivo da mensaxe de Xesús. Para que iso non ocorra necesitamos estar sempre á espreita, atentos e dispostos a non deixar que vaiamos perdendo a forza desa esperanza diante de acontecementos e situacións que moitas veces nos deixan tocados, ou mesmo nos levan a cuestionar o sentido da nosa crenza e da presenza de Deus en nós. Para evitar caer nesta situación de desesperación e afastamento é necesario de cando en vez pararnos e reflexionar, para ver en que paso do camiño estamos, e se a equipaxe coa que saímos ao comezo necesita amaños ou se hai que cambiala. Por iso a liturxia sitúa o tempo de Advento no comezo do ano litúrxico e antes do tempo de Nadal. Un parón no camiño que nos leve a revisar e revisarnos. Un alto no camiño que non deixe que avance a nosa canseira e desánimo, un alto no camiño do que saír reforzados e co zurrón outra vez cheo de esperanza e capacidade de non calar diante de canto impide que o ser humano se senta tal no noso mundo. Un alto no camiño para non deixarnos levar dos cantos de serea do consumismo que todo o reduce á ganancia, e que esconde a presenza de Deus. 

FRATERNIDADE ORANTE 

Este tempo de Advento quere ser un tempo no que reforcemos o noso sentido comunitario da oración e a da fe compartida, por iso xunt@s dicimos: 
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
  • Para que toda a Igrexa e en toda a Igrexa fagamos deste tempo de Advento un tempo de cambio e transformación como o mellor servizo ao Evanxeo, OREMOS.  
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
  • Para que aproveitemos este tempo de Advento na nosa parroquia, converténdoo nun tempo de renovación gozosa e cambio de actitudes para con aqueles cos que máis nos custa relacionarnos, OREMOS.  
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
  • Para que fagamos da nosa vida unha experiencia de cambio, transformación e superación dos nosos medos e teimosías, OREMOS.
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir comunitariamente este momento de oración gozosa e transformadora. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA 

Fai de min, Señor, unha persoa sensible a todo o humano. 
Fai de min, Señor, unha persoa capaz de chegar 
a ese secreto onde cada home e muller viven e morren, 
loitan e esperan, buscan e ansían a felicidade. 
Fai de min, Señor, unha persoa a quen 
nada verdadeiramente humano a deixe indiferente. 
Fai de min, unha persoa tan evanxélica 
e seguidora de Xesús, que se estremeza 
diante da dor e as bágoas das persoas que choran, 
ante a ilusión e a esperanza dos que soñan novos camiños. 
Fai de min,Señor, unha persoa que ame o mundo e os problemas da humanidade. 
Fai de min, Señor, unha persoa de Boa Nova 
no medio da noite do mundo. Amén.  

(Caritas, ADVENTO 2014 p. 45) 

CANTO GOZOSO 

ENTRADA: Volve, Señor 
LECTURAS: Señor Xesús bendito sexas 
OFERTORIO: Ven, ven, Señor non tardes 
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...