A historia leva as pegadas dos excesos das culturas patriarcais,
nas que a muller era considerada de segunda clase (AL 54)
“porque reparou na súa humilde escraviña... a súa misericordia chega aos
seus fieis de xeración en xeración”
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Xa nos tes aquí (Nº 71)
- LECTURAS: Noraboa María (Nº 74)
- OFERTORIO: Esa é María (Nº 72)
- COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)
ESCOITA ACTIVA
Abrimos os ollos
hoxe para admirarnos, unha vez máis, da persoa de María, muller, nai e cristiá
sempre de referencia. Nela somos invitados hoxe a mirarnos os que nos chamamos
seguidores do seu Fillo, porque nesa mirada descubrimos o que é navegar
contracorrente para poder dicir si ao proxecto de amor de Deus. Incomprendida,
excluída e mal mirada por aquela sociedade de “ben pensantes”. Tamén hoxe son
moitas as mulleres que, coma María, navegan a contracorrente vencendo
incomprensións e críticas; mulleres que sacan tempo de onde non o teñen para
dignificarse co seu traballo e a súa entrega ás causas nas que durante moito
tempo foron excluídas, ignoradas e silenciadas. É hoxe a festa de María, si;
pero nela é tamén a festa de todas as Marías que non deixaron nin deixan que a
súa dignidade de mulleres sexa dominada polos máis fortes.
Recemos xunt@s esta
mañá con elas e por elas desde a tenrura de María de Nazaré.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
- En moitas ocasións, cos nosos silencios e as nosas covardías, somos cómplices de que tantas e tantas mulleres do noso mundo sufran polo simple feito de ser mulleres, por iso che suplicamos, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑO.
- Fáltannos fe e confianza para sabermos descubrir que outro mundo é posible, que Deus destrúe os plans dos opresores e explotadores, por iso che dicimos, CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑO.
- Moitas veces deixamos que o andazo e a apatía aniñen no noso corazón, provocando que a fe perda a frescura evanxélica e se converta en algo rutinario e vulgar, por iso che pedimos, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑO.
PALABRA
ENRAIZADA
A Biblia afirma que
home e muller somos cread@s a imaxe e semellanza, iguais en dignidade (Xn. 1,
26-27). O libro da Xénese ábrese cun nome de muller, Eva, e o libro da
Apocalipse péchase coa imaxe da Xerusalén celeste “preparada coma a esposa que
está engalanada para o seu esposo”. Ao longo das páxinas da Sagrada Escritura
atopamos mulleres fortes, mulleres extraordinarias, que van tecendo a nosa
historia de salvación complementariamente cos homes: Eva, a muller orixinal;
Sara, a nai do pobo; Agar, a muller digna; Rebeca, a nai dividida; Raquel, nai
ata a morte; Lía, a muller desprazada; Tamar, a muller que busca a súa
dignidade; Miriam, a irmá do libertador; a filla do faraón, a muller
providencial; Raxab, a prostituta; Débora, a nai de Israel; Dalila, o poder da
sedución; Ana, o preludio do Magnificat; Xudit, a muller símbolo; Rut, a
estranxeira fiel; Betsabé, unha historia con claroscuros, Susana, o perfume da
piedade; Esther, a forza da oración; a nai dos macabeos, nai coraxe; a muller
do Cantar, o amor sen rubores; a muller de Proverbios, unha muller liberada; a
Sabedoría, a voz e o rostro feminino de Deus ... emerxen con forza nun mundo
androcéntrico encarnando a fortaleza.
No Novo Testamento
percibimos que, en tempo de Xesús, a situación que vivía a muller era
claramente discriminatoria. Fronte disto, os Evanxeos relatan numerosos
encontros de Xesús con mulleres: perdoa a unha pecadora pública, resucita ao
fillo da viúva de Naím, discute de teoloxía cunha samaritana, perdoa á muller
adúltera, cura á hemorroísa, escoita o berro da muller cananea... e outras
moitas mulleres coas que se relacionou, sempre nun plano de igualdade. Marta e a
súa irmá María, Mª Magdalena, Susana e outras moitas mulleres pertencían ao
grupo de seguidoras cercanas de Xesús, quen “non só non as discrimina, senón que El o auténtico promotor da
dignidade da muller, o que ás veces provocaba estupor, sorpresa e mesmo chegaba
ata o límite do escándalo” (cfr. MD 12-16). As mulleres están ao pé da cruz
e elas son tamén as primeiras testemuñas da resurrección.
Mención especial
merece María de Nazaré, unha moza sinxela na que Deus, “desbaratando os plans
dos soberbios”, fai unha opción preferencial polos pobres, elixíndoa para ser
Nai do seu Fillo e Nai nosa. Con razón o papa Francisco afirma: “A Virxe María era máis importante cós
Apóstolos, os bispos , os sacerdotes e os diáconos”. Ela é, para as persoas
crentes, muller de fe e de audacia, muller de entrega e solidariedade, muller
de fidelidade e esixencia, muller de servizo gratuíto e responsable desde a
entrega, sempre xenerosa, aos demais. Por iso María non é só un nome nos nosos
beizos nin unha festa no calendario litúrxico. Non. María é testemuño gozoso de
reivindicación do papel da muller na nosa sociedade. Ela ábrelle un camiño ás
mulleres, hoxe e sempre, na súa loita por facérense visibles. A figura de María
é unha chamada a todas as persoas crentes, especialmente ás mulleres, para que
o compromiso pola vida ao que nos invita Xesús se realice cada día de xeito
xeneroso e nobre na gratuidade dun si que se concreta hoxe, dentro e fóra da
Igrexa, desde o traballo de tantas mulleres que saben que os tempos son chegados,
que xa non se pode mirar atrás e vivir do pasado, senón erguer a mirada e
construír esperanza desde a igualdade complementaria. Que en María aprendamos a
atopar os folgos necesarios que movan o noso actuar.
FRATERNIDADE
ORANTE
Como comunidade
crente, alegre e esperanzada que celebra a festa na honra da Nosa Señora,
presentamos a Deus as nosas peticións e dicimos:
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
·
Pola Igrexa,
para que nunca esqueza, silencie ou rexeite ás mulleres, senón que sempre as
teña en conta, descubrindo que tamén existen, non só coma presenza física nos
templos, senón coa presenza do esforzo e do traballo diario, coa presenza da
axuda e da colaboración desinteresada, coa presenza da súa propia identidade
como persoas comprometidas, coa presenza de seren elas mesmas, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
·
Para que nas
nosas comunidades saibamos valorar, e non criticar nin poñer dor e tristura, o
labor e o esforzo de tantas mulleres que unen traballo, maternidade e coidado
dos maiores como sinal de amor e servizo aos máis débiles, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
·
Para que
abramos ollos, oídos e corazón ao grito, moitas veces mudo, de tantas mulleres
que ao noso lado sofren calquera tipo de violencia e discriminación, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
·
Para que sen
deixar de mirar ao ceo de onde recibimos a forza e o estímulo para non quedar
nunca quedos, nos esforcemos por poñer os pés no chan traballando cada día para
que non haxa exclusións nin discriminacións de xénero, OREMOS.
DITOSOS NÓS, POR TEMOS CRIDO
Grazas, Señor, por invitarnos hoxe a restituír o creto e
a valorar a importancia do traballo das mulleres na nosa diocese, nas nosas
parroquias e nas nosas familias. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
ESPERANZADA
CREDO DAS MULLERES
Creo en Deus,
que creou á muller e ao home á súa imaxe e semellanza,
encomendándolles a ambos o
coidado da terra.
Creo en Xesús, Fillo de Deus,
nado dunha muller, María;
que escoitaba e quería ás
mulleres,
que entraba nas súas casas,
que lles falaba do Reino.
Creo en Xesús,
que discutiu de teoloxía cunha
muller
sentado á beira dun pozo, ao
mediodía;
que foi unxido por unha muller
en casa de Simón,
reprendendo aos invitados que
a desprezaban;
que curou a unha muller en
sábado,
dicíndolle que se erguera, porque
ela tamén era un ser humano;
que se fixo acompañar polas
mulleres, sentindo o seu amor
e encomendándolles a boa nova.
Creo en Xesús, que falou de
Deus comparándoo cunha muller
que varría a súa casa para
atopar o que perdera,
que puña lévedo na masa para
fermentalo todo.
Creo no Resucitado,
que se lle apareceu en
primeiro lugar a María Magdalena,
enviándoa coma mensaxeira da
grande ledicia da Pascua.
Creo na plenitude do Salvador,
en quen non hai xudeu nin
grego,
escravo ou libre, home ou
muller,
porque todas as persoas somos
unha nel.
Creo no Espírito Santo,
espírito feminino de Deus
que nos cobre coas súas ás
enchéndonos de vida.
Comentarios