Ir al contenido principal

19 Domingo TO C 2016


PORQUE A VERDADE PASA POR NON CALAR DIANTE DO ENGANO, A INXUSTIZA E A CORRUPCIÓN, NON DEIXEMOS QUE OS NOSOS LABIOS SE PECHEN E CALEN DIANTE DAS MENTIRAS DOS QUE SE CREN NA VERDADE
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

*      ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
*      LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
*      OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
*      COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Non é nada doado hoxe en día descubrir e distinguir, entre tanta información e tanto micrófono e cámara dispostos a recoller canto pasa no mundo, o que é certo do que non o é; o que é importante daquilo que é secundario; o que verdadeiramente paga a pena prestarlle atención do que non debemos perder ningún tempo porque nos enreda e nos fai perder a perspectiva do fundamental na vida de cada un de nós. Por iso temos que deixar de ser crédulos e non pensar que o primeiro que escoitamos é o bo, o certo ou o importante.
Noutro tempo, cando a información era pouca e había que buscala de xeito pausado e intentando coñecer a verdade, todos nos esforzabamos en poñer a traballar a nosa capacidade de reflexión para non confundir nin confundirnos. Hoxe isto xa nos vai resultando máis difícil, de aí a necesidade de formarnos para non deixarnos levar da primeira opinión que escoitamos; de poñer as primeiras impresións antes que o discernimento; de non caer no buenismo de que calquera cousa vale porque o vin en internet, o escoitei na televisión ou o dixo este ou aqueloutro famoso. Necesitamos contrastar as cousas, facer varias lecturas antes de emitir unha opinión, aprender a distinguir a verdade da subxectividade de quen só busca vendernos algo que lle acabe dando rendibilidade en forma de cartos, prestixio, poder ou votos.
Porén, para Xesús o importante non estaba no externo, no que fai barullo, senón no interior: El invítanos a ser agradecidos, a aprender a perdoar e a pedir perdón, a transmitir e compartir canto temos experimentado como bo en nós. Nunha palabra, a facer da nosa vida unha experiencia de misericordia humanizadora.
Acollamos e poñamos no valor das boas obras esta invitación.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por non dedicar tempo a pensar se o que escoitamos responde ou non á verdade dos feitos; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRESAS E XUÍZOS.
·      Por deixarnos lear polos comentarios, moitas veces nada ben intencionados, que decualifican aos demais sen probas nin argumentos; CRISTO, PERDÓN POLAS NOSAS PRESAS E XUÍZOS.
·      Polos prexuízos cos que imos construíndo as nosas opinións ao respecto dos demais, esquecendo que é na misericordia onde nos invita a camiñar Xesús; SEÑOR, PERDÓN POLAS NOSAS PRESAS E XUÍZOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Se lle prestamos atención á lectura da palabra de Deus, tanto nas celebracións como cando buscamos un momento na casa para lela e coñecela mellor, iremos descubrindo que un dos eixes nos que insiste constantemente é o do perdón e cambio de corazón. Porque Deus é perdón, porque ama e acolle, non garda rancor nin busca culpabilizarnos nin humillarnos acentuando a culpabilidade polo que teñamos feito mal. E é neste perdón no que se vai poñendo de manifesto un camiño que nos invita a percorrer, para que tamén nós fagamos da nosa vida unha experiencia non de resquemor, odio e resentimento, senón de perdón ofrecido e compartido. É verdade que temos que asumir as consecuencias do que teñamos feito mal, pero iso non supón caer no victimismo de que xa estamos marcados para sempre co estigma da maldade e da incapacidade de cambiar e comezar de novo. É esta unha das características da fe que compartimos que máis lles custa entender e poñer en práctica aos que, desde o seu dogmatismo, consideran que non se pode esquecer, que o perdón é imposible e que a conversión e o cambio das persoas non é real. Por iso nós, coa nosa vida e co noso xeito de facer as cousas, debemos demostrarlles -tamén demostrarnos a nós mesmos-, que non só é posible, senón que é o único camiño que nos pode facer felices e levarnos a sentírmonos verdadeiramente humanos.
*      El é quen nos manda, o que nos encomenda esta misión. Por iso agradecemos esta confianza ("douche grazas, Señor, de todo corazón") e bendicimos o seu nome a través da posta en práctica das actitudes que demostran que o amor, o perdón e a misericordia que Deus manifesta con nós, tamén as podemos manifestar cos demais. Que é posible facelo, que non é unha proposta para poñer nunha vitrina e contemplala. Esta gratitude cara Deus temos que saber transmitirlla a aqueles cos que compartimos a realidade da nosa vida: aos que temos máis preto, aos que vemos e cos que tratamos cada día; pero tamén aos que están lonxe, e que aínda sen coñecelos nos van lembrando que Deus non establece fronteiras. En Xesús a universalidade -El foi o primeiro gran globalizador da humanización-, faise fraternidade e igualdade entre todos, e por iso non habemos ter medo a colaborar, participar e promocionar toda causa que busque transmitir que, sendo Deus amor e igualdade, ninguén ha ser tratado con diferenza por ser doutro sitio, ter outra cor de pel ou ter crecido noutra cultura. Aquí reside o propio da fe cristiá, o que podemos ofrecer como distinto das mensaxes planas e repetitivas que escoitamos cada día e que falan de diferenza, exclusión e rexeitamento para quen vén buscando vida digna e trato humano e respectuoso, como se no canto deles, foramos nós -como noutro tempo fomos-, os que buscaramos iso mesmo. Transmitir a experiencia de Xesús, non é logo contar historias do pasado, senón converter os eixes do Evanxeo en actitudes e comportamentos que non discriminen nin penalicen, senón que escoiten, acollan e convertan a salvación nunha experiencia de amor e misericordia. Aquí e así, como noutro tempo o fixo Paulo, é onde temos que mostrar e confesar a fe: transmitir o recibido.
*      Como El tamén foi transmitindo co seu xeito de facer as cousas o que quería que recibiran aqueles que andaban ao seu carón. Ensinaba con confianza -"xa que ti o dis"- impactaba a quen o vía e escoitaba, non resultaba indiferente o que percibían nel -"quedaron parvos"- o que facía que responderan seguíndoo, para aprender del e transmitir canto foran descubrindo no seu actuar. Por iso tamén nós podemos preguntarnos se na relación con Xesús imos crecendo en confianza; se facemos do noso tempo palabra que alenta, sorriso que anime e trato xusto e igualitario cos que nos imos topando no acontecer de cada día. Os apóstolos, porque viron que aquí estaba a forza e o sentido da súa vida, dinos o evanxeo, que o seguiron. Nós tamén o estamos a seguir?
FRATERNIDADE ORANTE
Na verdade na que nos invita sempre a camiñar Xesús, aparece o trato e respecto das persoas como centro e guieiro desde o que rezar e vivir. Dispostos a responder coa nosa vida a esta invitación, dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
Sempre dicimos que tod@s somos Igrexa, que Xesús é a nosa forza, que nel atopamos a esperanza. Para que estas palabras non soen ocas nin baleiras, pedimos que a forza da túa presenza siga actuando en nós para que o noso corazón non sexa de pedra, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
A tod@s se nos enche a boca coa palabra comunidade, pero moitas veces esquecemos que iso suponnos ser persoas que nos axudamos, buscamos a colaboración facendo cousas para todos, ou somos capaces de renunciar a un pouco do noso para que outros poidan ser, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
Por cada un e cada unha de nós, que vimos con fe a atoparnos contigo na Palabra vivida e no Pan compartido, para que redescubramos a novidade sempre sorprendente do amor do Pai, e así vivamos confiando sempre nel, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA CONFIANZA
Señor, poñemos a nosa vida nas túas mans, confiad@s en que Ti queres a nosa felicidade. Fai que sempre esteamos dispost@s a camiñar polo camiño do servizo. PXNS.
MIRADA DE ESPERANZA
“Eu creo, Señor; eu quero crer en ti”
Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe 
- “Señor, fai que a miña fe sexa PLENA: sen reservas, e que penetre no meu pensamento, no meu modo de xulgar as cousas divinas e humanas.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe
- Señor, fai que a miña fe sexa LIBRE: que teña o concurso persoal da miña adhesión, acepte as renuncias e os deberes que ela comporta e que exprese a fondura decisiva da miña personalidade.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
- Señor, fai que a miña fe sexa CERTA: certa pola congruencia externa das probas; certa pola súa luz que asegure, polas súas conclusións que tranquilicen, pola súa asimilación que dea o descanso.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
- Señor, fai que a miña fe sexa FORTE: que non tema a contradición dos problemas dos que está chea a experiencia da nosa vida, ávida de luz, que non tema as impugnacións de quen a discute, de quen a ataca, ou a nega; senón que se reafirme na íntima proba da túa verdade, que resista o cansanzo da crítica.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
- Señor, fai que a miña fe sexa ALEGRE: e comunique paz e gozo ao meu espírito, o capacite para a oración con Deus e o trato coas persoas.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
- Señor, fai que a miña fe sexa ACTIVA: que dea á caridade as razóns da súa expansión moral, que sexa verdadeira amizade contigo, alimento inenterrumpido de esperanza.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe.
- Señor, fai  que a miña fe sexa HUMILDE: que non presuma de apoiarse na miña propia experiencia. Que busque a colaboración e participación dos demais, porque solos non avanzamos, pero xuntos abrimos moitos camiños.
Todos: Señor, eu creo; pero aumenta a miña fe

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...